Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Mércores, 17 de outubro de 2001 Páx. 13.521

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 21 de setembro de 2001 pola que se fixan as retribucións que percibirán os recadadores de zona.

No punto 4 do artigo 29 do Decreto 51/2000, do 25 de febreiro, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e do Estatuto dos recadadores de zona, establécese que a Consellería de Economía e Facenda poderá revisa-las retribucións dos recadadores de zona cando as circunstancias o aconsellen en función tanto do número de documentos e o volume de débeda cargada a cada zona, como dos gastos dela e as súas circunstancias obxectivas.

No artigo 4 da Orde do 20 de maio de 1997, pola que se fixaron as retribucións que percibirían os recadadores de zona dispoñíase que se poderían revisa-los criterios retributivos que nela se establecían cando as circunstancias o aconsellaran.

Por isto, producidas esas circunstancias, proponse a súa modificación.

En consecuencia, en uso da autorización contida na disposición derradeira primeria do citado decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Sobre a suma dos ingresos que sexan imputables en cada exercicio a cada zona e que corresponden a providencias de constrinximento cun importe que non exceda de 5.000.000 de pesetas (30.050,61 euros), aplicaranse as seguintes porcentaxes:

De 0 pesetas a 100.000.000 de pesetas o 20%.

De 100.000.001 pesetas a 200.000.000 de pesetas o 15%.

De 200.000.001 pesetas a 400.000.000 de pesetas o 10%.

A partir de 400.000.001 pesetas o 5%.

Artigo 2º

Á providencia de constrinximento cun importe que exceda de 5.000.000 de pesetas (30.050,61 euros), a retribución dos recadadores establecerase por cada valor, aplicando ós ingresos que obteña a seguinte táboa:

De 0 pesetas a 5.000.000 de pesetas o 20%.

De 5.000.001 pesetas a 10.000.000 de pesetas o 10%.

De 10.000.001 pesetas a 100.000.000 de pesetas o 2,5%.

A partir de 100.000.001 pesetas o 0,5%.

Cando en relación con estes valores se produzan ingresos parciais, a porcentaxe de retribución correspondente determinarase acumulando ó pagamento parcial de que se trate tódolos efectuados con anterioridade.

Artigo 3º

As retribucións a que se refiren os artigos anteriores non inclúen o imposto sobre o valor engadido.

Disposición transitoria

A presente orde producirá efectos sobre a xestión recadatoria a que se refire o parágrafo 2º do número 1 do artigo 30 do citado Decreto 51/2000, do 25 de febreiro, que se produza a partir do primeiro do mes seguinte á súa entrada en vigor.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 20 de maio de 1997 pola que se fixan as retribucións que percibirán os recadadores.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2001.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda