Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 28 de setembro de 2001 Páx. 12.845

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de setembro de 2001 pola que se clasifica como mixta a Fundación Paideia Galiza.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Paideia Galiza, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1. José María Valencia Ces, como secretario da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 30 de xullo de 2001, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número mil novecentos oitenta e tres do seu protocolo, por Rosalía Mera Goyenechea, María Sandra Ortega Mera, José María Valencia Ces e Antonio Abril Abadín; interveñen todos no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é:

a) A atención, formación, orientación, documentación, estudio e investigación ou calquera outra forma de intervención nos campos das ciencias humanas e sociais.

b) A atención, formación, orientación, documentación, estudio e investigación ou calquera outra forma de intervención na problemática xerada por calquera tipo de exclusión social.

c) A promoción e realización de actividades de interese educativo, cultural, científico, deportivo, sanitario, de cooperación para o desenvolvemento de fomento da economía social, de conservación do ambiente, de promoción do voluntariado ou outras de análogo interese humano e social.

4. O padroado da fundación estará integrado por Rosalía Mera Goyenechea como presidenta, María Sandra Ortega Mera como vicepresidenta, José María Valencia Ces como secretario e Antonio Abril Abadín como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios de tódalas consellerías elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación Paideia Galiza, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e

a súa adscrición á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspondente a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 18 de setembro de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); A Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Paideia Galiza e adscribila á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública