Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 08 de outubro de 2001 Páx. 13.227

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ACORDO do 26 de setembro de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e estudio de impacto ambiental das instalacións electromecánicas que se citan. (Expediente IN661A-23/1999).

Para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro (BOE nº 285) do sector eléctrico e polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia (DOG nº 188), Real decreto lei 9/2000, do 6 de outubro, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental (BOE nº 241), e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo (DOG nº 136) polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia, sométese a información pública a solicitude de autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e o estudio

de impacto ambiental das instalacións eléctricas que se citan:

Solicitante: Eolicos Touriñán, S.A.

Enderezo social: lugar de Ruibó, s/n, 15270-Cee (A Coruña).

Denominación: parque eólico Touriñán VI (Petón Grande).

Concellos afectados: Muxía.

Potencia que se vai instalar: 9,75 MW.

Características técnicas:

-1 aeroxerador de 750 kW de potencia nominal unitaria montado sobre fuste tubular metálico de 50 m de altura e rotor de 3 pas de 48,4 m de diámetro.

-6 aeroxeradores de 1.500 kW de potencia nominal unitaria montados sobre fuste tubular metálico de 65 m de altura e rotores de 3 pas de 70 m de diámetro.

-7 transformadores de tensión de 0,69/20 kV, situados no interior dos fustes, 1 de 900 kVA e 6 de 1.800 kVA.

-Rede eléctrica subterránea de media tensión a 20 kV para interconexión dos aeroxeradores e estes coa subestación transformadora.

-Subestación transformadora intemperie equipada con transformador de 12 MVA e relación de transformación 20/66 kV, celas de media tensión 20 kV, transformador de servicios auxiliares de 50 kVA e relación 20/0,42-0,24 kV, aparellaxe de medida, protección, telemando e telecontrol.

Todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán examina-lo expediente e presenta-las súas alegacións nesta delegación provincial, sita no edificio administrativo de Monelos, s/n, 15701 A Coruña, no prazo de trinta días, a partir da última publicación.

O estudio de impacto ambiental correspondente ás instalacións do parque eólico poderase examinar nos concellos de Muxía e nas dependencias das delegacións provinciais das consellerías de Medio Ambiente e de Industria e Comercio da Coruña, dentro do prazo sinalado anteriormente.

A Coruña, 26 de setembro de 2001.

Jesús Espada Martínez

Delegado provincial da Coruña