Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 11 de outubro de 2001 Páx. 13.341

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 5 de outubro de 2001 pola que se convocan unhas xornadas sobre dereito cooperativo: presente e futuro.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001 e de acordo

coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Universidade de de Santiago de Compostela e coa Consellería de Xustiza Interior e Relacións Laborais, unhas xornadas sobre dereito cooperativo: presente e futuro; convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Preténdese ofrecer unha visión global do dereito cooperativo en vigor na nosa Comunidade Autónoma. A Lei de cooperativas de Galicia, o Decreto de regulación do Consello Galego de Cooperativas e, próximamente, o Regulamento do rexistro de cooperativas fan que este sector da actividade vaia tendo unha substantividade propia que require unha análise do seu estado actual e futuro.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-O futuro do dereito de cooperativas.

-O fenómeno cooperativo e a súa regulación.

-Concepto e características da sociedade cooperativa galega.

-Rexistro Mercantil e rexistro de cooperativas.

-O Regulamento do rexistro de cooperativas de Galicia, organización e funcionamento.

-O sector cooperativo en Galicia, estado actual e perspectivas de futuro.

-A posición xurídica do socio nas sociedades cooperativas.

-A consideración da sociedade cooperativa como entidade mercantil.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega, socios e directivos de cooperativas e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas en Santiago de Compostela), os días 15 e 16 de novembro de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 13 de novembro de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 14 de novembro, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Retransmisión por Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento destas xornadas por Internet poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública