Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Xoves, 27 de setembro de 2001 Páx. 12.824

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental, do 23 de agosto de 2001, do proxecto de clausura e selaxe do vertedoiro de Meira (Lugo), promovido polo Concello de Meira e pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

A Lei 6/2001, do 8 de maio de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, estipula que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización de obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no anexo II, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, e con data 15 de xuño de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental.

O proxecto ten como obxecto a selaxe e clausura do vertedoiro de Meira, situado nunha ladeira entre o Alto de Campiño e o núcleo de poboación de Meira (a aproximadamente 560 m).

Este vertedoiro localízase nunha parcela de aproximadamente 2.800 m de superficie, á que se accede desde a estrada LU-750 Meira-Batalla. Na parte superior do vertedoiro obsérvanse restos dun cerramento metálico, que non restrinxe o acceso. A deposición de residuos realízase en terraplén, sendo a pendente do banco actual de aproximadamente o 70%. No que respecta ós residuos, a meirande parte destes atópanse incinerados, constatándose asemade a presencia de lodos de depuradora da central leiteira de Meira e dunha balsa de aceites.

O contorno do vertedoiro está constituído por montes baixos, con cota máxima 634 m (A Medorra da Pedreira dos Charitos) e de relevo suave, recubertos na súa meirande parte por repoboacións de eucaliptos, mixtos de eucaliptos e piñeiros e monte baixo, composto principalmente por breixos, xestas e silvas. Na zona inferior do vertedoiro localízase, entubado, o arroio Campeliñas.

O conxunto de obras para realizar inclúe as seguintes actuacións:

-Recollida de voantes.

-Acondicionamento e selaxe.

-Recollida e control de lixiviados.

-Recollida e control de aguas de escorrega superficial.

-Control de gases.

-Control de acceso.

-Revexetación e recuperación paisaxística.

Proxéctase realiza-la rexeneración da cuberta vexetal mediante sementeiras e hidrosementeiras na superficie afectada e nos noiros da pista, así como a realización de plantacións fóra dos límites das estructuras de selaxe. As especies vexetais previstas son piñeiros (Pinus pinaster), toxos (Ulex europaeus), dáctilo (Dactylis glomerata), raigrás inglés (Lolium perenne), xoios (Lolium multiflorum), festuca encarnada (Festuca rubra), trevos (Trifolium pratense), xesta (Cytisus scoparius) e Avena sp.

No anexo I resúmese a situación actual e a prevista trala execución do proxecto, así como as medidas correctoras recollidas no estudio ambiental.

O estudio ambiental do proxecto de clausura do vertedoiro de Meira someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, mediante Resolución do 19 de xuño de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 132, do 9 de xullo. O certificado de exposición pública na Delegación da Consellería de Medio Ambiente en Lugo recíbese con data 16 de agosto de 2001, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Con data 19 de xuño de 2001 consúltase a Dirección Xeral de Saúde Pública. Non tendo constancia da emisión deste informe no prazo legalmente establecido, e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de clausura, selaxe e rexeneración do vertedoiro de Meira (Lugo), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Meira.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Meira, a obriga de asumi-lo mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Meira. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinado o documento titulado Clausura e selaxe do vertedoiro municipal de Meira (Lugo). Maio de 2000, e tendo en conta o carácter de corrección ambiental das obras, estímase a necesidade de realiza-lo proxecto.

Nembargantes, coa finalidade de optimizar estas medidas e co obxecto de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar ademais das medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas na presente declaración de impacto ambiental, todo isto para cumprir co disposto na Lei 10/1997, de residuos sólidos urbanos de Galicia.

No caso de que exista contradicción entre o establecido na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

1.1. A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto de clausura, selaxe e rexeneración ambiental do vertedoiro de Meira.

2. Sobre o nivel sonoro ambiental.

2.1. Aplicarase o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto), así como o estipulado, se é o caso, polas ordenanzas municipais do Concello de Meira.

3. Sobre a calidade do aire.

3.1. A maquinaria de obra cumprirá coa normativa de emisións de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ó respecto.

3.2. Nos labores de adecuación de superficies procederase, en épocas de seca, á humectación superficial do solo, co obxecto de evita-lo levantamento de po.

3.3. Evitarase realiza-la remoción da masa de residuos en presencia de vento, alta temperatura ou pluviosidade, co obxecto de minimiza-la xeración de cheiros.

3.4. Tal e como se recolle na documentación avaliada, comprobarase o axeitado funcionamento do sistema de drenaxe de gases e controlarase que non se produzan de forma habitual afeccións por olores ás vivendas máis próximas, debendo adoptarse neste caso as medidas oportunas, como a combustión do gas.

4. Sobre as augas.

4.1. A execución da adecuación das superficies realizarase de xeito que non se impida o libre fluxo de auga, evitándose a xeración de asolagamentos.

4.2. De acordo coa proposta efectuada na documentación ambiental, vixiarase que non se supere o volume de almacenamento da balsa de lixiviados, procedendo ó seu traslado periódico (cada 15 días como mínimo) a unha estación depuradora de augas

residuais. En todo caso, procederase ó baleirado desta balsa cando se acaden como máximo 3/4 partes da súa capacidade.

4.3. As augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos dos operarios deberán ser conducidas ata un sistema de tratamento que garanta a súa inocuidade na vertedura.

4.4. Dado que as obras proxectadas van supor actuacións no arroio Campeliñas e vertedura de efluentes, será preceptiva a autorización administrativa outorgada pola Confederación Hidrográfica do Norte.

5. Sobre o solo.

5.1. Dado que na documentación non se considera a reserva dunha zona para os labores de reparación e mantemento da maquinaria, estas efectuaranse en talleres autorizados.

5.2. Previamente ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas. Dentro desta superficie, localizarase unha zona destinada a almacenamento de materiais, parque de maquinaria e depósito temporal de residuos.

5.3. Prohíbese depositar calquera tipo de material ou residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

5.4. A totalidade dos residuos que se xeren como consecuencia da execución do proxecto deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, procurando a reutilización ou reciclaxe. Neste sentido, e no que se refire ós aceites contidos na balsa existente, tal e como se prevé na documentación, deberán ser entregados a xestor autorizado.

5.5. Os residuos que deban ser almacenados previamente á entrega ó xestor depositaranse en contedores debidamente sinalizados nunha zona destinada para o efecto.

6. Sobre a restauración.

6.1. Procederase a revexeta-la superficie delimitada para o vertedoiro de acordo co proxectado no anexo nº 9 da documentación avaliada. A densidade das especies vexetais estará en concordancia coa existente nos arredores do vertedoiro.

6.2. De observarse a presencia de calvas ou marras, procederase á súa reposición.

7. Sobre a protección e control de accesos.

7.1. Durante a fase de obras adoptaranse as medidas precisas para evita-la aparición de focos de vertedura. Así mesmo, o peche perimetral proxectado deberá asegura-la súa función en todo momento.

8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir, ó longo do tempo, o cumprimento das medidas protectoras

e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro que estará á disposición da administración competente. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes para remitir a esta dirección xeral.

As analíticas que se vaian realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar así mesmo a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.1. Informe final de obras.

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:500 dotado de coordenadas UTM, no que se localicen os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control (de lixiviados, gases e augas). Este plano acompañarase de relación de coordenadas UTM que definan o perímetro da parcela.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

d) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados durante a obra, que non puideran ser obxecto de depósito no vertedoiro.

e) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso e vertedura. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 9.2 desta declaración.

8.2. Informe de seguimento ambiental.

Presentarase con periodicidade semestral, contando desde o final das obras e ata que esta dirección xeral informe da súa finalización. A documentación para remitir a esta dirección xeral deberá conter, como mínimo:

a) Memoria resumo das observacións realizadas de acordo co seguimento proposto no anexo nº 13

da documentación avaliada, incluíndo se é o caso as medidas adoptadas.

b) Documentación acreditativa da entrega dos lixiviados á estación depuradora de augas residuais.

c) Analítica nos lixiviados dos seguintes parámetros: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, D.Q.O., DBO5, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas.

d) Resultados e conclusións das análises que se vaian realizar no arroio Campeliñas, co fin de controla-la calidade das aguas superficiais. As mostras deberán ser tomadas en dous puntos do arroio (antes da incorporación das augas de escorrega e posteriormente a esta) e deberán analizarse os seguintes parámetros: pH, conductividade, sólidos en suspensión totais, D.Q.O., DBO5, fósforo, sulfatos, nitróxeno total Kjeldhal, amonio, nitratos, cloruros, ferro, cinc, cobre, aceites e graxas.

e) Reportaxe fotográfica da superficie selada e revexetada, das zonas nas que quedaron implantados os diversos elementos, do peche perimetral e da eficacia do sistema de disuasión de verteduras. Esta reportaxe acompañarase dun plano onde se indique a localización dos puntos desde os que se realizaron as tomas.

Se durante o período de control posclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou nos lixiviados, ou un incremento importante na producción destes últimos, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la lista dos parámetros que hai que controlar, así como a frecuencia dos controis que hai que realizar.

9. Condicións adicionais.

9.1. O Concello de Meira poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, presentando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó concello o acordo adoptado.

9.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

9.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

9.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá paralizar cautelarmente a obra ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

9.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

9.6. Así mesmo, o incumprimento, total ou parcial, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

9.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2001.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

Localización e descrición do vertedoiro

SituaciónConcello de Meira

Superficie da parcela2.813 m

Superficie que se vai selar1.417 m

Volume de residuos actual2.815 m

Volume de residuos que se vai selar3.265 m

Tipos de residuosRSU, lodos depuradora central leiteira e inertes

Tipo de vertedoiroTerraplén e área

Situación actual e situación prevista

coa realización do proxecto

Situación

actual

Proxecto

LixiviadosFondo impermeabilizadoNonNon

Drens lixiviadosNonSi

Captación de lixiviadosNonSi

TratamentoNonTraslado a EDAR

GasesDrensNonSi

Captación NonSi (2 chemineas de desgasificación)

TratamentoNonNon

PluviaisFoxos de recollida perimetralNonSi

Punto de verteduraTerreoArroio Campeliñas

CubertaLámina/capa impermeableNonSi

Terra vexetalNonSi

VexetaciónNonSi

EstabilidadeEstabilidadeNonSi

AccesosPosibilidade de accesoSiNon

Vixilancia ambientalPlan de vixilancia ambientalNonSi

Compoñentes do sistema de selaxe

Superficie do vertedoiro

Capa drenaxe de gasesXeorrede

Capa de impermeabilizaciónXeomembrana de PEAD

Capa de drenaxeXeorrede

Capa de cobertura40 cm de solo clasificado e 30 cm de terra vexetal

Resumo das medidas preventivas e correctoras.

-Adecuación de superficies.

-Control de augas de escorrega externas ó vertedoiro.

-Selaxe da masa de residuos.

-Recollida e control de lixiviados.

-Recollida e control de gases.

-Cerramento do emprazamento.