Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 26 de setembro de 2001 Páx. 12.729

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 20 de agosto de 2001 pola que se declara a alleabilidade dunha parcela, situada en San Lázaro, no termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular, en virtude do Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e pesca (BOE nº 292, do 6 de decembro), do predio nomeado hospital-horta de San Lázaro, parroquia de San Lázaro (antes parroquia de Santa María de Sar), municipio da cidade de Santiago de Compostela, coñecida tamén como leprosería e horta de San Lázaro, de superficie total de 71.767 m, (que segundo certificación catastral e recente medición é de 72.950 m).

Na actualidade, o dito inmoble consta no inventario de bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia como ben de dominio público con destino á sede de dependencias administrativas da Xunta de Galicia.

Con data do 29 de xullo de 1996 o Concello de Santiago de Compostela asinou coa Consellería de Economía e Facenda un convenio de cooperación urbanística, asinándose así mesmo unha addenda ó dito convenio con data do 15 de xuño de 2000, asumindo entre outros o compromiso de cederlle ó Concello de Santiago de Compostela unha superficie de terreo con destino ó equipamento deportivo.

Mediante Decreto 186/2001, do 26 de xullo (DOG nº 156, do 13 de agosto), desafectouse do dominio público unha parcela de 22.250 m, onde se sitúa o inmoble denominado hospital-horta de San Lázaro, parroquia San Lázaro (antes Santa María de Sar), municipio de Santiago de Compostela.

Co obxecto de posibilita-la cesión da dita parcela, requírese a previa declaración de alleabilidade, segundo o disposto nos artigos 24 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 60 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da antedita lei.

En virtude do anteriormente exposto, por proposta da Secretaría Xeral e do Patrimonio,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase a alleabilidade dunha parcela que se describe como segue:

«Parcela de 22.250 m de superficie que linda ó norte, en liña recta de 174,20 m co camiño vecinal, (hoxe rúa de Penamaría); ó sur, en liña curva de 54,96 m e en liña recta de 118,31 m, co resto do predio matriz; ó leste, en liña recta de 115,17 m

cos predios de Carmen Míguez Losada, Dolores Fandiño Vilaseco, María Fandiño Vilaseco, Rosa Iglesias Rodríguez; ó oeste, en liña recta de 131,75 m cos predios de Agustín Rey Rivadas e Mª Dolores Quintela López».

A parcela segregouse do predio matriz e figura inscrita no Rexistro da Propiedade nº 1 de Santiago de Compostela no tomo 1.382, libro 367, folio 28, predio nº 32.929 inscrición 1ª a nome da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2001.

P.D. (Orde 13-12-1993)

Emilio Álvarez Rey

Secretario xeral e do Patrimonio da Consellería

de Economía e Facenda