Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Luns, 15 de outubro de 2001 Páx. 13.375

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 2 de outubro de 2001 pola que se regula a concesión de dereitos de replantación anticipada ó arrinque dun viñedo na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Regulamento (CE) nº 1493/1999, do consello, do 19 de maio de 1999, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola e o Regulamento nº 1227/2000, da comisión, que desenvolve as disposicións de aplicación do anterior regulamento no tocante ó apartado de potencial de producción, permite a asignación de dereitos de replantación anticipada ó arrinque dun viñedo, logo da regulación do Estado membro.

O Real decreto nº 1472/2000, do 4 de agosto (BOE nº 187), polo que se regula o potencial de producción vitícola, establece no seu artigo 3.2º que as comunidades autónomas poderán conceder dereitos de replantación anticipada para plantar nunha superficie determinada, ós productores que presenten un compromiso escrito de que procederán ó arrinque nunha superficie plantada de vide equivalente, antes de que finalice a segunda campaña posterior á plantación da superficie. Este compromiso deberá ir xunto cun aval bancario. As comunidades autónomas establecerán o importe do dito aval que deberá ser, cando menos, por un importe equivalente ó valor da nova plantación que se vaia realizar, incluíndo o valor da superficie, da plantación e do dereito de replantación.

A Orde do 5 de setembro de 2000, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, pola que se regulan os plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia, permite que, como alternativa á prima compensatoria por perda

de ingresos no período improductivo, se poida optar pola coexistencia dos viñedos por un período máximo de dúas campañas vitícolas.

A Orde do 19 de xuño de 2001, pola que se regulan diferentes aspectos do potencial de producción vitícola e se regula a asignación de dereitos para novas plantacións de viñedo en zonas de denominación de orixe, establece en materia de autorizacións administrativas os procedementos para a obtención de dereitos de replantación.

En consecuencia, para levar a cabo a aplicación da concesión de dereitos de replantación de viñedo de forma anticipada na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Os titulares de viñedo inscrito no Rexistro Vitícola Comunitario (RV) da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderán solicita-la concesión de dereitos de replantación anticipada ó arrinque dun viñedo, mediante o procedemento desenvolvido pola presente orde.

2. Para os efectos desta orde, entenderase como concesión de dereitos de replantación anticipada (tamén denominado arrinque diferido á plantación de viñedo AD) a posibilidade de plantar un viñedo de forma anticipada ó arrinque doutro viñedo do que procederán os dereitos de replantación.

Artigo 2º

1. A solicitude de dereitos de replantación de forma anticipada farase mediante os impresos normalizados do modelo AD do arrinque diferido, que se facilitarán nas oficinas agrarias comarcais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, segundo o modelo do anexo I, e que deberán ir xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI, NIF ou CIF do solicitante e do propietario (se é o caso).

-Copia da ficha do RV do titular da parcela, en todo caso.

-Esbozo acotado que identifique a superficie, no caso de ser arrinque parcial dunha viña.

2. Naqueles casos nos que os datos da ficha vitícola non coincidan literalmente cos da solicitude de dereitos de replantación anticipada, deberán presentar solicitude de actualización/modificación do RV, de acordo co disposto na Orde do 19 de xuño de 2001, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

3. No caso de que o viticultor (titular explotador da parcela no RV) sexa distinto do propietario, deberase acreditar fidedignamente a propiedade dos dereitos de replantación. Así mesmo, será obrigatorio presentar unha autorización do propietario, adxudicándolle ó viticultor os dereitos de uso e disposición sobre as parcelas de viña, como explotador deles.

4. No impreso de solicitude deberase indica-la persoa que, como viticultor ou propietario da parcela de viña que se vaia arrincar, procederá á plantación do novo viñedo e a solicita-lo arrinque anticipado, comprome

téndose ó arrinque da superficie pola que se solicitan dereitos de replantación anticipada, antes de que finalice a segunda campaña posterior á plantación da superficie. Así mesmo, como garantía, presentará o aval bancario regulado no artigo 6 desta orde.

5. A solicitude deberá presentarse conxuntamente coa solicitude de plantación do viñedo (nos impresos normalizados P, correspondentes ó anexo V da Orde do 19 de xuño de 2001) e presentaranse preferentemente nas oficinas agrarias comarcais, sendo tamén válida a presentación en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º

1. Só poderán presentarse solicitudes de plantacións anticipadas cando estas se vaian desenvolver durante a campaña vitícola, isto é, que se realicen con anterioridade ó 31 de xullo seguinte ó da súa presentación.

2. O prazo para resolve-las solicitudes será de tres meses contados a partir da súa presentación, transcorrido o cal, sen que se notificase a autorización, entenderase esta denegada.

Artigo 4º

1. Só poderán concederse dereitos de replantación de viñedo de forma anticipada cando o titular do viñedo non posúa dereitos de plantación, ou os posúa en número insuficiente para planta-la superficie solicitada de plantación. Non poderán concederse máis dereitos dos necesarios para a superficie solicitada, tendo en conta os dereitos que xa estean na súa posesión.

2. Un dereito de replantación anticipada de viñedo non pode transferirse a outra explotación vitícola e só poderá executarse na explotación da que proceda.

Artigo 5º

Unha vez revisada e verificada a solicitude do arrinque diferido, conxuntamente coa solicitude de plantación, dilixenciarase o impreso AD do arrinque diferido concedendo ou non o dereito de replantación e remitirase comunicación ó interesado para continuar coa tramitación nos seguintes termos:

-No caso de que a solicitude de arrinque diferido sexa autorizada, requiriráselle ó interesado a presentación das garantías necesarias segundo o artigo seguinte (aval bancario), no prazo que se determine e nos termos de cantidade económica que haxa que avalar e persoa que debe avalalo.

Unha vez entregado o aval e conformado, remitiráselle ó interesado o impreso de arrinque diferido autorizado que deberá custodiar para, no prazo establecido, efectua-lo arrinque da viña e a súa comunicación a esta consellería.

-No caso de que a solicitude de arrinque diferido non sexa autorizada, remitiráselle ó interesado o impreso debidamente dilixenciado, co obxecto de que o volva presentar no prazo que se determine e antes do arrinque do viñedo, para poder autoriza-la plantación solicitada nas condicións habituais de plantación despois do arrinque. No caso de que non se presente, entenderase que desiste da súa solicitude de arrinque e plantación.

Artigo 6º

1. A concesión dun dereito de replantación anticipada de viñedo quedará formalizada cando, no prazo que se determine, o interesado entregue un aval bancario por un importe de 3.000.000 de pesetas por hectárea.

Non pode entregarse o aval bancario coa solicitude de dereito de replantación anticipada e só se entregará cando se lle requira, unha vez comprobadas as súas solicitudes e o rexistro de viñedo.

2. O aval bancario deberase axustar ó modelo do anexo II.

Artigo 7º

1. Só poderán presentarse solicitudes de plantacións anticipadas que vaian plantarse durante a campaña vitícola. Para estes efectos, o arrinque deberá efectuarse e comunicarse coa entrega do impreso de arrinque diferido AD, que contará no seu poder antes do 31 de xullo do terceiro ano seguinte ó da solicitude de plantación.

Entregado este impreso e comprobado o arrinque, procederase á liberación do aval bancario ó seu titular.

2. No caso de que o interesado non desexe planta-lo viñedo autorizado e renuncie a esa plantación, poderá solicitar por escrito a liberación do aval bancario, devolvendo o impreso de autorización da plantación e de solicitude de arrinque diferido.

Artigo 8º

1. O incumprimento da obriga de arrinque suporá, conforme establece o artigo 3.2º do Real decreto 1472/2000, a execución do aval, así como a sanción que corresponda, todo isto sen prexuízo da posible execución subsidiaria da obriga de arrinque por parte desta Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

2. Igualmente, segundo establece o artigo 4.5º do Regulamento (CE) nº 1227/2000, da comisión, poderá considerarse que a superficie específica da que non se arrincaran as vides se plantou infrinxindo a prohibición establecida no artigo 2.1º do Regulamento (CE) nº 1493/1999.

Artigo 9º

As parcelas de viñedo ás que se lle autorizase o dereito de replantación anticipado, non poderán cambia-los datos relativos ó propietario do viñedo nin á superficie rexistrada no rexistro de viñedo. O resto de datos, incluído o que se refire ó cultivador da viña, poderán modificarse logo de comunicarlle ó interesado que sobre esa parcela existe un compromiso de arrinque diferido.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria a dictar resolucións e adopta-las medidas necesarias para o cumprimento do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Cnselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria