Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 21 de setembro de 2001 Páx. 12.579

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña para o ano 2001.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña para o ano 2001 (código convenio 1500295), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 22-6-2001 (e foi completado o día 17-7-2001), subscrito en representación da parte económica pola Asociación ASAC, e da parte social, polas centrais sindicais USO, CC.OO., UGT, FETICO e CIG o día 20-6-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado

á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 23 de xullo de 2001.

María Silva Costoya

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo do comercio de alimentación

da Coruña

Artigo 1º.-Ámbito.

a) Territorial: o presente convenio colectivo é de aplicación en toda a provincia da Coruña.

b) Funcional: o presente convenio colectivo é de aplicación en tódalas empresas dedicadas ó comercio de alimentación, como son as empresas encadradas nas agrupacións de almacenistas de alimentación; retallistas de ultramarinos e similares (ultramarinos, comestibles, chacinerías, friamerías e xamonerías); supermercados e autoservicios; cooperativas de consumo e economatos laborais; así como as empresas pertencentes ás agrupacións de caramelos e chocolates, torrefactores de café e, en xeral, para todo o comercio retallista que en razón da verdadeira actividade que desenvolve, debe figurar encadrado neste convenio colectivo.

c) Persoal: o presente convenio colectivo afecta a tódolos traballadores das empresas incluídas no ámbito funcional.

Artigo 2º.-Vixencia.

A duración do presente convenio será desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2001.

Artigo 3º.-Denuncia e os seus efectos.

A denuncia do convenio entenderase validamente efectuada por calquera das partes sempre que medie comunicación por escrito á outra parte antes do último mes de vixencia ordinaria do convenio.

Producida a denuncia do convenio, nos termos establecidos no parágrafo primeiro, as partes comprométense a constituí-la comisión negociadora na segunda quincena do mes de xaneiro, e a inicia-la negociación efectiva na primeira quincena do mes de febreiro inmediatamente seguintes.

Artigo 4º.-Organización do traballo.

A ordenación do traballo é facultade do empresario, ou persoa en quen este delegue, que debe

exercerse con suxeición ó establecido no presente convenio e demais normas aplicables.

O traballador está obrigado a cumpri-las ordes e instruccións do empresario no exercicio regular das súas facultades directivas, debendo executar cantos traballos, operacións ou actividades se lle ordenen dentro do xeral cometido da súa categoría profesional.

A dirección da empresa informará os representantes dos traballadores dos sistemas de racionalización, automatización e modernización que xulgue necesarios, así como os métodos que poidan conducir a un progreso técnico e económico da empresa, sen prexuízo da formación profesional que tódolos empregados teñen o deber e o dereito de completar mediante a aprendizaxe teórica e práctica e o estudio persoal.

Artigo 5º.-Clasificación do persoal.

O persoal ó servicio das empresas afectadas por este convenio colectivo queda encadrado nalgúns dos seguintes grupos profesionais en función das súas titulacións académicas, aptitudes profesionais e contido xeral da prestación laboral requirida.

As definicións contidas para cada grupo profesional non son exhaustivas senón simplemente enunciativas.

Grupo I. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores que coordinan, dirixen, establecen e crean políticas xerais, prácticas normativas e procedementos amplos, con alto grao de autonomía a partir de directrices xerais. Exercen a supervisión a través de mandos intermedios, co fin de consegui-los obxectivos operacionais marcados.

Grupo II. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores a actividade dos cales se desenvolve baixo especificacións precisas e con certo grao de autonomía, podendo coordina-lo traballo dun equipo, e para o desenvolvemento do cal se require unha pericia ou habelencia, sistemática en actividades e/ou procesos técnicos, comerciais, informáticos ou administrativos, estando ou non estandarizados.

Grupo III. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores en postos que se executan baixo instruccións concretas con dependencia xerárquica e funcional total. Esíxese o coñecemento total do seu oficio, e as funcións poden implicar incomodidade temporal ou esforzo físico.

A precedente definición de grupos profesionais, non implica a derrogación das categorías profesionais e a súa definición funcional contidas na vixente Ordenanza laboral de comercio.

Así mesmo, créase o chamado salario de promoción para as categorías profesionais integradas nos niveis IIIC e IIIB, coas seguintes contías e criterios de aplicación:

* Os traballadores do nivel IIIC pasarán a cobra-lo salario de promoción cando acrediten unha antigüidade na empresa de 3 anos.

* Os traballadores do nivel IIIB pasarán a cobra-lo salario de promoción cando acrediten unha antigüidade na empresa clasificados no dito nivel de 5 anos.

Artigo 6º.-Período de proba.

O ingreso entenderase provisional ata que non se cumpra o período de proba que, para cada grupo profesional dos enumerados no artigo 5º, se detalla a continuación:

Grupo I: 6 meses.

Grupo II: 3 meses.

Grupo III: 1 mes.

No suposto de que a duración do contrato dun traballador do grupo terceiro sexa igual ou inferior a oito meses, o período de proba será de 15 días.

Artigo 7º.-Modalidades de contratación.

A) Contratos de formación.

Poderán efectuarse contratos de formación para tódalas categorías profesionais, excepto para as de mozo e mozo especializado.

Poderanse celebrar contratos de formación con traballadores maiores de dezaseis e menores de vinteún anos, ambos incluídos.

O salario de contratación destes traballadores será igual ó 90% e 95% do salario base da súa categoría profesional e do complemento de transporte durante, respectivamente, o primeiro e o segundo ano de vixencia do contrato.

B) Contratos en prácticas.

A retribución dos traballadores cun contrato en prácticas será do 85% e do 95% do salario base da súa categoría profesional e do complemento de transporte durante o primeiro e segundo ano de vixencia do contrato respectivamente.

C) Contratos eventuais por circunstancias do mercado.

De conformidade co establecido no artigo 15.1º b do Estatuto dos traballadores, poderán celebrarse cunha duración máxima de 12 meses nun período de 18 meses.

D) Contratos de obra ó servicio determinado.

De conformidade co establecido no artigo 15.1º a do Estatuto dos traballadores, para unha menor precariedade da contratación, buscando a repercusión positiva sobre o emprego derivada do actual ciclo económico, e conscientes do proceso de reestructuración no que se encontra inmerso o sector de comercio (fusións e adquisicións entre empresas, chegada de novos operadores nacionais e internacionais, disposicións lexislativas sobre liberalización do sector, etc...), constátase a necesidade de, ademais dos contidos xerais, identificar como traballos ou tarefas con substantividade propia, dentro da actividade normal das empresas do sector, que

poden cubrirse con contratos para a realización dun servicio determinado, os seguintes:

As campañas específicas, a consolidación comercial nos casos de creación dun establecemento, as feiras, exposicións, vendas especiais, promocións de productos ou servicios propios ou de terceiros, os aniversarios e outras tarefas comerciais que presenten perfís propios e diferenciados do resto da actividade.

En ningún caso terán a consideración de traballos ou tarefas con substantividade propia dentro da actividade normal da empresa, sen que, por tanto, poidan concertarse contratos de obra ou servicio determinado para cubrir estas situacións, que a continuación se enuncian:

As reformas de establecementos, os simples cambios ou variacións no nome comercial, os traslados de establecemento acaecidos dun local a outro situado na mesma zona xeográfica e ámbito de influencia, e en xeral todas aquelas modificacións, innovacións ou alteracións de calquera tipo que non teñan as características propias dunha creación de establecemento comercial tal e como esta é entendida no sector.

Por outra parte, nos casos de creación de establecementos comerciais, entenderase consolidado un establecemento transcorridos dous anos desde o momento da súa creación. Estes casos terán que estar necesariamente ligados a investimentos económicos cuantificados, e sempre serán xeradores de creación de emprego. Ademais, exclúese a posibilidade de celebrar máis dunha vez co mesmo traballador o contrato de obra ou servicio de terminado cando teña por obxecto a creación de establecementos comerciais.

E) Fomento da contratación indefinida.

As empresas rexidas polo presente convenio comprométense á transformación en contratos indefinidos, dun 10% da contratación temporal anual media ponderada. Da medida da dita contratación media excluiranse os contratos de obra ou servicio determinado, para os que se establecen un réxime específico recollido a continuación.

As empresas comprométense igualmente a transformar en indefinidos un 30% da totalidade dos contratos de obra ou servicio determinado regulados na letra D) deste artigo. Esta porcentaxe referirase unicamente ós contratos deste tipo que esgoten a súa duración máxima de dous anos.

Para os efectos de mante-la proporcionalidade da medida recollida nesta letra, eximirase da obriga de cumprimento das anteriores porcentaxes ás empresas que se encontren nalgunha das seguintes situacións:

a) Aquelas empresas que ocupen a menos de 25 traballadores e teñan un 50% de emprego fixo.

b) Aquelas empresas que ocupando a un número de traballadores igual ou superior a 25, teñan un 80% de emprego fixo.

Así mesmo, de acordo co establecido na letra b) do punto 2 da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, ámbalas partes coinciden en que durante toda a vixencia deste convenio (año 2001), será posible a conversión de tódolos contratos temporais celebrados durante a vixencia deste convenio no contrato para o fomento da contratación indefinida regulado pola dita disposición.

Artigo 8º.-Mobilidade xeográfica.

A) Desprazamento: as empresas poderán despraza-lo seu persoal a outros centros de traballo distintos a aquel en que presten os seus servicios fundamentando o dito desprazamento en razóns técnicas, organizativas, de producción ou de contratación.

B) Traslado: enténdese por traslado o desprazamento a outro centro de traballo que implique un cambio de domicilio. Enténdese que un desprazamento implica cambio de domicilio cando o centro de traballo de novo destino diste máis de 40 quilómetros do seu centro actual ou do seu domicilio actual.

Para os supostos de traslado de persoal polos motivos contemplados na lei, establécense os seguintes mecanismos:

-Negociación preceptiva coa representación legal dos traballadores.

-Intervención dos mecanismos do AGA, e en caso de desacordo da comisión paritaria.

-Recuperación do posto de traballo anterior en caso de laudo ou sentencia favorable.

-Aviso previo de 45 días.

-Prazo de incorporación ó novo centro de traballo de 30 días.

-Os traslados non terán unha duración inferior a 12 meses nun período de tres anos.

-Se por traslado un dos cónxuxes cambia de residencia, o outro, se fose traballador da mesma empresa, terá dereito ó traslado á mesma localidade.

Os casos de traslados darán lugar ó devengo polo traballador trasladado dos seguintes conceptos compensatorios:

-Billete para o traballador e os familiares que vivan ás súas expensas.

-Transporte de mobiliario, roupa e enxoval do seu fogar.

-Indemnización consistente en dúas veces o salario base mensual da súa categoría profesional, nun único pagamento.

-Compensación durante doce meses da diferencia de custo de vivenda en aluguer (vivenda das mesmas características).

Notificada a decisión de traslado, o traballador poderá optar pola extinción do seu contrato percibindo unha indemnización de 25 días de salario por ano de servicio, rateándose por meses os períodos

inferiores a un ano, e cun máximo de 12 mensualidades.

Artigo 9º.-Estructura salarial.

A estructura de retribucións neste convenio represéntase e defínese de acordo co seguinte:

A) Salario base de grupo: retribución establecida por cada grupo profesional e nivel retributivo.

B) Complementos do salario: cantidades que, se é o caso, deben engadirse ó salario base de grupo por algúns dos seguintes conceptos:

-Persoais: antigüidade consolidada.

-Por calidade ou cantidade de traballo: horas extras, complementos, etc.

-De vencemento superior ó mes: pagas de beneficios, xullo e Nadal.

-Devengos non salariais: complemento de transporte.

Artigo 10º.-Salario hora profesional.

Para a súa determinación teranse en conta os seguintes conceptos:

A) Salario base.

B) As pagas extraordinarias de beneficios, xullo e Nadal.

C) Antigüidade consolidada.

D) Complementos de natureza salarial.

Os conceptos anteriores refírense á xornada máxima de traballo anual.

Artigo 11º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaranse tres pagas extras que se farán efectivas nos días laborables inmediatamente anteriores ó 22 de xullo e 22 de decembro, e a de beneficios que se fará efectiva dentro do primeiro trimestre do ano.

A contía das tres pagas será de 30 días de salario real.

Artigo 12º.-Complemento de transporte.

Establécese o complemento de transporte cunha cantidade de pesetas mensuais para axudar a gastos de desprazamento aboadas en 12 pagas. A contía de cada unha destas pagas será para o ano 2001 de 8.141 pesetas (48,93 euros).

Por razón da súa natureza non salarial, este complemento non será absorbible nin compensable en ningún concepto.

Artigo 13º.-Xornada de traballo.

A xornada máxima de traballo para o ano 2001 queda establecida en 1.812 horas.

Se como consecuencia dalgunha norma de carácter xeral e rango superior se decretase a reducción da xornada, reducirase, nos termos que estableza a dita norma, a xornada establecida no presente convenio.

Así mesmo, establécese o peche dos establecementos comerciais ás 20 horas, os días 24 e 31 de decembro.

Con carácter xeral, reitérase a obriga que atinxe ás empresas de confeccionar anualmente un calendario laboral de acordo coa lexislación vixente e expoñelo de maneira visible en cada centro de traballo.

Respectando o número de horas anuais de traballo convidas, así como os períodos mínimos de descanso diario ou semanal, cada empresa poderá realizar unha distribución irregular de xornada en períodos de catro meses.

En cada período cuadrimestral a distribución semanal poderá supera-las 40 horas de traballo, co límite de 9 horas diarias. O exceso de horas traballadas compensarase nos períodos de menor traballo.

Antes do inicio de cada período de distribución irregular de xornada, que como mínimo deberá comprender un período de catro meses, publicarase o calendario correspondente ó dito período. Esta publicación realizarase como mínimo con 15 días de antelación ó inicio do dito período.

Artigo 14º.-Tempo de bocadillo.

Do tempo de descanso durante a xornada referido ó persoal que conforme o artigo 34.4º do ET realice máis de seis horas de xornada continuada, 15 minutos terán a consideración de tempo de traballo efectivo, respectándose as condicións máis beneficiosas que puidesen terse pactado entre empresa e traballador.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

A teor do exposto, neste sector, as horas extraordinarias aboaranse cunha recarga do 75% do seu valor. As horas extraordinarias realizadas en domingos e festivos, aboaranse cunha recarga do 75% do seu valor.

Por común acordo entre empresa e traballador poderase substituí-la compensación económica destas horas extras, por descanso compensatorio na mesma porcentaxe de recarga en que están retribuídas.

Ámbalas partes acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, consonte os seguintes criterios:

1. Horas extraordinarias habituais: supresión.

2. Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios urxentes, así como en caso de risco de perda de materias primas: realización.

3. Horas extraordinarias estructurais que son as necesarias para pedidos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade de que se trate; mantemento sempre que non caiba a utilización das

distintas modalidades de contratación temporal ou parcial previstas pola lei.

Será obrigado facer constar na nómina oficial de salarios o número e importe das horas extraordinarias realizadas.

Artigo 16º.-Vacacións.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán de 31 días de vacacións retribuídas. Os traballadores coñecerán as datas das súas vacacións polo menos dous meses antes do comezo do desfrute delas.

Artigo 17º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración por algúns dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Dezaseis días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto o prazo será de catro días.

No caso de falecemento de parentes de terceiro grao, un día.

c) Dous días por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable, de carácter público e persoal.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe dela do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legalmente.

f) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito pola reducción da xornada normal nunha hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente polo pai ou a nai no caso de ambos traballaren.

g) Quen, por razóns de garda legal, teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou a un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

h) Os traballadores disporán de tres días, ó longo do ano, por asuntos propios, sen necesidade de xustificar. Estes días non se poderán acumular ás vacacións, nin desfrutar en pontes entre festivos. O desfrute destes días acordarase coa suficiente antelación para a organización do traballo.

Artigo 18º.-Enfermidade, accidente e maternidade.

As empresas aboaranlle ó traballador en situación de baixa por IT, accidente ou maternidade, e por un período máximo de 12 meses, un complemento que sumado á prestación da Seguridade Social alcance o cento por cento do importe íntegro das súas retribucións económicas.

En calquera dos supostos a empresa aboará un complemento do 15 por cento da base reguladora entre polo mes 13º ata o termo do mes 15º; e un 10 por cento desde o mes 16º ata o termo do mes 18º.

Non obstante, nos supostos en que o traballador permaneza hospitalizado aboaráselle un complemento do 20 por cento entre o mes 13º e o mes 18º, en tanto en canto dure a hospitalización.

O importe que se vaia percibir non poderá ser nunca superior ó que se perciba en situación de alta no traballo.

Artigo 19º.-Roupa de traballo.

Entregaráselles a tódolos traballadores dous xogos de roupa ó ano, como mínimo, e cando o necesite en función da actividade que se vaia desenvolver e de acordo coas normas de seguridade e hixiene no traballo.

Artigo 20º.-Período de xubilación anticipada e voluntaria.

As empresas aboaranlles un complemento de xubilación a aqueles traballadores que, con dez anos de antigüidade como mínimo nela, se xubilen de mutuo acordo coa empresa. A súa contía irá en pesetas. As cantidades para cada tramo de idade son as seguintes:

-Por xubilación voluntaria ós 60 anos: 700.313 pesetas (4.208,97 euros).

-Por xubilación voluntaria ós 61 anos: 622.500 pesetas (3.741,30 euros).

-Por xubilación voluntaria ós 62 anos: 544.688 pesetas (3.273,64 euros).

-Por xubilación voluntaria ós 63 anos: 492.813 pesetas (2.961,87 euros).

-Por xubilación voluntaria ós 64 anos: 415.000 pesetas (2.494,20 euros).

-A xubilación será obrigatoria ós 65 anos para tódolos/as traballadores/as cunha base de cotización que lles permita xubilarse co cento por cento da base reguladora. Neste caso a empresa aboará un complemento do seguinte modo:

-Unha paga consistente en 3 veces o salario base de grupo e a antigüidade.

-Unha vez fixada a contía do premio, a empresa poderá fracciona-lo pagamento ó longo dun máximo de 6 meses.

-Para a súa recepción, haberá de solicitarse no prazo de tres meses desde o cumprimento da idade correspondente. Se cumpridos 64 anos de idade, e seis meses máis, o traballador non solicitase a xubilación perderá o dereito a este complemento.

Este artigo quedará en suspenso no caso de que por disposición de rango superior se reducise a idade de xubilación.

Artigo 21º.-Xubilación ós sesenta e catro anos.

Os traballadores, de acordo coa empresa, poderán acollerse á xubilación especial ós sesenta e catro anos, ó 100% dos dereitos pasivos, con simultánea contratación doutros traballadores desempregados, rexistrados na oficina de emprego en número igual ó de xubilacións anticipadas que se pacten por calquera das modalidades vixentes na actualidade, excepto as contratacións a tempo parcial e a modalidade de contratación recollida no artigo 15.1º b) do ET, cun período mínimo de duración en todo caso superior ó ano, e tendendo ó máximo legal respectivo, sempre e cando legalmente se estableza tal posibilidade de xubilación especial ós sesenta e catro anos, en consonancia co antes sinalado.

Artigo 22º.-Despedimento por reestructuración de cadros de persoal.

As empresas quedan obrigadas á readmisión prioritaria dos traballadores despedidos en caso dunha nova ampliación de cadro de persoal.

A antigüidade en caso de que percibisen indemnización será a da data de reintegro; en caso contrario, respectarase a antigüidade primitiva.

Artigo 23º.-Dereitos sindicais.

As empresas respectarán o dereito de tódolos traballadores a sindicárense libremente; admitirán que os traballadores afiliados a un sindicato poidan celebrar reunións, recadar cotas e distribuír información sindical fóra das horas de traballo e sen perturba-la actividade normal das empresas; non poderán suxeita-lo emprego dun traballador á condición de que non se afilie ou renuncie á súa afiliación sindical, e tampouco despedir a un traballador ou prexudicalo de calquera outra forma, a causa da súa afiliación ou actividade sindical.

Os sindicatos poderán remitir información a todas aquelas empresas nas que dispoñan de suficiente e apreciable afiliación, co fin de que sexa distribuída, fóra das horas de traballo, e sen que, en todo caso, o exercicio de tal práctica puidese interrompe-lo desenvolvemento do proceso productivo. Nos centros de traballo que posúan un cadro de persoal superior a 50 traballadores, existirán taboleiros de anuncios nos que os sindicatos debidamente implantados poderán inseri-las súas comunicacións; para este efecto difundirán copias delas previamente á dirección ou titularidade do centro.

A) Delegados sindicais.

Naqueles centros de traballo con cadro de persoal que exceda de 250 traballadores, a representación do sindicato ou central será tida por un delegado.

O sindicato que alegue posuír dereito a se atopar representado mediante titularidade persoal en calquera empresa, deberá acreditalo ante ela de modo fidedigno, e esta recoñeceralle, acto seguido, ó citado delegado a súa condición de representante do sindicato para tódolos efectos.

O delegado sindical deberá ser traballador en activo das respectivas empresas, e designado de acordo cos estatutos da central ou sindicato a quen represente.

Funcións dos delegados sindicais.

1. Representar e defende-los intereses do sindicato a quen representa, e ós afiliados del na empresa, e servir de instrumento de comunicación entre a súa central sindical ou sindicato e a dirección das respectivas empresas.

2. Poderán asistir ás reunións do comité de empresa, comités de seguridade e hixiene no traballo e comités paritarios de interpretación con voz e sen voto.

3. Terán acceso á mesma información e documentación que a empresa debe poñer á disposición do comité de empresa, de acordo co regulado a través da lei, estando obrigados a gardar sixilo profesional nas materias nas que legalmente proceda. Posuirán as mesmas garantías e dereitos recoñecidos pola lei e os convenios colectivos ós membros do comité de empresa.

4. Serán oídos pola empresa no tratamento daqueles problemas de carácter colectivo que afecten ós traballadores en xeral e ós afiliados do sindicato.

5. Serán, así mesmo, informados e oídos pola empresa con carácter previo:

a) Acerca dos despedimentos e sancións que afecten ós afiliados ó sindicato.

b) En materia de reestructuración de cadro de persoal, regulacións de emprego, traslado de traballadores, cando revista carácter colectivo, ou do centro de traballo xeral, e sobre todo proxecto ou acción empresarial que poida afectar substancialmente ós intereses dos traballadores.

c) A implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo ou calquera das súas posibles consecuencias.

6. Poderán recadar cotas ós seus afiliados, repartir propaganda sindical e manter reunións con eles, todo iso fóra das horas efectivas de traballo.

7. Coa finalidade de facilita-la difusión daqueles avisos que lles puidesen interesar ós respectivos afiliados ó sindicato e ós traballadores en xeral, a empresa porá á disposición do sindicato do que teña a representación o delegado un taboleiro de anuncios que deberá establecerse dentro da empresa e en lugar con acceso a el por tódolos traballadores.

8. En materia de reunións, ámbalas partes, en canto ó procedemento se refire, axustarán a súa conducta á normativa legal vixente.

9. Os delegados cinguirán as súas tarefas á realización das funcións sindicais que lles sexan propias.

10. Cota sindical. A requirimento dos traballadores afiliados ás centrais ou sindicatos que teñan a representación a que se refire este punto, as empresas descontarán na nómina mensual dos traballadores o importe da cota sindical correspondente. O traballador interesado na realización de tal operación remitirá á dirección da empresa un escrito no que expresará con claridade a orde de desconto, a central ou sindicato a que pertence, a contía da cota, así como o número da conta corrente ou cartilla de caixa de aforros á que debe ser transferida a correspondente cantidade. As empresas efectuarán as anteditas detraccións agás indicación en contrario, durante períodos dun ano.

11. A dirección da empresa entregará copia da transferencia á representación sindical da empresa, se a houbese.

12. Excedencias. Poderá solicita-la situación de excedencia aquel traballador en activo cun cargo sindical de relevancia provincial ou autonómico a nivel de secretario de sindicato respectivo e nacional en calquera das súas modalidades. Permanecerá en tal situación mentres se encontre no exercicio do dito cargo, reincorporándose á súa empresa se o solicitara no termo dun mes ó finaliza-lo desempeño del. Nas empresas con cadro de persoal inferior a 50 traballadores, os afectados polo termo da súa excedencia cubrirán a primeira vacante que do seu grupo profesional se produza nos seus cadros de persoal de permanencia, salvo pacto individual en contrario.

13. Participación nas negociacións de convenios colectivos. Ós delegados sindicais ou cargos de relevancia nacional ou autonómica das centrais recoñecidas no contexto do presente convenio implantadas a nivel nacional ou autonómico, e que participen nas comisións negociadoras de convenios colectivos, mantendo a súa vinculación como traballadores en activo nalgunha empresa, seranlles concedidos permisos retribuídos por elas, co fin de lles facilita-lo seu labor como negociadores e durante o transcurso da antedita negociación, sempre que a empresa estea afectada pola negociación en cuestión.

B) Dos comités de empresa.

1. Sen prexuízo dos dereitos ou facultades concedidas polas leis, recoñéceselles ós comités de empresa as seguintes funcións:

a) Seren informados pola dirección da empresa:

1. Trimestralmente, sobre a evolución xeral do sector económico ó que pertence a empresa, sobre a evolución dos negocios e a situación da producción

e vendas da entidade, ou sobre o seu programa de producción e evolución probable do emprego en empresa.

2. Anualmente, coñeceren e teren á súa disposición o balance, a conta de resultados, a memoria e no caso de que a empresa revista a forma de sociedade por accións ou participacións, de tantos documentos se dean a coñecer ós socios.

3. Con carácter previo á súa execución pola empresa sobre as reestructuracións de cadros de persoal, peches totais ou parciais, definitivos ou temporais, as reduccións de xornada, sobre o traslado total ou parcial das instalacións empresariais, sobre os plans de formación profesional da empresa.

4. En función da materia de que se trata:

-Sobre a implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo e calquera das súas posibles consecuencias: estudios de tempo, establecementos de sistemas de primas ou incentivos e valoración de postos de traballo.

-Sobre a fusión e absorción ou dosificación do status xurídico da empresa, cando iso supoña calquera incidente que afecte ó volume de emprego.

-O empresario facilitaralle ó comité de empresa o modelo ou modelos de contrato de traballo que habitualmente utilice estando lexitimado o comité para efectua-las reclamacións oportunas ante a empresa e, se é o caso, a autoridade laboral competente.

-Sobre sancións impostas por faltas moi graves e en especial, en suposto de despedimento.

-No referente ás estatísticas sobre índice de absentismo e as súas causas, ós accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas consecuencias, ós índices de sinistralidade, ó movemento de ingresos e cesamentos e ós ascensos.

b) Exercer un labor de vixilancia sobre as seguintes materias:

1. Cumprimento das normas vixentes en materia laboral e de Seguridade Social así como o respecto dos pactos, condicións ou usos de empresa en vigor, formulando, se é o caso, as accións legais oportunas ante a empresa e os organismos ou tribunais competentes.

2. A calidade da docencia e a efectividade dela nos centros de formación e capacitación da empresa.

3. As condicións de seguridade e hixiene no desenvolvemento do traballo na empresa.

c) Participar, como regulamentariamente se determine na xestión de obras sociais establecidas na empresa en beneficio dos traballadores ou dos seus familiares.

d) Colaborar coa dirección da empresa para consegui-lo cumprimento de cantas medidas procuren o mantemento e o incremento da productividade na empresa.

e) Recoñéceselle ó comité de empresa capacidade procesual, como órgano colexiado, para exercer accións administrativas ou xudiciais en todo o relativo ó ámbito da súa competencia.

f) Os membros do comité de empresa, e este no seu conxunto, observarán sixilo profesional en todo o referente ós números 1, 2 e 3 do punto a) deste artigo, mesmo despois de deixar de pertencer ó comité de empresa e en especial en todas aquelas materias sobre as que a dirección sinale expresamente o carácter reservado.

g) O comité velará non só porque nos procesos de selección de persoal se cumpra a normativa vixente ou pactada, senón tamén polos principios de non discriminación, igualdade de sexo e fomento da política racional de emprego.

h) Garantías:

1. Ningún membro do comité de empresa ou delegado de persoal poderá ser despedido ou sancionado durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte ó seu cesamento, salvo que este se produza por revogación ou dimisión, e sempre que o despedimento ou a sanción se baseen na actuación do traballador no exercicio legal da súa representación. Se o despedimento ou calquera outra sanción por supostas faltas graves ou moi graves, obedecesen a outras causas, deberá tramitarse expediente contradictorio nel serán oídos, á parte do interesado, o comité de empresa ou restantes delegados de persoal, e o delegado do sindicato ó que pertenza, no suposto de que estivese recoñecido como tal na empresa.

Posuirán prioridade de permanencia na empresa ou restantes centros de traballo respecto ós demais traballadores, nos supostos de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas ou económicas.

2. Non poderán ser discriminadas na súa promoción económica ou profesional por causa ou razón do desempeño da súa representación.

3. Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa representación, e poderán publicar ou distribuír sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo aquelas publicacións de interese laboral ou social, comunicando todo aquilo previamente á empresa e exercendo tales tarefas de acordo coa norma legal vixente para o efecto.

4. Disporán do crédito de horas mensuais retribuídas que a lei determina. Así mesmo, non se computará dentro do máximo legal de horas o exceso que sobre el se produza con motivo da designación de delegados de persoal ou membros de comités como compoñentes de comisións negociadoras de convenios colectivos nos que sexan afectados e polo que se refire á celebración de sesións oficiais a través das cales transcorran tales negociacións e cando a empresa en cuestión se vexa afectada polo ámbito de negociación referido.

5. Sen exceder do máximo legal poderán ser consumidas as horas retribuídas de que dispoñen os membros do comité ou delegados de persoal, co fin de preve-la asistencia deles a cursos de formación organizados polos seus sindicatos institutos de formación ou outras entidades.

6. O total das horas retribuídas da representación dos traballadores a que se refire o número 4 poderá acumularse para ser desfrutado por un ou varios representantes, sen supera-lo máximo total, sempre que medie acordo ó respecto, do comité, e da sección sindical afectada, debidamente comunicado á dirección da empresa con oito días de antelación ó mes de que se trate, e non supoña alteración grave do réxime laboral dela.

Nos aspectos non recollidos neste artigo entenderase aplicable o disposto na Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 24º.-Cláusula de desvinculación salarial.

Os compromisos en materia salarial contidos no presente convenio serán de aplicación para tódalas empresas afectadas polo ámbito funcional.

Para as empresas que pretendan acollerse á cláusula regulada no presente artigo establécense os seguintes mecanismos:

1º Comisión paritaria do convenio.

2º Negociación coa representación legal dos traballadores.

3º Mecanismos do AGA.

A tódolos mecanismos citados anteriormente achegaráselle-la seguinte documentación:

-Acreditación por medio da contabilidade oficial dos resultados dos tres últimos exercicios nos que se demostre que durante eles se producen perdas reais.

-Plan de viabilidade para o período para o que se pretende a aplicación da dita cláusula de exención e a xustificación económica e a súa repercusión real no melloramento global dos resultados da empresa.

Na súa aplicación poderán pactarse reduccións sobre as porcentaxes de incrementos negociados ou a súa total inaplicación polo período que se determine, neste último caso aplicaranse os aspectos económicos nos mesmos termos que figuran no convenio anteriormente vixentes.

Os representantes legais dos traballadores, membros da comisión paritaria así como os seus asesores están obrigados a tratar e a manter na maior reserva a información recibida e os datos a que tivesen acceso como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores, observando, por conseguinte, respecto de todo iso, sixilo profesional.

Artigo 25º.-Axudas de custo para desprazamento.

A súa contía será a seguinte:

* Media axuda de custos: 1.245 pesetas (7,48 euros).

* Axuda de custos completa: 4.565 pesetas (27,44 euros).

Sen prexuízo das axudas de custo establecidas, por acordo entre traballador e empresa, en lugar das ditas cantidades aboaranse os gastos producidos logo de xustificación.

Artigo 26º.-Cláusula de non discriminación.

Ninguén será discriminado na retribución que lle correspondería de acordo ó seu grupo profesional e nivel retributivo, en función da súa idade.

Artigo 27º.-Cláusula de submisión.

Ante a importancia que pode ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT, as partes asinantes deste convenio, durante a vixencia del, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formuladas.

Artigo 28º.-Condicións económicas.

O incremento aplicable á totalidade dos conceptos económicos durante o ano 2001 é do 3,75%, garantindo, con efectos do 1 de xaneiro de 2001 un incremento de 1 punto sobre o IPC real resultante a final de ano.

Artigo 29º.-Licencias non retribuídas.

Establécese a posibilidade de dispor de 15 días naturais no ano non retribuídos, desfrutables en períodos cun mínimo de 5 días naturais, con aviso previo de 10 días agás urxencia por motivos de saúde, e sempre que non altere a organización do traballo.

Artigo 30º.-Comisión mixta.

Ámbalas partes negociadoras acordan establecer unha comisión mixta como órgano de interpretación e vixilancia do cumprimento do vixente convenio colectivo, con sede na Coruña (C.P. 15008), Rafael Alberti, nº 8.

A comisión mixta estará integrada paritariamente por oito representantes das organizacións sindicais asinantes do convenio colectivo, e oito dos empresarios afectados por el. No acto da súa constitución, a comisión mixta, en sesión plenaria, elixirá un secretario.

A comisión será convocada por calquera das partes, abondando para iso unha comunicación escrita na que se expresen os puntos que se vaian tratar na orde do día, así como unha proposta de data, lugar e hora para a celebración da reunión, a cal deberá contestar á outra parte nun prazo non superior a tres días. A reunión da comisión mixta deberá celebrarse no prazo improrrogable de 10 días desde a recepción da súa comunicación pola outra parte.

Son funcións específicas da comisión mixta as seguintes:

a) Interpretación do convenio colectivo.

b) Vixilancia do cumprimento do pactado e moi especialmente das cláusulas obrigacionais inseridas neste convenio.

c) A facultade de conciliación previa daquelas cuestións que lle sexan sometidas de común acordo polas partes.

d) Asegurar a non discriminación da muller, controlando a igualdade de trato.

e) As partes poderán solicitar que a comisión mixta elabore un informe anual acerca do grao de cumprimento do convenio colectivo, das dificultades xurdidas na súa aplicación e interpretación, e do desenvolvemento dos traballos previstos no propio convenio, encargando o seu desempeño a comisións específicas.

f) Resto de funcións establecidas ó longo do articulado do convenio.

Artigo 31º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto á intimidade ou contra a liberdade dos/as traballadores/as, conductas de acoso sexual verbais ou físicas serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves en función da repercusión do feito(*). Nos supostos en que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa ou con persoas con contrato laboral non indefinido a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, delegado de persoal, sección sindical e a dirección da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a, procurando silencia-la súa identidade, cando así fose preciso.

(*) Poderá seguirse o réxime disciplinario establecido no acordo para a substitución da ordenanza.

Artigo 32º.-Convenio galego.

Co obxecto de lograr unha racionalización da negociación colectiva e considerando de suma importancia a homoxeneidade na regulación das condicións colectivas de traballo que afectan a empresas e traballadores do sector na Comunidade Autónoma de Galicia, os que subscriben o presente convenio manifestan a necesidade de negociar un convenio colectivo cun ámbito territorial de aplicación que se refira a toda a autonomía galega.

Para lograr esta finalidade, as partes asinantes do presente convenio acordan inicia-las conversacións previas á dita negociación durante a 3ª semana do mes de setembro de 2001.

Artigo 33º.-Traballadores en cámaras de conxelación.

O traballador que desempeñe o seu labor en cámaras de conxelación, con permanencia nelas por un tempo como mínimo do 25% da súa xornada laboral, con independencia de que sexa dotado roupa adecuada ó seu cometido, percibirá un complemento do 25% do seu salario regulamentario.

Artigo 34º.-Axuda escolar.

Todo traballador que teña fillos realizando estudios de ensino obrigatorio percibirá como axuda escolar a contía de 8.300 pesetas (49,88 euros) anuais por cada fillo. Esta contía aboarase ó comeza-lo curso académico. Será requisito indispensable que o traballador teña un ano de antigüidade na empresa. Naqueles casos en que ámbolos cónxuxes traballen na mesma empresa, só exercerá este dereito un deles.

Artigo 35º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade de acceso a tódolos postos de traballo na empresa, tanto para o home como para a muller sen discriminación ningunha.

Artigo 36º.-Xestación.

A muller embarazada, no caso de desenvolver traballos previamente declarados polo facultativo pertinente como penosos ou perigosos para o seu embarazo, terá dereito, logo de solicitude, a ocupa-la primeira vacante que se produza ou a permuta-lo seu posto de traballo por outro que non estea exposto ós citados riscos, dentro do mesmo grupo profesional e exista posibilidade na empresa.

Artigo 37º.-Familias de feito.

Para a aplicación dos dereitos derivados deste convenio, lévase a efecto no presente convenio o recoñecemento das parellas de feito, sempre que estas poidan probarse cos medios legais correspondentes (censo, certificacións municipais...).

Artigo 38º.-Dereitos lingüísticos.

Ningún traballador poderá ser discriminado no centro de traballo polo uso do idioma galego, polo cal terá pleno dereito a uso.

Disposición transitoria

Normas supletorias.

Considéranse normas supletorias deste convenio as de carácter xeral, o Acordo para a substitución da ordenanza de comercio, asinado o 6 de marzo de 1996 pola Confederación Española de Comercio e os sindicatos CC.OO. e UGT (segundo Resolución do 21-3-1996, da Dirección Xeral de Traballo; BOE número 86, do 9 de abril), así como os regulamentos de réxime interior daquelas empresas que o teñan en vigor, máis todo o que en materia laboral teña plena vixencia, e non vaia en contra do pactado neste convenio colectivo.

Táboas salariais ano 2001

Incremento sobre 2000: 3,75%

PesetasEuros

Grupo

profesional

Nivel

retributivo

Categorías profesionaisSalario

base

Salario

anual

Salario

base

Salario

anual

IA)Director134.8232.022.344810,3012.154,50

B)Xefe de persoal, xefe de vendas, xefe de compras126.2631.893.949758,8611.382,90

C)Xefe administrativo, xefe de almacén, coordinador xeral123.4511.851.772741,9611.129,40

IIA)Xefe de sección administrativa, mercantil e de servicios, xefe de sucursal120.7551.811.320725,7510.886,25

B)Encargado de establecemento, viaxante, contable/caixeiro114.2111.713.169686,4210.296,30

C)Oficial administrativo, programador, comprador110.5541.658.310664,44 9.966,60

IIIA)Dependente, profesional de oficio de 1ª, capataz-encargado109.7291.645.940659,48 9.892,20

B)Auxiliar administrativo, auxiliar de caixa, profesional de oficio de 2ª, mozo especializado, operador104.4341.566.517627,66 9.414,90

B) (S.P.)Grupo IIIB (salario promoción)106.5091.597.642640,13 9.601,95

C)Axudante de dependente, embasador, repoñedor, marcador, profesional de oficio de 3ª, cobrador, conserxe, vixilante, mozo102.2231.533.347614,37 9.215,55

C) (S.P.)Grupo IIIC (salario promoción)104.4341.566.517627,66 9.414,90

Complemento de transporte: tódalas categorías (en 12 pagas) 8.141 48,93