Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Venres, 19 de outubro de 2001 Páx. 13.601

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2001 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 11 de outubro de 2001, polo que se modifica o punto terceiro do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de xullo de 2001, polo que se concedían subvencións de ata mil cincocentos millóns (1.500.000.000) de pesetas para as obras de reparación ou restitución de infraestructuras, equipamentos, instalacións ou servicios recollidos no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, danados polas choivas e temporais acaecidos desde outubro de 2000 ata marzo de 2001.

Considerando as insuficiencias tanto orzamentarias como de tesourería formuladas por diversos concellos, respecto do reintegro total dos anticipos concedidos para poder facer fronte ás obras de reparación urxentes e necesarias derivadas dos danos ocasionados polos temporais de outubro 2000 - marzo 2001, considérase necesario flexibiliza-los requisitos recollidos no punto terceiro do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de xullo, establecendo o seu reintegro no importe correspondente á suma da subvención do Ministerio de Administracións Públicas e das subvencións que se concedían en virtude do dito acordo, e permitindo cancela-lo resto na forma prevista no convenio subscrito coa FEGAMP. O que se somete á consideración do Consello da Xunta de Galicia.

En consecuencia, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do once de outubro de dous mil un, adoptou por proposta do conselleiro de Economía e Facenda o seguinte

ACORDO:

Modifícase o punto terceiro do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de xullo de 2001, que queda redactado como segue:

«A eficacia das citadas subvencións queda condicionada a que as deputacións provinciais procedan ó reintegro dos anticipos concedidos por acordo do Consello da Xunta do 16 de febreiro de 2001, alomenos pola suma das asignacións concedidas polo Ministerio de Administracións Públicas e das subvencións que se concedan en virtude deste acordo.

A cancelación do resto do anticipo realizarase nos termos previstos na cláusula terceira do convenio subscrito coa FEGAMP.

Non obstante o establecido nos parágrafos anteriores, poderán compensarse os importes que deban reintegra-los concellos coas subvencións que se concedan por este acordo».

O gasto que comporten as citadas subvencións imputarase á aplicación orzamentaria 21.01.811A.760.0.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2001.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda