Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 28 de setembro de 2001 Páx. 12.865

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 20 de setembro de 2001 pola que se establecen normas complementarias para a asignación de cantidades de referencia procedentes do aumento de cota láctea e doutras da reserva nacional.

A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 6 de xullo de 2000

estableceu o procedemento para a solicitude de asignación de cantidades de referencia para a producción de leite da reserva nacional, procedentes, principalmente, do aumento de cota láctea concedido a España pola Unión Europea, correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co Regulamento (CE) 1256/1999, e co R.D. 1192/2000, do 23 de xuño, para a súa execución nos períodos 2000/2001 e 2001/2002.

A cantidade máxima para asignar na Comunidade Autónoma de Galicia era de 207.312 toneladas, das que 20.731 toneladas permaneceron na reserva para atender posibles reclamacións de productores desta Comunidade Autónoma, co que a cantidade para distribuír inicialmente foi de 186.581 toneladas.

Rematado o prazo de presentación de reclamacións á distribución feita no marco da devandita orde e realizada a avaliación das necesidades de cota para atendelas, é necesario establece-lo procedemento para a asignación do remanente dispoñible.

As esixencias dos consumidores e a evolución positiva que están a experimenta-las explotacións lácteas galegas, en xeral, e algunhas delas dunha maneira especial, no cumprimento das condicións sanitarias aplicables á producción e comercialización de leite, aconsella ter en conta este aspecto no procedemento de asignación.

Por outra banda, co obxectivo de simplifica-lo procedemento de xestión, axiliza-la resolución e facilitárlle-la tramitación ós productores, a avaliación das solicitudes farase, fundamentalmente, coa documentación achegada polos solicitantes na convocatoria anterior e a información existente na Administración.

Ó abeiro do disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), correspóndelle a este organismo autónomo a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria no que respecta á aplicación das medidas de ordenación, fomento, reestructuración e mellora do sector lácteo e gandeiro, para o que se lle atribúen funcións que comprenden a xestión de solicitudes de asignación a productores de cantidades de referencia para a producción de leite procedentes da reserva nacional.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 7/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Por esta orde establécese o procedemento de asignación de cantidades de referencia para a producción de leite, correspondente ó remanente dispoñible despois da distribución realizada no marco da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 6 de xullo de 2000 e da avaliación das necesidades para atende-las reclamacións presentadas por productores da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Cantidades que se asignarán.

1. A cantidade máxima que se asignará será de 18.077 toneladas.

2. A asignación terá efecto no período 2001-2002 e seguintes.

3. Non se asignarán cantidades por explotación inferiores a 5000 kg de cota láctea.

Artigo 3º .-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios aqueles titulares de explotacións leiteiras que solicitaron cota no marco da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 6 de xullo de 2000 (Diario Oficial de Galicia nº 133, do 10 de xullo) que non obtiveran asignación no marco da mesma e cumpran os requisitos establecidos no marco desta orde.

2. No caso de que a cantidade asignada ós productores do punto 1, de acordo co diposto na alínea 1 do artigo 7º, fora inferior á cantidade máxima para asignar indicada no artigo 2º, para a aplicación do punto 2 do artigo 7º teranse en conta tamén os productores que obtiveron asignación de acordo coa orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 6 de xullo de 2000.

Artigo 4º.-Limitacións.

1. As cantidades de referencia asignadas da reserva nacional ó abeiro da presente orde non poderán ser obxecto de transmisión por venda ou arrendamento, nin de cesión temporal ou abandono indemnizado.

2. Os beneficiarios de asignación de cantidades de referencia da reserva nacional quedan comprometidos a non transferir nin ceder temporalmente a parte de cota propia durante cinco períodos de cota contados a partir do período 2001-2002.

3. Exceptúanse do establecido nos parágrafos anteriores os casos de herdanza, doazón e cambio de titularidade entre dereito habentes, sempre que se trate da mesma explotación que tiña o productor anterior, quedando as cantidades de referencia procedentes da reserva nacional suxeitas ós requisitos de orixe.

4. Non obstante o disposto no punto 2, poderanse autorizar cesións temporais de cota non procedente da reserva nacional nos casos de forza maior por sacrificio obrigatorio de gando, como consecuencia das campañas de saneamento gandeiro.

Artigo 5º.-Requisitos.

1. Unicamente poderán obter cantidades da reserva nacional os titulares de explotacións que reúnan os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de cantidade de referencia asignada o 31 de marzo de 2001. No caso de morte, xubilación, cesamento anticipado do titular ou cambio de titularidade, tanto da explotación como da cota, desde a data de presentación da solicitude, no marco da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 6 de xullo de 2000, na data de publicación da presente orde, teranse en conta as condicións do novo titular .

b) Non terse acollido a plans de abandono definitivo da producción de leite financiados, en todo ou en parte, con cargo a fondos da Unión Europea, nacionais ou autonómicos.

c) Non ter transferido cantidades de referencia.

d) Que a media de entregas de leite e productos lácteos nos períodos 1999/2000 e 2000/2001 fose, polo menos, do 90% da súa cantidade de referencia ó inicio dos ditos períodos, agás nos casos de baleirado sanitario, como consecuencia de campañas oficiais de saneamento gandeiro.

e) Cumpri-las esixencias de calidade de leite, de acordo co Real decreto 1679/1994, polo que se establecen as condicións sanitarias aplicables á producción e comercialización de leite cru, leite tratado termicamente e productos lácteos, e que se adapten ou teñan posibilidade de adaptarse ás esixencias ambientais e de benestar animal.

f) Non estar afectada a explotación por reduccións de cota.

g) Te-la condición de productor de leite a título principal.

Entenderase como tal, no caso de persoas físicas, as que obteñan o 50% da súa renda, polo menos, da actividade agraria e, á súa vez, o 50% dos seus ingresos agrarios, como mínimo, procedan da venda de leite da explotación, e, no caso de persoas xurídicas, o titular dunha explotación agraria prioritaria que obteña o 50% dos seus ingresos, como mínimo, da venda de leite da explotación.

Se se trata dunha comunidade de bens, deberán te-la condición de productor de leite a título principal tódolos membros dela ou un deles, como mínimo, se existe un pacto de indivisión da comunidade por un período mínimo de cinco anos, contados a partir do 1 de xaneiro de 2000.

2. As esixencias de calidade de leite indicadas no punto 1 e) consideraranse cumpridas, para os productores con cota para entrega a compradores, cando os resultados das análises de leite da explotación efectuadas polos laboratorios interprofesionais ou laboratorios autorizados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, correspondentes ós meses de xaneiro a marzo de 2001, ámbolos dous incluídos, demostren que, polo menos nas medias dun deses meses, o contido en xermes/ml é inferior a 100.000, en células somáticas inferior a 400.000, non hai presencia de substancias farmacoloxicamente activas e non existe presencia de auga engadida.

No caso de que se trate de explotacións con cota exclusivamente de venda directa, consideraranse cumpridas aquelas esixencias se a explotación está cualificada sanitariamente de acordo coa normativa vixente.

Artigo 6º.-Puntuación e clasificación das solicitudes.

1. Puntuación.

A puntuación das solicitudes para a asignación de cota da reserva nacional efectuarase co seguinte baremo:

a) Por ter aprobado, no período do 1 de agosto de 1995 ó 31 de xullo de 2000, un plan de mellora da explotación ou unha axuda á primeira instalación de agricultores novos, ó abeiro dos reais decretos 204/1996 e 1887/1991, coas melloras realizadas ou en execución: 1 punto.

b) Por ser agricultor mozo, tal como se define no punto 9 do anexo I do Real decreto 204/1996: 1 punto.

No caso de cooperativas, SAT, sociedades civís, laborais, mercantís ou comunidades de bens, poderán obter puntuación se, polo menos, o 50% dos socios cumpre a condición de agricultor mozo.

c) Se a explotación acredita reuni-la condición de prioritaria, de acordo co establecido na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, e na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 16 de xuño de 1998, pola que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias da Comunidade Autónoma de Galicia: 2 puntos.

d) Por te-la explotación integrada no control de rendemento leiteiro oficial e cumpri-lo establecido na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 14 de abril de 1999, de desenvolvemento das liñas básicas do Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX), como mínimo, no período do 1-10-1998 ó 30-9-1999: 1 punto.

O Servicio de Producción Animal da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria facilitaralle ó Ilgga a información necesaria para a comprobación deste requisito.

e) Por ter sido destinatario dunha transferencia de cota doutra explotación para a campaña 1999/2000 ou precedentes, no marco dos reais decretos 2307/1994 ou 1486/1998: 2 puntos.

f) Por ser socio, con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2000, dunha cooperativa, sociedade agraria de transformación ou asociación de productores, que sexa primeiro comprador de leite, autorizado polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), ou que participase en programas de asistencia técnica a explotacións leiteiras subvencionados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en 1999: 1 punto.

g) Por non ter recibida cota da reserva nacional ou tela recibido, exclusivamente, como complemento da adquirida do Fondo Nacional de Cotas Lácteas: 1 punto.

Para que poidan ser obxecto de puntuación as condicións establecidas nas letras b) e c), estas terán que cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes no marco da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 6 de xullo de 2000.

2. Clasificación de solicitudes.

A distribución entre os productores das cantidades de referencia da reserva efectuaranse tendo en conta a puntuación acadada, segundo o baremo establecido no punto 1, e a cantidade de referencia dispoñible do solicitante, coas cantidades máximas previstas no artigo 7º.

Para tal fin, os expedientes que cumpran tódolos requisitos indicados no artigo 5º relacionaranse polo número total de puntos obtidos, e procederase á distribución das cantidades de referencia da reserva por orde de puntuación, de maior a menor, ata que se esgote a cantidade dispoñible.

No caso de que dous ou máis solicitantes tivesen a mesma puntuación, daráselles preferencia ós solicitantes que tivesen menor cantidade de referencia o 31 de marzo de 2001 e, en caso de persisti-la igualdade, terá prioridade o solicitante de menor idade ou con data de constitución da entidade máis recente.

Artigo 7º.-Cantidade máxima que se asignará da reserva.

1. A cantidade máxima que se lle poderá asignar da reserva a un productor establécese en función da cantidade de referencia que teña asignada o 31 de marzo de 2001, segundo o que se indica a continuación:

Cota por explotación (kg)Cota da reserva nacional (kg)

<50.0005.000+0,20 Q

50.001 a 75.0007.500+0,15 Q

75.001 a 150.00011.250+0,10 Q

150.001 a 300.00041.250- 0,10 Q

>300.00011.250

sendo Q a cota asignada á explotación no 31 de marzo de 2001.

Nos casos de sociedades agrarias de transformación e cooperativas de producción con cota asignada, os límites sinalados de cota da reserva calcularanse dividindo a cota asignada polo número de agricultores a título principal que as integren, sendo a cantidade a asigna-lo resultado de multiplicar polo dito número a cota da reserva que lle correspondería a cada un, segundo os baremos anteriores.

2. Estas cantidades máximas, que se asignarán por productor, poderán incrementarse, proporcionalmente, no caso de que a suma das asignacións correspondentes ós productores solicitantes e que cumpran tódolos requisitos do artigo 5º, non acade a cantidade total de cota que se vai distribuír.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo.

a) Para os efectos do disposto no punto 1 do artigo 3º:

1. Salvo indicación en sentido contrario do interesado, serán tidas en conta nesta asignación tódalas solicitudes recibidas no marco da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 6 de xullo de 2000, que non obtiveron asignación no marco dela.

2. No caso de explotacións que cambiasen de titularidade entre a data de presentación da solicitude, no marco da devandita orde, e a data de publicación da presente, o novo titular deberá de presentar unha solicitude de acordo co modelo do anexo I desta orde, nas oficinas comarcais agrarias ou en calquera dos lugares indicados no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes ou documentación complementaria será de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

b) Para os efectos do disposto no punto 2 do artigo 3º:

1. Salvo indicación en sentido contrario do interesado, serán tidas en conta tódalas solicitudes que

recibiron asignación no marco da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 6 de xullo de 2000 e as previstas na alínea 1 do artigo 3º que reciban asignación.

Artigo 9º.-Documentación.

A) Os titulares de explotacións que solicitaran cota no marco da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 6 de xullo de 2000 e que non obtiveron asignación, deberán presentar, no lugar indicado no artigo 8º.1.2 da presente orde, a seguinte documentación:

a) Productores con leite analizado polo Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) ou noutro laboratorio autorizado que teña facilitada a información das análises de leite ó ILGGA: ningunha

b) Productores con leite analizado por outro laboratorio interprofesional de análise de leite, ou por outro laboratorio autorizado pola Consellería de Agricultura Gandería e Política Agroalimentaria que non facilitara a información das análises de leite ó Ilgga:

-Fotocopia da primeira páxina da solicitude presentada no ano 2000.

-Un boletín de análise, xustificativo do requisito do artigo 5º.2 do correspondente laboratorio.

c) Productores con cota exclusivamente de venda directa:

-Fotocopia da primeira páxina da solicitude presentada no ano 2000.

-Copia do comunicado da última campaña de saneamento gandeiro realizada na explotación, na que conste a súa cualificación sanitaria.

B) No caso de explotacións para as que se solicitara cota, no marco da devandita Orde do 6 de xullo de 2000, por un titular distinto do actual, o novo titular, xunto coa solicitude (anexo I), deberá presenta-la fotocopia da primeira páxina da solicitude presentada no ano 2000.

Ademais do anterior, segundo a natureza xurídica do solicitante:

1. Persoa física:

a) Fotocopia do seu DNI e do NIF.

b) Para xustifica-la condición de agricultor a título principal: fotocopias cotexadas da declaración do IRPF do exercicio 2000, e do recibo da cotización á Seguridade Social dun dos meses do segundo trimestre do ano 2001.

c) No caso de entrega a compradores, certificado do primeiro comprador, relativo ás entregas de leite e productos lácteos comercializados nas campañas 1999/2000 e 2000/2001, así como do importe da venda de leite e productos lácteos de 1-1-2000 ó 31-12-2000, segundo o modelo incluído como anexo II.

d) No caso de vendas directas, fotocopia da declaración obrigatoria de leite e productos lácteos comercializados directamente nos períodos 1999-2000 e 2000-2001, así como fotocopia compulsada das facturas de venda directa ou da contabilidade que debe levarse, segundo a normativa vixente, correspondente ás vendas de leite e productos lácteos realizada entre o 1-1-2000 e o 31-12-2000.

e) Un boletín de análise, xustificativo do requisito do artigo 5º.2, dun laboratorio interprofesional de análise do leite ou doutro laboratorio autorizado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, correspondente ás medias dun mes do período 1-1-2001 a 30-6-2001, se o leite da explotación non é analizado no LIGAL.

Nas explotacións de cota exclusivamente de venda directa, para acredita-lo previsto no artigo 5º.2. parágrafo segundo, presentarase copia do comunicado da última campaña oficial de saneamento gandeiro realizada na explotación (folla verde), na que conste a súa cualificación sanitaria.

f) Se é o caso, certificado da cooperativa, SAT ou asociación de productores, xustificativo do indicado na alínea f) do artigo 6º, segundo modelo do anexo III.

g) De se-lo caso, documentación xustificativa da condición de prioritaria da explotación.

2. Comunidade de bens:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia do documento xustificativo da comunidade de bens.

c) Certificación do órgano rector da comunidade de bens, autorizando o representante para face-la solicitude e indicando a relación nominal e o NIF de tódolos socios.

d) Os documentos indicados no punto 1, alíneas a) e b) para tódolos membros da comunidade ou, como mínimo, para un deles, e documento xustificativo do pacto de indivisibilidade por un período mínimo de 5 anos desde o 1-1-2000, neste último caso.

e) Se é o caso, a documentación indicada nas alíneas c), d), e) e f) do punto 1.

3. Persoa xurídica:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia do documento de constitución da entidade.

c) Copia da certificación expedida polo órgano rector da entidade, ou escritura de apoderamento na que conste a identificación da persoa autorizada para a realización da solicitude.

d) No caso de cooperativas e sociedades agrarias de transformación, certificación do órgano competente dos socios que constitúen esta, así como os documentos indicados nas alíneas a) e b) do punto 1, para aqueles socios que reúnan a condición de agricultor a título principal.

e) Se é o caso, os documentos indicados nas alíneas c), d), e), f) e g) do punto 1.

Artigo 10º.-Tramitación.

1. As solicitudes e documentación que se presenten remitiranse, polas oficinas receptoras, ós servicios provinciais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) para a súa comprobación e análise,

tendo en conta os requisitos e o baremo previstos nos artigos 5º e 6º da presente orde, do que elevarán un informe-proposta, co visto e prace do delegado provincial, ó director do Ilgga.

2. Recibidas tódalas propostas dos servicios provinciais e distribuídas as solicitudes de cantidades de referencia suplementarias por orde de puntuación, conforme o baremo da presente orde, elaborarase unha lista coa clasificación, determinándose os solicitantes que teñen dereito á asignación de cantidade de referencia suplementaria, en función dos criterios establecidos e das cantidades máximas que se asignarán.

3. O director do Ilgga elevará a proposta favorable de asignación á Dirección Xeral de Gandería do MAPA, que dictará as resolucións correspondentes, aprobando ou denegando, motivadamente, a asignación.

4. Ademais da publicación e exposicións que efectúe o MAPA, as asignacións efectuadas a favor de cada productor exporanse nos taboleiros de anuncios dos servicios provinciais do Ilgga e das oficinas comarcais agrarias.

5. Contra as resolucións da Dirección Xeral de Gandería poderase interpor recurso de alzada ante o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa publicación no BOE.

Artigo 11º.-Falsidade dos datos.

A falsidade dos datos consignados na solicitude ou na documentación presentada dará lugar á anulación da asignación e será sancionada de acordo coa normativa vixente, sen prexuízo das responsabilidades de todo tipo que se puideran derivar, especialmente as da taxa suplementaria.

Artigo 12º-Inspección e control.

O Ilgga poderá solicita-la documentación complementaria e realiza-los controis administrativos e inspeccións que considere oportunos para comproba-la veracidade dos datos consignados na documentación presentada.

O productor deberá colaborar nas devanditas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións necesarias para o mellor cumprimento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria