Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Martes, 16 de outubro de 2001 Páx. 13.511

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN GALICIA-EUROPA

ANUNCIO do 1 de outubro de 2001 polo que se convocan bolsas para a concesión de axudas económicas dirixidas a licenciados universitarios que obteñan ó longo de 2002 unha estadía non remunerada nalgunha das institucións comunitarias.

A Fundación Galicia Europa convoca oito bolsas para financia-la estadía non remunerada en institucións comunitarias ó longo do ano 2002 de licenciados ou titulados superiores que realizasen os seus estudios nalgunha das universidades galegas.

1. Requisitos:

1. Posuí-lo compromiso escrito da correspondente institución no que se acepte a solicitude do candidato para a realización dunha estadía non remunerada.

2. Contar cun expediente académico universitario con, alomenos, media de notable.

3. Acredita-lo coñecemento dunha lingua comunitaria de traballo, ademais do castelán e do galego.

4. Ser menor de 30 anos.

5. Posuír veciñanza civil galega no momento da publicación deste anuncio.

6. Posuí-la nacionalidade dalgún dos estados membros da Unión Europea.

2. Selección:

A Fundación Galicia Europa efectuará a selección dos peticionarios, en función dos méritos acreditados entre aqueles que sexan admitidos polas correspondentes institucións.

Entre eses méritos serán de especial consideración a realización en Galicia de estudios universitarios oficiais de postgrao sobre asuntos de integración europea axeitados á realidade galega e doutros equivalentes en centros europeos de referencia.

A resolución destas bolsas realizararase de xeito inmediato segundo a orde de recepción das solicitudes ata esgota-lo crédito orzamentado.

3. Duración:

O financiamento da bolsa será ata un máximo de cinco meses de duración por estadía.

4. Contía:

A contía da bolsa será de 902 A por mes (150.080 pesetas/mes) para aloxamento e manutención. Os gastos de transporte e seguros serán por conta dos candidatos.

Os remanentes que puidesen restar despois da adxudicación das bolsas convocadas poderán ser aplicados ata esgota-lo crédito orzamentario mediante a aprobación de mensualidades adicionais ou soltas.

No suposto de non concederse tódalas axudas, o remanente orzamentario existente podería ser incorporado a calquera das modalidades do programa de actuacións que, con carácter xeral, convoca a Fundación Galicia Europa.

5. Prazo e forma de presentación de solicitudes:

O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 30 de outubro de 2002.

Xunto coa solicitude de bolsa, segundo o modelo do anexo I, deberá presentarse currículum vitae e copias do expediente académico e da restante documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos.

As solicitudes deberán presentarse ou dirixirse por correo certificado con xustificante de recepción á Fundación Galicia Europa, rúa Os Feáns, 5-b baixo, 15706 Santiago de Compostela.

Poderase solicitar información adicional de luns a venres, de 9 a 14 horas, polos seguintes medios:

-Teléfono: 981 54 10 12.

-Fax: 981 54 10 13.

-Correo electrónico: santiago*fundaciongaliciaeuropa.org.

-Página web: http://www.fundaciongaliciaeuropa.org.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2001.

Jaime Pita Varela

Secretario xeral da Fundación Galicia Europa