Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 10 de outubro de 2001 Páx. 13.291

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de outubro de 2001 pola que se dispón o comezo da actividade administrativa nas cámaras de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Tui como instrumentos coadxuvantes da Oficina de Tramitación Única de Industrias (OTU).

O Decreto 22/1999, do 5 de febreiro, regula o procedemento para habilitar entidades de carácter asociativo e representativas dos diversos sectores comercial e industrial como instrumentos colaboradores da Oficina de Tramitación Única de Industrias para a información e recepción de solicitudes e demais documentación relacionados coa posta en funcionamento de novas industrias, traslado ou ampliación dun establecemento industrial.

Para levar a cabo esta habilitación subscribiuse un convenio de colaboración entre as consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Industria e Comercio e as cámaras de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra, Vilagarcia de Arousa e Tui, cumprindo os requisitos establecidos no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de marzo de 1991.

Mediante este convenio regúlanse as funcións que deben desenvolve-las devanditas cámaras de Comercio, Industria e Navegación, referidas ós expedientes administrativos para a posta en funcionamento dunha nova industria ou o traslado ou ampliación dun establecemento industrial, así como os compromisos e requisitos que deben cumprir.

Ó dispoñeren as devanditas cámaras de Comercio, Industria e Navegación da infraestructura técnica prevista no convenio,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. De conformidade co establecido no Decreto 22/1999, do 5 de febreiro, e de acordo cos convenios de colaboración subscritos entre as consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Industria e Comercio e as cámaras de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Tui, habilítanse estas corporacións públicas como instrumentos coadxuvantes da Oficina de Tramitación Única de Industrias (OTU) dependente da Delegación Provincial da Consellería de

Industria e Comercio en Pontevedra para o exercicio de funcións de información e asesoramento en materia de creación de industrias e recepción de solicitudes e demais documentación relativa á posta en funcionamento de novas industrias ou o traslado ou ampliación de establecementos industriais xa existentes.

2. Recoñécese a validez e eficacia dos asentos realizados no rexistro das cámaras de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Tui na materia sinalada no parágrafo anterior da documentación dirixida á Oficina de Tramitación Única de Industrias, conforme o establecido no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, conforme a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Para os efectos do previsto no artigo 3 c) do Decreto 22/1999, do 5 de febreiro, as cámaras de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Tui deberán remitir, con carácter inmediato á Oficina de Tramitación Única de Industrias da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra as solicitudes e documentos presentados polos particulares interesados nos procedementos administrativos regulados no Decreto 223/1998, de 24 de xullo.

Artigo 2º

1. As cámaras de Comercio, Industria e Navegación de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Tui exercerán as seguintes funcións:

a) Recepción e rexistro das solicitudes e documentos que se presentan para as autorizacións de posta en funcionamento dunha industria, traslado ou ampliación dun establecemento industrial.

b) Información e asesoramento en materia de autorizacións administrativas para a creación de industrias.

c) Información do estado de tramitación dos expedientes OTU iniciados tanto nas propias cámaras de Comercio, Industria e Navegación como en calquera oficina OTU da Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O establecido nesta orde non supón incremento de gasto.

Segunda.-Facúltase a Inspección Xeral de Servicios e a Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos para dictaren as normas precisas para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa públicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública