Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 26 de setembro de 2001 Páx. 12.729

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 219/2001, do 7 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Santiago de Compostela, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de evacuación de pluviais SUP-4 (colector exterior) e urbanización da rúa de Conxo de Arriba (concello de Santiago de Compostela).

O Concello de Santiago de Compostela, en sesión que tivo lugar o día 25 de xaneiro de 2001, aprobou o proxecto de evacuación de pluviais SUP-4 (colector exterior) e urbanización da rúa de Conxo de Arriba e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

O Concello de Santiago de Compostela remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 1 de agosto de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 21 de agosto de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o concello a execución do colector exterior de saneamento para a evacuación das augas pluviais do sector resulta absolutamente necesaria para completa-lo proceso de urbanización e edificación simultánea do SUP-4 tendo en conta que

é unha parte indisoluble do trazado interior das redes de saneamento e de pluviais que son imprescindibles para as conexións exteriores destas dúas redes de servicios urbanos, e conseguir así que esta zona dispoña dun servicio que se considera de primeira necesidade.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de setembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Santiago de Compostela para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de evacuación de pluviais SUP-4 (colector exterior) e urbanización da rúa de Conxo de Arriba, sen prexuízo, se fose necesario, de obte-las autorizacións pertinentes doutras administracións respecto de competencias das que estas sexan titulares.

Santiago de Compostela, sete de setembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais