Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Mércores, 03 de outubro de 2001 Páx. 13.077

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental, do 3 de setembro de 2001, do proxecto de adecuación, selaxe e clausura dos vertedoiros municipais de Manzaneda e Chandrexa de Queixa (Ourense), promovido polos concellos de Manzaneda e Chandrexa de Queixa e a Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

Segundo o artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II deste real decreto lexislativo, só deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental na forma prevista nesta disposición, cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental con data 18 de xuño de 2001.

O proxecto consiste no transporte dos residuos do vertedoiro de Manzaneda ata o de Chandrexa de Queixa, debido ás mellores condicións de capacidade, seguridade e recuperación ambiental deste último.

No vertedoiro de Chandrexa de Queixa atópanse 4.150 m de residuos repartidos en dúas zonas, ocupando unha superficie de 50.000 m, e o vertedoiro de Manzaneda presenta un volume de residuos de 3.769 m.

O vertedoiro de Chandrexa de Queixa atópase no lugar denominado Alto de Valisco, ó noroeste do encoro de Chandrexa de Queixa, e estivo funcionando catro anos ata 1999. A vexetación da zona é basicamente xesteira mixta, con algún ameneiro e carballo illado.

O proxecto define as medidas destinadas ó confinamento e selaxe da masa de vertedura depositada nos citados vertedoiros en condicións de estabilidade, e propón unha xestión dos lixiviados que se poidan xerar e dos gases procedentes da descomposición da materia orgánica, así como o control das augas de escorrega e as tarefas de acondicionamento xeral e revexetación da zona.

Co obxecto de recupera-los dous lugares proxéctase realizar unha hidrosementeira nos noiros máis pronunciados e unha sementeira no resto do lugar alterado. Empregaranse as seguintes especies: toxo (Ulex europaeus, 5%), xoios (Lolium perenne, 35%), herba de Vigo (Lolium multiflorum, 35%), trevo (Trifolium pratense, 20%), e xesta (Cytisus scoparius (L.) Link, 5%).

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, ademais das medidas preventivas e correctoras recollidas no estudio ambiental presentado.

O estudio de impacto ambiental someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 19 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 132, do 9 de xullo de 2001. O certificado de exposición pública na Delegación da Consellería de Medio Ambiente en Ourense recíbese con data 23 de agosto de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data 19 de xuño de 2001 consúltase á Dirección Xeral de Saúde Pública, non tendo constancia da emisión do informe no prazo legalmente establecido, e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula ós sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de adecuación, selaxe e clausura dos vertedoiros municipais de Manzaneda e Chandrexa de Queixa (Ourense), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e os concellos de Manzaneda e Chandrexa de Queixa.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e os concellos de Manzaneda e Chandrexa de Queixa, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será dos concellos de Manzaneda e Chandrexa de Queixa. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinados os documentos:

-Estudio de efectos ambientais do proxecto de adecuación, selaxe e clausura dos vertedoiros municipais de Manzaneda e Chandrexa de Queixa (Ourense). Xuño 2001.

-Proxecto de adecuación, selaxe e clausura dos vertedoiros municipais de Manzaneda e Chandrexa de Queixa (Ourense). Agosto 2001.

E tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar, ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as

recollidas nesta declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e esta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de clausura e selaxe dos vertedoiros de Manzaneda e Chandrexa de Queixa (Ourense).

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

Estarase ó disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto), así como ó estipulado, se é o caso, pola ordenanza municipal ó respecto.

3. Sobre a calidade do aire.

Durante a adecuación da masa de residuos, consideraranse as condicións meteorolóxicas, evitando a remoción de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou elevada pluviosidade.

Trala finalización das obras vixiarase que as emisións dos pozos de desgasificación non sexa percibida de forma habitual polas poboacións do contorno e, se é o caso, recollerase este gas e procederase a queimalo.

Así mesmo, na escavación de residuos procederase á súa aireación, co obxecto de evitar explosións.

Os vehículos que se van empregar para o transporte de residuos desde o vertedoiro de Manzaneda ó de Chandrexa de Queixa cubriranse cunha lona ou similar antes de inicia-lo seu traslado, co fin de evita-la xeración de voantes.

4. Sobre as augas.

Para calquera vertedura de efluentes ou afección ó dominio público hidráulico do río San Lázaro ou do arroio Rabal será preceptiva autorización administrativa outorgada pola Confederación Hidrográfica do Norte.

As regas previstas para evita-la emisión de po efectuaranse de xeito que se humecte o solo, pero non se formen asolagamentos nin regatos. Este aspecto tamén deberá ser tido en consideración durante os movementos de terras e residuos, de tal xeito que non se impida o libre fluxo de auga.

Os lixiviados acumulados na balsa durante o mantemento posterior á clausura retiraranse cando se acade como máximo as 3/4 partes da súa capacidade e serán entregados a xestor autorizado, para o seu traslado ata unha estación depuradora de augas residuais.

Os lixiviados acumulados sobre o terreo serán recollidos e entregados a un xestor autorizado se superan os límites de vertedura recollidos na táboa 3 do anexo ó título IV do Real decreto 849/1986, do 11 de

abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico.

Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

As augas de escorrega superficial conduciranse a través das canles de intercepción proxectadas. Para evita-la erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, deberanse colocar sistemas de disipación de enerxía (empedramentos, pequenos diques, etcétera) nos puntos de vertedura. Así mesmo, nestes puntos débense impedi-los fenómenos de asolagamento ou deposición.

Realizaranse periodicamente labores de mantemento co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e de lixiviados.

Realizaranse as análises indicadas no plan de vixilancia das augas do arroio Rabal.

Levarase a cabo a retirada dos residuos do vertedoiro de Manzaneda de xeito que non se produzan verteduras ó río San Lázaro, sobre todo no momento da apertura das pistas 1 e 2.

5. Sobre o solo.

De maneira previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas e a zona dedicada ós labores de mantemento e reparación de maquinaria, de maneira que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio, restrinxíndose o movemento da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

Previamente á realización de tarefas de mantemento e reparación da maquinaria, deberán dispoñerse na zona os medios necesarios para evita-la chegada de verteduras accidentais ó solo, facilitando a súa recollida.

Os materiais sobrantes de escavacións, os residuos da obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente sinalizado.

Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para os vertedoiros.

Os materiais precisos para a adecuación e selaxe dos vertedoiros deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada.

6. Sobre a restauración.

Na superficie que se vai revexetar empregarase unha dose mínima de sementes de 300 kg/ha.

As especies que se van utilizar na revexetación deben ser autóctonas da zona.

Ata asegura-la viabilidade da sementeira e da plantación, procederase á rega regular, á fertilización mineral de reforzo anual, e á resementeira das superficies nas que se aprecie a presencia de calvas.

7. Sobre a protección e control de accesos.

Adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertedura, tanto na fase de adecuación e selaxe como na fase posclausura, en ámbolos dous lugares.

Instalarase un peche perimetral no vertedoiro selado, debendo asegurarse a funcionalidade deste peche en todo momento, así como limita-la entrada só a persoal autorizado.

8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes que se van remitir a esta dirección xeral.

As analíticas que se van realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar así mesmo a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Planos en planta, de ámbolos dous vertedoiros, a escala 1:500 dotados de coordenadas UTM, nos que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control. Estes planos acompañaranse de relacións de coordenadas UTM que definan os perímetros das parcelas.

c) Reportaxe fotográfica das dúas zonas, que reflicta o estado final do lugar incluíndo a zona non selada. Esta reportaxe acompañarase de planos onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, e que non puideron ser obxecto de depósito no ver

tedoiro, e do destino final dos lixiviados acumulados no lugar.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.

8.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contada desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. O seu contido será o indicado no anexo 13. Seguimento e avaliación ambiental do proxecto, debendo incluír ademais a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da entrega dos lixiviados a xestor autorizado, indicando os volumes e as súas características.

b) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada de ámbolos dous lugares, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de verteduras. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

c) Volume de lixiviados recollidos no depósito, e analítica dos seguintes parámetros: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, DQO, DBO, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos, deberá notificarse inmediatamente a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que se van controlar, así como a frecuencia dos controis que se van realizar.

9. Condicións adicionais.

9.1. Os concellos de Manzaneda e Chandrexa de Queixa poderán solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois

de ser notificada esta declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ós concellos o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, os anteditos concellos deberán designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental, poderá paralizar cautelarmente as obras ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. Esta resolución adoptada por esta dirección xeral non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou Normas Subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro

ManzanedaChandrexa de Queixa

LocalizaciónA Fraga da VilaAlto de Valisco.

Superficie da parcela5.000 m50.000 m

Superficie para selar0 m2.969 m

Volume de residuos actual3.769 m4.150 m

Volume de residuos para trasladar3.769 m0 m

Volume de residuos para selar0 m7.919 m

ManzanedaChandrexa de Queixa

Tipos de residuosRSURSU

Tipo de vertedoiroEn ladeiraEn superficie

Uso do vertedoiro7 anos4 anos (sen explotar desde outubro de 1999)

Situación actual e situación prevista do vertedoiro de Chandrexa de Queixa coa realización do proxecto

Situación

actual

Proxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoNonNon

Drens lixiviadosNonSi

Captación de lixiviadosNonSi

TratamentoNonBalsa de almacenamento de lixiviados e traslado a EDAR

GasesDrensNonSi

Captación NonSi, 2 pozos

TratamentoNonExtracción pasiva

PluviaisGabias de recolla perimetralNonSi

Punto de verteduraNonÓ medio

CubertaLámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNon30 cm

VexetaciónNonSi

EstabilidadeEstabilidadeSiSi

AccesosPosibilidade de accesoSiNon

Vixilancia ambientalPlan de vixilancia ambientalNonSi

Compoñentes do sistema de selaxe no vertedoiro

de Chandrexa de Queixa

Capa de protección de impermeabilización Lámina de xeotéxtil

Capa de impermeabilizaciónLámina de PEAD de 2 mm de espesor

Lámina de drenaxe de augasXeorrede drenante de PEAD extruído

Capa de coberturaSolo seleccionado (0,7 m) e terra vexetal (0,3 m)

Resumo das medidas preventivas e correctoras.

-A maquinaria deberá cumpri-la lexislación vixente en materia de gases e ruídos.

-Os residuos perigosos xestionaranse conforme a lexislación vixente.

-Os materiais empregados deberán cumprir tódolos controis de calidade e as especificacións técnicas.

-Terase especial coidado de que o levantamento de po sexa o menor posible.

-Protección das gabias con herbáceas.

-Localización e saneamento dos puntos de filtración de lixiviados.

-Recheo das gretas para evitar que se convertan en canles de erosión.

-Corrixi-los erros de plantación, mellorando e fertilizando o solo.