Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 21 de setembro de 2001 Páx. 12.546

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 217/2001, do 13 de setembro, polo que se adscribe a concesión do inmoble situado na rúa Eduardo Cabello, s/n, en Bouzas, no termo municipal de Vigo (Pontevedra), ó Centro Tecnolóxico do Mar, Fundación Cetmar.

Con data do 12 de xuño de 2001 formalizouse entre a Xunta de Galicia e o Estado a carta fundacional de constitución da fundación, sen ánimo de lucro, que se denomina Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación Cetmar), sendo aprobado previamente en Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 3 de maio de 2001 o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio

de Ciencia e Tecnoloxía para a constitución da citada fundación (publicado no BOE nº 191, do 10 de agosto).

Con data do 26 de xuño de 2001, recibiuse escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura solicitando a adscrición ou cesión á Fundación Cetmar do edificio da Canle de Experiencias Pesqueiras, situado na rúa Eduardo Cabello, s/n, en Bouzas, Vigo, dependente da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Con data do 5 de setembro remitiuse á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a autorización do Porto de Vigo de cambio de titularidade, a favor da Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), da concesión outorgada á Xunta de Galicia -Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura-por O.M. do 22 de abril de 1988, con destino á instalación dunha Canle de Experiencias Pesqueiras, en Bouzas, dentro da zona de servicio do Porto de Vigo.

Con data do 7 de setembro de 2001 remitiuse informe do asesor xurídico da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura sobre a condición de ente público autonómico que ostenta a Fundación Cetmar.

Á vista do disposto nos artigos 13 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 20 e 21, en relación co 31, do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, pola que se aproba o regulamento para a execución da dita lei, e do informe da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de setembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-Adscríbese ó Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) a concesión administrativa outorgada mediante O.M. do 22 de abril de 1988 sobre unha parcela de aproximadamente 1.152 m de superficie, situada na zona de servicio do Porto de Vigo, con destino á instalación dunha Canle de Experiencias Pesqueiras, por un prazo de 20 anos, xunto coas obras e instalacións executadas sobre ela pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Ten a cualificación xurídica de ben demanial, adscrito na actualidade á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, segundo aparece relacionado no Inventario de Bens da Comunidade Autónoma, en réxime de concesión.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, trece de setembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda