Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Venres, 19 de outubro de 2001 Páx. 13.598

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 11 de outubro de 2001 pola que se modifican as do 6 de xullo de 2001 e 18 de xullo de 2001, polas que se establece o procedemento para a concesión das subvencións aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia do 5 de xullo de 2001 para obras de reparación ou restitución de infraestructuras, equipamentos, instalacións ou servicios recollidos no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, danados polas choivas e temporais acaecidos desde outubro de 2000 ata marzo de 2001.

A Orde do 6 de xullo de 2001, da Consellería de Economía e Facenda, establece o procedemento para a concesión das subvencións aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia do 5 de xullo de 2001 para obras de reparación ou restitución de infraestructuras, equipamentos, instalacións ou servicios recollidos no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, danados polas choivas e temporais acaecidos desde outubro de 2000 ata marzo de 2001.

Pola Orde do 18 de xullo de 2001, da Consellería de Economía e Facenda, modificábanse os prazos para a presentación da documentación requirida e de resolución de concesión das subvencións.

Nas ditas ordes, e de conformidade co establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de xullo de 2001, establecíanse dous tramos de subvencións; un, aplicable ós danos ocasionados polos temporais e choivas ocorridos nos meses de febreiro e marzo de 2001, e outro aplicable ós danos producidos desde outubro de 2000 ata finais de xaneiro de 2001.

Ámbolos tramos, que conxuntamente ascendían a mil cincocentos millóns (1.500.000.000) de pesetas, quedaban regulados nas disposicións primeira e segunda das ordes anteriormente citadas.

A concesión de ámbolos dous tramos de subvencións establecíase nas ditas ordes mediante solicitude directa dos concellos afectados para o primeiro, e por asignación das deputacións provinciais para o segundo, e o cumprimento duns determinados requisitos entre os que se encontraban, ademais de presentar toda a documentación requirida, o compromiso de cancelación total dos anticipos concedidos, ó amparo do convenio asinado coa FEGAMP con data do 20 de febreiro de 2001, antes do 10 de decembro de 2001.

Dadas as dificultades que comporta a resolución independente dos dous tramos de subvencións, co obxecto de te-la seguridade de non incluír en ambos

unha mesma obra, cómpre proceder á ampliación dos prazos establecidos na Orde do 18 de xullo, co obxecto de poder complementa-la documentación presentada no sentido de recibi-la comunicación das asignacións das subvencións concedidas polo Ministerio de Administracións Públicas, todo iso ó amparo do disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Así mesmo, e dadas as insuficiencias tanto orzamentarias como de tesourería que presentan diversos concellos respecto do reintegro total dos anticipos concedidos, para poder facer fronte ás obras de reparación urxentes e necesarias derivadas dos danos ocasionados polos citados temporais, considérase necesario flexibiliza-los requisitos establecidos nas ordes citadas, en virtude de todo o anteriormente exposto, e en cumprimento do punto cuarto do acordo do Consello da Xunta de Galicia, polo que se faculta o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para a execución do dito acordo,

DISPOÑO:

Primeiro.-Modifícase o punto segundo da Orde do 6 de xullo de 2001, que quedará redactado como segue:

«Serán beneficiarios das subvencións acordadas no punto segundo do acordo do Consello Consello da Xunta de Galicia do 5 de xullo de 2001, por un importe de 927.875.767 pesetas, os concellos que figuran con danos valorados polas comisións técnicas presididas polos subdelegados do Goberno en Galicia, segundo actas do 7 de febreiro de 2001.

O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade para desenvolver polo beneficiario.

Para tal efecto, as deputacións provinciais presentarán unha relación cuantificada dos proxectos técnicos ou dos orzamentos que recibisen informes favorables das comisións de asistencia ós subdelegados do Goberno en Galicia, así como o programa de financiamento detallado por obras, no que se especifiquen tódolos axentes de financiamento e o importe das súas respectivas achegas, a que se refire a Orde do 10 de maio, do Ministerio de Administracións Públicas.

A Consellería de Economía e Facenda, á vista da citada relación e do programa de financiamento, complementado coa comunicación da asignación que realice o Ministerio de Administracións Publicas de conformidade co establecido na orde do citado ministerio do 10 de maio de 2001, asignaralle-las subvencións correspondentes a este punto segundo».

Segundo.-Modifícase o punto terceiro da Orde do 6 de xullo de 2001, modificada pola Orde do 18 de xullo de 2001, que queda redactado como segue:

«As solicitudes, así como o resto da documentación que deba achegarse segundo os puntos anteriores, deberán ter entrada no rexistro xeral da Consellería de Economía e Facenda ou en calquera outro dos enumerados no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, non máis tarde do 30 de outubro de 2001».

Terceiro.-Modifícase o punto cuarto da Orde do 6 de xullo 2001, modificada pola Orde do 18 de xullo de 2001, que deberá quedar redactado como segue:

«A Consellería de Economía e Facenda, á vista da documentación recibida, resolverá a concesión individualizada das subvencións a que se refire o punto primeiro desta orde.

Contra a dita resolución cabe a interposición dun recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Facenda, no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, de acordo cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, e artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa».

Cuarto.-Modifícase o punto quinto da Orde do 6 de xullo de 2001, que queda redactado como segue:

«Tanto as resolucións da concesión á que se refire o punto cuarto desta orde, como as asignacións a que se refire o último parágrafo do punto segundo, condicionaranse a que as deputacións provinciais procedan ó reintegro dos anticipos concedidos en virtude do convenio subscrito coa FEGAMP o 20 de febreiro de 2001, alomenos pola suma das asignacións concedidas polo Ministerio de Administracións Públicas e das subvencións concedidas por esta orde».

Quinto.-Modifícase o punto sexto da Orde do 6 de xullo de 2001, que queda redactado como segue:

«As obras obxecto destas subvencións deberán estar realizadas na súa totalidade o 1 de decembro de 2001, podendo, por motivos xustificados, ser obxecto de prórroga; entenderase xustificada a súa realización, mediante certificación acreditativa de tal extremo, que deberá ter entrada na Consellería de Economía e Facenda ou en calquera dos rexistros a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Con base en tales certificacións, a Consellería de Economía e Facenda librará o importe das subvencións concedidas á que se refire o punto primeiro desta orde ós concellos beneficiarios, e as que se refiren ó punto segundo ás deputacións provinciais.

Non obstante o establecido no punto cuarto, poderán compensarse os importes que deban reintegra-los concellos coas subvencións que se concedan por esta orde.

En todo caso, no suposto de que a suma do importe da axuda asignada a un concello polo Ministerio de Administracións Públicas e da que se conceda por esta orde sexa de inferior contía ó importe do anticipo concedido en virtude do convenio subscrito coa FEGAMP con data do 20 de febreiro de 2001, a diferencia poderá reintegrarse nos termos e condicións establecidos na cláusula terceira do dito convenio.

Sexto.-Modifícase o punto sétimo da Orde do 6 de xullo de 2001, que queda redactado como segue:

«As subvencións que se concedan ó abeiro desta orde imputaranse á aplicación orzamentaria 21. 01.811A.760.0 Subvencións de capital a corporacións locais».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2001.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda