Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Martes, 09 de outubro de 2001 Páx. 13.242

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de setembro de 2001 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación San Bernabé.

Visto o expediente de clasificación da Fundación San Bernabé, con domicilio na rúa Currelada, nº 17, Vilaseco do Bolo (Ourense).

Supostos de feito.

Primeiro.-Francisco Javier Martínez Vázquez, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 5 de setembro de 2001, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Pobra de Trives o 9 de xuño de 2001, ante o notario Javier Fernández Carratala, baixo o número 215 de protocolo por Germán Domínguez Fernández, José-Santos Fernández Vázquez, Pablo Fernández Vázquez, Francisco-Javier Martínez Vázquez, Javier García Paradelo, Manuel-Ángel García Paradelo, María Isabel Martínez Vázquez, María de los Ángeles Alonso Conde e Rosa-María Castro Rodríguez, que interveñen no seu propio nome e dereito.

Terceiro.-Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é impulsa-lo desenvolvemento das Terras do Bolo a través da recuperación do seu patrimonio histórico-cultural e a potenciación dos seus recursos ambientais.

Cuarto.-O padroado da fundación estará constituído por Francisco-Javier Martínez Vázquez como presidente, Pablo Fernández Vázquez como vicepresidente, Rosa María Castro Rodríguez como secretaria e María-Isabel Martínez Vázquez como vocal.

Quinto.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación San Bernabé, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Terceiro.-Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 18 de setembro de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación San Bernabé e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública