Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Mércores, 10 de outubro de 2001 Páx. 13.290

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de setembro de 2001 pola que se clasifica como de interese social a Fundación Preescolar na Casa.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Preescolar na Casa, con domicilio na cidade de Lugo, praza de Ferrol, 3-1º esquerda.

Supostos de feito.

Primeiro.-Alejandro Fernández Pumariño na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 14 de xuño de 2001, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo o 10 de maio de 2001, ante o notario Mario-Alfonso Calvo Alonso baixo o número 1756 de protocolo por Manuel Gómez Díaz na súa condición de director de Cáritas Diocesana de Lugo, sendo emendada por outra do 27 de xullo de 2001 perante o mesmo notario e co número 2913 do seu protocolo, que procede a confeccionar uns novos estatutos que substitúen na súa integridade os incorporados naquela e que quedan sen efecto.

Terceiro.-Segundo consta no artigo seis dos estatutos, o obxecto da fundación é destinar e afectar un patrimonio, unha estructura organizativa e uns medios humanos á realización, sen ánimo de lucro, de fins xerais de interese galego no ámbito sectorial da promoción da educación infantil na familia, como base da educación total da persoa a través do desenvolvemento de capacidades, adquisición de coñecementos, elaboración de pensamento, formación en valores, cultivo de sentimentos, potenciación da vontade e integración social.

Cuarto.-O padroado da fundación estará constituído segundo se determina no artigo 13 dos estatutos.

Quinto.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación Preescolar na Casa, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Terceiro.-Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 18 de setembro de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese social a Fundación Preescolar na Casa e adscribila á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública