Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 26 de setembro de 2001 Páx. 12.730

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 220/2001, do 7 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Ortigueira, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de recuperación do muíño de vento do Campo da Torre, urbanización e axardinamento do seu contorno (Concello de Ortigueira).

O Concello de Ortigueira, en sesión que tivo lugar o 25 de outubro de 2000, aprobou o proxecto de recuperación do muíño de vento do Campo da Torre, urbanización e axardinamento do seu contorno e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 25 de maio de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 11 de xuño de 2001.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo emitiu informe, que tivo entrada no rexistro da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais con data do 3 de agosto de 2001, co fin de emitir informe favorable sobre o proxecto; non obstante e como se trata dun ben do catálogo municipal e polo tanto integrante do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, deberá se-lo Concello de Ortigueira quen solicite da Consellería de Cultura, Comunicación social e Turismo o pertinente informe vinculante do proxecto, previo á concesión de licencia.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o concello a pesar das proteccións con que conta o referido ben o seu estado actual presenta graves deficiencias e deterioración, debido a un claro incumprimento por parte dos propietarios do deber de conservación e reparación del, polo que de non realiza-las obras de recuperación do muíño de vento en breve prazo, suporía a súa desaparición coa conseguinte perda dun ben do patrimonio cultural o que non só prexudicaría os intereses municipais senón o interese xeral, xa que non sería posible a súa recuperación e por outro lado o concello ten a obriga de protexelo, defendelo e conservalo segundo o disposto na Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de setembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Ortigueira para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de recuperación do muíño de vento do Campo da Torre, urbanización e axardinamento do seu contorno sen prexuízo da obriga por parte do concello de solicitar da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo o pertinente informe vinculante ó que se fai referencia no emitido con

data 26 de xullo de 2001, pola Dirección Xeral do Patrimono Cultural.

Santiago de Compostela, sete de setembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais