Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 26 de setembro de 2001 Páx. 12.731

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 221/2001, do 7 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Arteixo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de pavimentación e saneamento rúa de Cee-Meicende (concello de Arteixo).

O Concello de Arteixo, en sesión celebrada o día 25 de xaneiro de 2001, aprobou o proxecto de pavimentación e saneamento rúa de Cee-Meicende e na sesión do 28 de xuño de 2001 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 21 de agosto de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o concello as obras nesta rúa fanse necesarias por motivos de seguridade, salubridade e hixiene dado que o primeiro tramo da vía conta cuns precarios servicios urbanísticos de rede de sumidoiros e abastecemento de auga e o segundo carece de servicios de saneamento. Tamén lle afectan ás instalacións de Repsol e Butano que teñen, nesta vía, a única saída para o tránsito rodado dos seus productos perigosos polo que se fai necesario resolve-la conexión da avenida do Butano con outras posibles vías de saída e así facilita-la fluidez do tráfico de vehículos e peóns na rúa de Cee.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de setembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Arteixo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de pavimentación e saneamento rúa de Cee-Meicende.

Santiago de Compostela, sete de setembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais