Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 10 de outubro de 2001 Páx. 13.290

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 de setembro de 2001 pola que se declara de interese galego a Fundación Paideia Galiza e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Con data 28 de setembro de 2001 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da

Presidencia e Administración Pública do 21 de setembro de 2001 pola que se clasifica como mixta a Fundación Paideia Galiza, adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 30 de xullo de 2001, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número mil novecentos oitenta e tres do seu protocolo, por Rosalía Mera Goyenechea, María Sandra Ortega Mera, José María Valencia Ces e Antonio Abril Abadín; interveñen todos no seu propio nome e dereito.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 6 dos seus estatutos ten por obxecto:

a) A atención, formación, orientación, documentación, estudio e investigación ou calquera outra forma de intervención nos camos das ciencias humanas e sociais.

b) A atención, formación, orientación, documentación, estudio e investigación ou calquera outra forma de intervención na problemática xerada por calquera tipo de exclusión social.

c) A promoción e realización de actividades de interese educativo, cultural, científico, deportivo, sanitario, de cooperación para o desenvolvemento de fomento da economía social, de conservación do ambiente, de promoción do voluntariado ou outras de análogo interese humano e social.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego,

DISPOÑO:

Artigo único:

1. Declarar de interese galego a Fundación Paideia Galiza ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de Fundacións de Interese Galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Paideia Galiza no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das Fundacións de Interese Galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública