Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 15 de outubro de 2001 Páx. 13.442

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE VIGO

ANUNCIO de aprobación definitiva do proxecto de urbanización do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo (expediente 4281/401).

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, en sesión do 21 de xuño de 2001, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto de urbanización do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, presentado polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, redactado polas entidades Agestock A.I.E. e Synconsult, S.L., e asinado polo enxeñeiro de camiños Jordi Robert Delgado, na súa versión definitiva, de maio de 2001 (expediente 4281/401), cun orzamento total de 3.608.640.881 pesetas (1ª fase) e 983.578.617 pesetas (2ª fase), IVE incluído.

Segundo.-Estimar parcialmente a alegación formulada pola Asociación de Veciños, Consumidores e Usuarios do Centro Social, Cultural e Recreativo de Beade no sentido e polos motivos contidos no informe do enxeñeiro técnico municipal de obras públicas do 20-6-2000 que se transcribe na parte expositiva deste acordo.

Terceiro.-Antes do inicio das obras deberán cumprirse os condicionantes e requisitos sinalados polo enxeñeiro municipal do Departamento de Medio Ambiente e polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia nos seus respectivos informes do 22-5-2001 e 7-6-2001, debendo presentarse e aprobarse o correspondente proxecto de restauración e o desenvolvemento dun plan de vixilancia e seguimento ambiental. Do mesmo xeito, as obras que afectan as canles dos regatos e as súas zonas de servidume deberán ser previamente autorizadas polo organismo autónomo Augas de Galicia da Xunta de Galicia. Igualmente, o pavimento das pontes e pasarelas será antiesvarante e construiranse foxos nos bordos dos camiños peonís segundo a súa disposición, non empregándose un material de acabado superficial disgregado.

Cuarto.-A dirección da obra será compartida cos técnicos municipais. No momento inmediatamente anterior ó do inicio das obras efectuarase un replanteo destas en coordinación cos técnicos do Departamento de Vías e Obras do concello. Tamén debe comunicarse o inicio e finalización das obras ó Departamento Municipal de Servicios Electromecánicos, para a comprobación da rede de iluminación pública.

Quinto.-Publicar este acordo no BOP e no DOG, con notificación individualizada á asociación alegante e demais interesados, na forma legalmente prevista.

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, en sesión do 30 de agosto de 2001, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Primeiro.-Aclara-lo disposto no primeiro inciso do punto cuarto do acordo do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, do 21 de xuño de 2001, de aprobación definitiva do proxecto de urbanización do Parque Tecnolóxico de Vigo, no sentido de que a dirección das obras de execución, no seu concepto técnico, coas obrigas e responsabilidades anexas descritas nos artigos 12 e 13 da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, lles corresponde en exclusiva ó Consorcio da Zona Franca de Vigo e ós técnicos designados por este, sen prexuízo da potestade de supervisión das obras que ten o concello.

Segundo.-Notificar este acordo ó Consorcio da Zona Franca de Vigo, na forma legal.

Contra o devandito acordo, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos:

a) Potestativo de reposición ante o Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo de Vigo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación deste anuncio.

b) Contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación deste anuncio.

De conformidade co artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, LRXAP-PAC, por medio deste anuncio notifícaselle-lo acordo que nel se contén a tódolos propietarios afectados descoñecidos, de ignorado enderezo, respecto dos cales non se puido practica-la notificación intentada.

Vigo, 7 de setembro de 2001.

Lois Pérez Castrillo

Alcalde-presidente da Xerencia Municipal de Urbanismo