Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 15 de outubro de 2001 Páx. 13.379

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 11 de outubro de 2001 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios sanitarios prestados polos veterinarios oficiais, dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, durante a folga convocada pola Federación de Servicios Públicos da Unión Xeral de Traballadores-UGT-Galicia, a Federación da Administración Pública da Confederación Intersindical Galega-CIG, a Federación da Área Pública de CC.OO. de Galicia e o sector autonómico da Confederación Sindical Independiente de Funcionarios-CSIF, que se levará a efecto os días 16 e 18 de outubro de 2001.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da protección da saúde non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta a tódalas actividades desempeñadas polos veterinarios oficiais con vínculo funcionarial, dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais no ámbito da Administración autonómica da Xunta de Galicia, desde as 0 horas ás 24 horas dos días 16 e 18 de outubro de 2001, unha vez oído o comité de folga, determínanse os criterios de fixación dos servicios mínimos. Neles trátase de conxugar a garantía do dereito de folga destes profesionais coa debida protección á saúde da poboación afectada,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A folga convocada desde as 0 horas ás 24 horas dos días 16 e 18 de outubro de 2001, que afectará a tódalas actividades laborais e funcionariais desempeñadas polos veterinarios oficiais dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais no ámbito da Administración autonómica da Xunta de Galicia,

enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios de saúde pública, en evitación de que se produzan graves prexuízos para a saúde dos cidadáns.

Tales servicios mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, co mantemento dunha serie de servicios á poboación, que baixo ningún concepto poden quedar desasistidos, e deberán ser prestados tendo en conta as obrigas que o marco normativo vixente, no contexto europeo, nacional ou autonómico, establece en materia alimentaria co obxectivo de protexe-la saúde dos cidadáns.

Para determina-los devanditos servicios téñense en conta os seguintes criterios rectores:

1. A obriga que establece a regulamentación vixente (normativa europea e nacional) en materia de control sanitario para a obtención e comercialización de carnes frescas obriga a que, en cada matadoiro autorizado (homologado) para o sacrificio de gando, haxa alomenos un inspector veterinario oficial que supervise toda a actividade diaria do matadoiro.

2. O aseguramento das condicións sanitarias da carne que se produza nos días de folga.

3. As inspeccións obrigadas pola regulamentación vixente en determinadas instalacións e actividades como salas de despezamento, almacéns frigoríficos, etc.

4. A necesidade de asegura-la calidade sanitaria dos productos que son obxecto de inspección nas grandes lonxas (A Coruña e Vigo).

5. A cobertura das necesidades urxentes ou de perentoria necesidade, entre as que se atopan alertas alimentarias de nivel I, intoxicacións alimentarias, actuacións especiais en establecementos e calquera outra que a autoridade sanitaria competente determine como tal.

Os ditos criterios rectores explicítanse do modo seguinte:

I. Os inspectores veterinarios oficiais de saúde pública de comarca cubrirán as necesidades urxentes ou de perentoria necesidade, entre as que se atopan alertas nivel I, intoxicacións alimentarias e actuacións especiais en establecementos de alimentación.

Ademais, realizarán en salas de despezamento e matadoiros de escasa capacidade, as tarefas necesarias para evita-las situacións de desabastecemento que se poidan producir pola duración da folga (tres días despois dunha fin de semana) e as situacións especiais derivadas das urxencias que poidan producir, entre as que se atopan as de benestar animal, e outras de semellante natureza.

II. Os inspectores veterinarios de saúde pública de matadoiro realizarán as tarefas necesarias para evita-las situacións de desabastecemento que se poidan producir pola duración da folga e cubrirán as situacións especiais derivadas das urxencias que poidan producir, entre as que se atopan as de benestar animal e outras de semellante natureza.

III. Para os inspectores veterinarios de saúde pública de lonxa considérase que dos seis existentes, tres na Coruña e tres en Vigo, deben quedar polo menos un por cada lonxa os días da folga, coa fin de asegura-la calidade sanitaria dos productos que son obxecto de inspección.

A relación dos servicios mínimos veterinarios de saúde pública dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais propostos en cada unha das catro delegacións provinciais recóllese no anexo.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será determinada polo delegado provincial de Sanidade e Servicios Sociais, procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios da delegación e notificándoa ós profesioais designados.

O profesional así designado que desexe exerce-lo seu dereito de folga poderá insta-la substitución da súa designación por outro profesional que voluntariamente acepte o cambio de maneira expresa.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios de cada delegación provincial, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposicion derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2001.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Delegación Provincial de Sanidade e Servicios Sociais da Coruña

Zona A Coruña:

-Xefe de zona: 1.

-Directores técnicos de industrias alimentarias: 1.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de comarca: 3.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de matadoiros: 11.

-Inspectores de lonxas: 1.

Zona de Ferrol:

-Xefe de zona: 1.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de comarca: 2.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de matadoiros: 3.

Zona de Santiago de Compostela:

-Xefe de zona: 1.

-Directores técnicos de industrias alimentarias: 1.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de comarca: 2.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de matadoiros: 6.

Zona de Noia:

-Xefe de zona: 1.

-Directores técnicos de industrias alimentarias: 1.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de comarca: 2.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de matadoiros: 3.

Delegación Provincial de Sanidade e Servicios Sociais de Lugo

Zona de Lugo:

-Inspectores veterinarios de saúde pública de comarca: 3 (dous en quenda de mañá e outro en quenda de tarde).

-Inspectores veterinarios de saúde pública de matadoiros: 8.

Zona de Burela:

-Inspectores veterinarios de saúde pública de comarca: 3 (dous en quenda de mañá e outro en quenda de tarde).

-Inspectores veterinarios de saúde pública de matadoiros: 3.

Zona de Monforte de Lemos:

-Xefe de zona: 1.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de comarca: 2 (un en quenda de mañá e outro en quenda de tarde).

-Inspectores veterinarios de saúde pública de matadoiros: 3.

Delegación Provincial de Sanidade e Servicios Sociais de Ourense

Zona de Ourense:

-Xefe de zona: 1.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de comarca: 2 (un en quenda de mañá e outro en quenda de tarde).

-Inspectores veterinarios de saúde pública de matadoiros: 7 (6 en matadoiros de vacún e 1 para o de aves).

Zona de Verín:

-Xefe de zona: 1.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de comarca: 2 (un quenda de mañá e outro en quenda de tarde).

-Inspectores veterinarios de saúde pública de matadoiros: 2.

Zona do Barco de Valdeorras:

-Xefe de zona: 1.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de comarca: 2 (un en quenda de mañá e outro en quenda de tarde).

-Inspectores veterinarios de saúde pública de matadoiros: 2.

Delegación Provincial de Sanidade e Servicios Sociais de Pontevedra

Zona de Pontevedra:

-Xefe de zona: 1.

-Directores técnicos de industrias alimentarias: 1.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de comarca: 3 (un deles para atende-las salas de despezamento da comarca de Pontevedra e Cangas e outro na comarca de Vilagarcía).

-Inspectores veterinarios de saúde pública de matadoiros: 6.

Zona de Vigo:

-Xefe de zona: 1.

-Directores técnicos de industrias alimentarias: 1.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de comarca: 2 (un deles para atender salas de despezamento de obrigada inspección diaria).

-Inspectores veterinarios de saúde pública de matadoiros: 7.

-Inspectores de lonxas: 1.

Zona de Lalín:

-Xefe de zona: 1.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de comarca: 1.

-Inspectores veterinarios de saúde pública de matadoiros: 6.