Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 25 de setembro de 2001 Páx. 12.680

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de setembro de 2001 pola que se declara de interese galego a Fundación Amancio Ortega Gaona e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Con data do 11 de setembro de 2001 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 3 de setembro de 2001, pola que se clasifica como mixta a Fundación Amancio Ortega Gaona, adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 10 de xullo de dous mil, un ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán co número mil setecentos cincuenta e sete do seu protocolo, por Amancio Ortega Gaona, José María Castellano Ríos, Antonio Abril Abadín e José Arnau Sierra; interveñen no seu propio nome e dereito.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto xenericamente a promoción, fomento, desenvolvemento, execución e financiamento de todo tipo de actividades que coadxuven á difusión e extensión da cultura, da educación, da investigación e da ciencia en calquera das súas manifestacións.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Amancio Ortega Gaona, ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Amancio Ortega Gaona no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública