Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Xoves, 27 de setembro de 2001 Páx. 12.804

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 19 de setembro de 2001 pola que se regula o exercicio de dereito ó voto dos traballadores por conta allea nas eleccións ó Parlamento de Galicia de 2001.

Convocadas eleccións ó Parlamento de Galicia polo Decreto 197/2001, do 27 de agosto, da Presidencia da Xunta de Galicia, e ó abeiro do artigo 37.3º d) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores, cómpre regula-las diversas situacións que poidan presentarse para o exercicio do dereito ó voto daqueles traballadores que non desfruten do seu descanso semanal o día da votación, así como das persoas que interveñen dentro do proceso electoral, posto que as eleccións terán lugar en domingo, todo isto de conformidade co disposto no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais.

Para este fin, e logo de acordo co delegado do Goberno de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Estas normas seranlles de aplicación a aqueles traballadores por conta allea que teñan a condición de electores, e non desfruten do devandito día de descanso semanal previsto no artigo 37.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores e a aqueles en que concorra a condición de membros de mesas electorais, interventores ou apoderados nas eleccións do 21 de outubro de 2001.

Artigo 2º

Para que os traballadores por conta allea poidan participar nas eleccións autonómicas, que se levarán a cabo o 21 de outubro de 2001, no suposto de que non desfruten en tal data de descanso semanal, gozarán do permiso retribuído correspondente, consonte as seguintes prescricións:

a) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que non coincida co de apertura das mesas electorais ou que coincida nun período inferior a dúas horas, non terán dereito a permiso retribuído.

b) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que coincida en dúas ou máis horas e menos de catro co período de apertura das mesas electorais, desfrutarán dun permiso retribuído de dúas horas.

c) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que coincida en catro ou máis horas e menos de seis co período de apertura das mesas electorais, desfrutarán dun permiso retribuído de tres horas.

d) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que coincida en seis ou máis horas co período de apertura das mesas electorais, desfrutarán dun permiso retribuído de catro horas.

Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente reducción proporcional do permiso.

Correspóndelle ó empresario a distribución, consonte a organización do traballo, do período en que os traballadores disporán de permiso para acudiren a votar.

Artigo 3º

No suposto de traballadores por conta allea que teñan previsto que na data da votación non se atopen na localidade onde lles corresponde exerce-lo seu dereito ó voto, ou que non poidan exerce-lo dereito de sufraxio o día das eleccións, disporán, no seu horario laboral, de ata catro horas libres, de igual maneira có establecido no artigo anterior, para que poidan formular persoalmente a solicitude do cer

tificado de inscrición no censo, así como para efectua-la remisión do voto por correo.

Artigo 4º

Os traballadores por conta allea nomeados presidente ou vocal das mesas electorais e os que acrediten a súa condición de interventores, disporán durante o día da votación dun permiso retribuído de xornada completa, se non desfrutan en tal data de descanso semanal, e terán dereito a unha reducción da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior, segundo os artigos 28.1º e 78.4º da Lei orgánica do réxime electoral xeral.

Se algún dos traballadores ós que se refire o parágrafo anterior tivese que traballar na quenda de noite na data inmediatamente anterior ó día de votación, a empresa cambiaralle a quenda para que poida descansar esa noite.

Artigo 5º

Os traballadores por conta allea que acrediten a súa condición de apoderados de acordo co previsto no artigo 76.4º da Lei orgánica do réxime electoral xeral, teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan en tal data do descanso semanal.

Artigo 6º

Os empresarios poderán solicitar dos traballadores que exerzan os dereitos regulados nesta orde a certificación de voto, ou, se é o caso, a acreditación da mesa electoral.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2001.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais