Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Martes, 09 de outubro de 2001 Páx. 13.242

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de setembro de 2001 pola que se clasifica como de interese social a Fundación San Froilán.

Visto o expediente de clasificación da Fundación San Froilán, con domicilio na Coruña, praza de Pontevedra, nº 14, 2º C.

Supostos de feito.

Primeiro.-José Luis Ramos López, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 23 de xullo de 2001, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 20 de xullo de 2001, ante o notario Francisco Manuel López Sánchez, co número 2069 do seu protocolo, por José Luís Ramos López e a súa dona Consuelo Merino Ruíz e Juan Andrés Merino Barrero intervindo en nome propio e sendo modificada por outra do 22 de agosto perante o mesmo notario e co número 2339 do seu protocolo.

Terceiro.-Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos é obxecto da fundación cubrir necesidades sociais, preferentemente en temas de axuda e asistencia ó colectivo da terceira idade e, polo tanto, á construcción e mantemento de residencias de terceira idade, á dotación de material adecuado ó seu funcionamento, á conservación de edificios e adquisición de inmobles adecuados a aquel fin; çó mantemento e formación do persoal necesario para o funcionamento das instalacións e, en xeral, á realización de actividades conducentes a crear no seo das instalacións un ambiente favorable á convivencia dos residentes.

Cuarto.-O padroado da fundación estará constituído por José Luis Ramos López como presidente, Consuelo Merino Ruíz como secretaria e Juan Andrés Merino Barrero como vocal.

Quinto.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación San Froilán, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Terceiro.-Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 18 de setembro de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese social a Fundación San Froilán e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública