Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Xoves, 27 de setembro de 2001 Páx. 12.798

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 222/2001, do 7 de setembro, polo que se cede, a título gratuíto, unha parcela ó Concello de Santiago de Compostela, situada en San Lázaro, no termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular, en virtude do Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e pesca (BOE nº 292, do 6 de decembro), do predio denominado Hospital-Horta de San Lázaro, parroquia de San Lázaro (antes parroquia de Santa

María de Sar), municipio da cidade de Santiago de Compostela, coñecida tamén como Leprosería e Horta de San Lázaro, de superficie total de 71.767 m, (que segundo certificación catastral e recente medición é de 72.950 m).

Na actualidade, o dito inmoble consta no Inventario de Bens e Dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia como ben de dominio público con destino a sede de dependencias administrativas da Xunta de Galicia.

Con data 29 de xullo de 1996 o Concello de Santiago de Compostela asinou coa Consellería de Economía e Facenda un convenio de cooperación urbanística, asinándose así mesmo unha addenda ó dito convenio con data 15 de xuño de 2000, asumindo entre outros o compromiso de ceder ó Concello de Santiago de Compostela unha superficie de terreo con destino a equipamento deportivo.

Mediante Decreto 186/2001, do 26 de xullo (DOG nº 156, do 13 de agosto), desafectouse do dominio público unha parcela de 22.250 m, onde se sitúa o inmoble denominado Hospital-Horta de San Lázaro, parroquia San Lázaro (antes Santa María do Sar), municipio de Santiago de Compostela.

Con data 14 de agosto de 2001, asinouse a acta de entrega da dita parcela ó patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante orde da Consellería de Economía e Facenda do 20 de agosto de 2001, declarouse a alienabilidade da antedita parcela, pendente na actualidade da súa publicación.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da antedita consellería, tramitou o expediente de cesión da titularidade da devandita parcela de acordo co previsto nos artigos 30 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 83 e seguintes do seu Regulamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de setembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello de Santiago de Compostela dunha parcela situada en San Lázaro, termo municipal de Santiago de Compostela(A Coruña), que se describe como segue:

«Parcela de 22.250 m de superficie que linda ó norte, en liña recta de 174,20 m coa rúa de Penamaría; ó sur, en liña curva de 54,96 m e en liña recta de 118,31 m, co resto do predio matriz propiedade da Comunidade Autónoma; ó leste, en liña recta de 115,17 m cos predios de Carmen Míguez Losada, Dolores Fandiño Vilaseco, María Fandiño Vilaseco, Rosa Iglesias Rodríguez; ó oeste, en liña recta de 131,75 m coas fincas de Agustín Rey Rivadas e Mª Dolores Quintela López».

A parcela figura inscrita no Rexistro da Propiedade nº 1 de Santiago de Compostela no tomo 1382, libro 367, folio 28, predio nº 32.929 inscrición 1ª a nome da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) A parcela que se cede destinarase a uso público municipal (equipamento deportivo, espacios libres e viais complementarios).

b) Se o ben cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da escritura pública, ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o inmoble reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentase.

c) Tódolos gastos e impostos derivados da trasmisión, incluído o imposto do incremento de valor dos terreos de natureza urbana, asi como os da segregación, serán de conta do cesionario.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, sete de setembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda