Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 11 de outubro de 2001 Páx. 13.331

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de outubro de 2001 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga convocada polo Sindicato Interino do Ensino Galego para o día 15 de outubro de 2001 para todo o profesorado que preste os seus servicios no ámbito dos centros públicos de ensino da Comunidade Autónoma de Galicia dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O exercicio do dereito fundamental á educación, así como dos seus corolarios, non se deben ver afectados gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios; así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

O dereito á educación é un dereito de carácter social, e polo tanto reclama dos poderes públicos as accións positivas necesarias para que poida levar

se a cabo en igualdade de todos aqueles que se encontran en calquera dos niveis formativos en calquera tipo de centro.

Sinálanse, por iso, os servicios mínimos necesarios para manter en funcionamento os comedores escolares e un mínimo de vixilancia e atención para os alumnos que poidan acudir ós centros, xa que a maioría deles son menores de dezaoito anos e moitos deles con idades comprendidas entre os tres e os catorce anos.

Convocada a folga que afecta a todo o profesorado do ensino público de Galicia que presta os seus servicios nos centros públicos de ensino da Comunidade Autónoma de Galicia dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para o día 15 de outubro e cumprindo o preceptivo trámite de audiencia ó comité de folga, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afecta ó profesorado que presta os seus servicios nos centros públicos de ensino da Comunidade Autónoma de Galicia, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que se realizará o vindeiro día 15 de outubro, entenderase condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-lo necesario exercicio do dereito fundamental á educación.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa adecuada atención ós usuarios titulares do dito dereito fundamental.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será feita pola dirección do centro respectivo; procedéndose á súa publicación no taboleiro de anuncios dos centros afectados.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos docentes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Nos centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

-O/A director/a ou un membro do equipo da dirección.

-O 30% do persoal docente encargado dos comedores nos centros de educación primaria/centros públicos integrados con servicio de comedor e centros públicos de ensino secundario, se é o caso.

-O 25% do persoal docente encargado de comedores das escolas fogar, garantindo un mínimo de dúas persoas.