Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 21 de setembro de 2001 Páx. 12.577

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 12 de setembro de 2001 pola que se convocan os premios de iniciativas de mellora da calidade das entidades locais.

O servicio ós cidadáns é o principio básico que xustifica a existencia da Administración pública e que debe presidir toda a súa actuación, sendo principios que deben rexe-lo seu funcionamento os de eficacia, eficiencia, control da xestión e dos resultados, a responsabilidade, a racionalización e axilización dos procedementos administrativos e de xestión, todo iso coa finalidade de prestar un mellor servicio ós cidadáns.

En consideración ó carácter de proximidade ó cidadán que singulariza especialmente á Administración local, estímase necesaria a introducción de prácticas na súa xestión que vaian dando contido a un propósito máis amplo de modernización e reforma da Administración pública no sentido de adaptarse, nas súas formas organizativas e funcionais, ás transformacións sociais, económicas e tecnolóxicas do seu contorno. Neste sentido, o obxectivo da presente convocatoria é abri-lo camiño para futuras actuacións de recoñecemento de iniciativas, postas en marcha polas entidades locais, que respondan á necesidade de introducir, nas súas estructuras, a cultura e as técnicas de xestión de calidade total xa integradas en distintas organizacións, tanto públicas como privadas.

De acordo co Decreto 161/2000, do 29 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, é esta consellería, a través da Dirección Xeral de Administración local a que ten as competencias das relacións coas corporacións locais, entre as que se entenden incluídas, incentiva-la actuación das administracións locais galegas co fomento da incorporación de novos modos de xestión, que redunden en mellora dos servicios prestados ós cidadáns.

Con base en todo o anteriormente sinalado,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse os premios de iniciativas de mellora da calidade no ámbito da Administración local en Galicia, co fin de estimular e recoñece-la actuación das entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que se teñan distinguido pola implantación -proxectada ou xa realizada- de actividades de mellora na calidade do servicio ofrecido ó cidadán, de acordo coas bases que se fan públicas no anexo da presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase ó director xeral de Administración local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, haberase que ater ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime

de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

ANEXO

Bases

Primeira.-Poderán concorrer ós premios entidades locais que teñan iniciativas de mellora da calidade en fase de execución na actualidade, e aqueloutras que teñan proxectada a implantación de actividades conducentes ó mesmo fin para o ano 2002.

A convocatoria abrangue a deputacións provinciais, concellos de máis de 5.000 habitantes, consorcios e mancomunidades e organismos autónomos e sociedades dependentes de calquera dos anteriores.

Segunda.-Os premios de iniciativas de mellora da calidade contemplan as seguintes categorías:

1. Innovacións na xestión das tecnoloxías.

2. Simplificación de procedementos administrativos.

3. Prevención de riscos laborais.

Categoría de innovacións na xestión das tecnoloxías:

Nesta categoría se valorarán posibilidades de acercamento da Administración ó cidadán a través das novas tecnoloxías da información e comunicación, en dinámicas que tendan á racionalización dos procesos administrativos. Se pretende con esta categoría de premio, valorar e avalia-lo uso e rendemento de aplicacións informáticas na prestación de servicios por parte da Administración local.

Categoría de simplificación de procedementos administrativos:

Abarca accións de mellora da calidade na prestación de servicios públicos por parte das entidades locais, atendendo ó ámbito de simplificación de procedementos administrativos, con obxecto de satisfacer plenamente a usuarios e interesados, xerando cada vez maior valor a partir da racionalización na súa organización.

Categoría de prevención de riscos laborais:

Inclúense nesta categoría actuacións tendentes á implantación, no ámbito das entidades locais, de políticas en materia de prevención de riscos laborais, en recoñecemento da súa importancia como dimensión da calidade nas organizacións.

Terceira.-Os que desexen participar na convocatoria dos premios formularán a petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurí

dico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, tendo de prazo ata as 14 horas do día 30 de setembro de 2001.

A entidade local interesada xuntará á solicitude a seguinte documentación:

1. Documentación administrativa (sobre A).

No sobre A pechado figurará o nome da iniciativa, da entidade local que a asume, e categoría á que opta e nel incluirase:

-Declaración xurada do titular do órgano responsable da entidade local que concorre á convocatoria, conforme se da fe dos resultados obtidos ou do compromiso de realiza-las actuacións de mellora no prazo previsto.

-Certificación do acordo da entidade local pola que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na presente orde.

-Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2. Documentación técnica (sobre B).

No sobre B incluirase unha memoria na que se describa a iniciativa, acompañada da documentación que se estime oportuna. Presentaranse en CD-ROM ou disquete en programa compatible con windows e en soporte de papel DIN- A4 escritos mecanicamente a dobre espacio e por unha soa cara en letra tamaño 12.

As memorias integrarán no seu contido os seguintes elementos:

-Descrición do órgano/unidade e do propio servicio atendendo a cada un dos procesos que o integran, dando conta ademais dos recursos materiais e persoais, internos e externos.

-Diagnóstico da situación previa no que constará a identificación das áreas de mellora.

-Descrición da actuación/s de mellora, atendendo ós obxectivos marcados, á organización e planificación das actividades e ó nivel de implicación e participación de persoas e responsables.

-Fixación de calendario.

-Resultados -unicamente naquelas iniciativas presentadas que xa se atopen en fase de execución e implementación- considerando os obtidos de cara ós usuarios e destinatarios; de cara ás persoas que integran a unidade ou servicio; e de cara á sociedade en xeral. No recorrido deste capítulo deberá facerse unha comparativa entre obxectivos previstos e resultados obtidos coa identificación de posibles desviacións.

-Avaliación, na que deberá facerse consta-lo seguimento -en fase de execución ou proxectado- das actividades de autoavaliación (avaliación da planificación da acción de mellora; avaliación do desenvolvemento da acción de mellora; avaliación de resultados globais).

O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Administración Local, e daráselles un prazo de dez días para emenda-los erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a citada emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-A valoración das iniciativas presentadas corresponderalle a un xurado especial, que estará integrado por unha comisión de expertos, composta por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da calidade nas administracións públicas, designados do seguinte xeito:

Pola Xunta de Galicia (tres), en representación do eido universitario (un) e da FEGAMP (un). A composición nominal do xurado farase pública no momento da resolución.

Quinta.-Para a valoración das iniciativas presentadas, o xurado poderá solicitar cantos informes técnicos estime oportunos e, en todo caso, teranse en conta os seguintes criterios referidos ó contido do sobre de referencias técnicas das actuacións de mellora da calidade:

1. Ter obtido resultados que melloran os servicios prestados ós usuarios.

2. Ter obtido resultados que melloran o funcionamento interno dos servicios.

3. Ter un alto grao de implicación do persoal da unidade/s ou servicio/s.

4. Que as experiencias de mellora servisen de referencia a outras organizacións ou que as accións de mellora proxectadas tomen como referencia experiencias exitosas doutras organizacións en ámbitos similares de actuación.

5. Terse adecuado ou ter proxectada a adecuación total ou parcial ó modelo europeo de xestión de calidade.

6. Carácter innovador e consistencia das accións de mellora proxectadas para a súa implementación no ano 2002.

7. Vocación de permanencia e aplicabilidade, coa presencia de mecanismos que garantan o seguimento da correcta aplicación das iniciativas, a súa efectividade, e nunha idea de mellora continua.

Os criterios de valoración estarán referenciados ó modelo europeo de xestión de calidade (Fundación Europea para a Xestión da Calidade EFQM) adaptado ás unidades administrativas. A consideración do devandito modelo xustifícase á luz dos elevados niveis de esixencia que posúe e como garantía de seriedade, en canto que asumido polas principais institucións e empresas europeas nos últimos anos.

Sexta.-En cada unha das categorías descritas establécense os seguintes premios:

-Primeiro premio, con dotación de dous millóns de pesetas (2.000.000 de pesetas).

-Segundo premio, con dotación dun millón duascentas mil pesetas (1.200.000 pesetas).

-Terceiro premio, con dotación de oitocentas mil pesetas (800.000 pesetas).

Dous (2) accésits consistentes en diploma acreditativo.

Sétima.-O xurado, unha vez avaliadas as iniciativas, elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá a adxudicación dos premios, podendo quedar desertas todas ou algunha das categorías dos premios convocados.

A resolución notificaráselles a tódolos gañadores, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación da presente Orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

A entrega dos premios levarase a cabo en acto público, na sala de xuntas da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, en data que se determinará oportunamente.

Oitava.-O importe dos premios farase efectivo con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.484.0, programa 123ª dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

Novena.-O presidente da entidade local gañadora disporá dun prazo de quince días, contados a partir da recepción da resolución para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la resolución.

Décima.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo primeira.-No caso de que o gañador do premio incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais anulará os beneficios concedidos e, conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora debidos por eles, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, anteriormente citado; se procede, instruirá o correspondente expediente sancionador, conforme o previsto no citado decreto.

Décimo segunda.-A Dirección Xeral de Administración Local resérvase o dereito de publicar e divulga-las iniciativas premiadas, citando as entidades locais que as presentaron, comprometéndose estas mesmas a colaborar nas tarefas de difusión.

Décimo terceira.-As iniciativas non premiadas seranlles devoltas ás entidades locais, logo da petición expresa delas, no prazo de tres meses seguintes ó da data na que lles sexa notificada a decisión do xurado.

Rematado o devandito prazo sen que se solicite a devolución, poderase proceder á súa destrucción.

Décimo cuarta.-A presentación de iniciativas para os premios implicará a aceptación polas entidades locais destas bases.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2001.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais