Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 18 de setembro de 2001 Páx. 12.401

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Corporación de Prácticos do Porto de Vigo, S.C.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Corporación de Prácticos do Porto de Vigo, S.C., con nº de código 3603092, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 6-7-2001, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 12-6-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 10 de xullo de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da Corporación de Prácticos do Porto de Vigo, S.C.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Determinación das partes negociadoras.

A comisión negociadora deste convenio está integrada pola empresa Corporación de Prácticos do Porto de Vigo e polo representante legal dos traballa-

dores afectados, que poderá contar co asesoramento da central sindical que esta representación legal estime.

Artigo 2º.-Ámbito funcional, territorial e persoal.

O presente convenio colectivo é de ámbito de empresa, este afectará á Corporación de Prácticos do Porto de Vigo e ós traballadores que prestan servicios para esta, tanto o persoal de embarcacións, como o persoal de terra, sexa administrativo e/ou de mantemento.

Nembargantes o anterior, o persoal administrativo e de mantemento conservarán a súa norma particular.

Os contidos deste convenio non serán de aplicación ós traballadores contratados ó amparo do R.D. 1382/1985.

Artigo 3º.-Vixencia, prórroga e denuncia.

O presente convenio entrará en vigor, a tódolos seus efectos e independentemente da data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a partir do 1 de xaneiro de 2001, e a súa duración será ata o 31 de decembro de 2002, prorrogarase tacitamente de ano en ano, se non fora denunciado por calquera das partes, cunha antelación mínima de dous meses á data do seu vencemento, ou o de calquera das súas prórrogas.

A denuncia haberá de formalizarse por escrito dirixido tanto á Delegación de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, como á outra parte negociadora do convenio.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

O conxunto de condicións económicas pactadas neste convenio compensarán e absorberán as que existían á entrada en vigor deste, sexa cal for a natureza, orixe ou denominación destas, presentes ou futuras, a non ser que estas formen un conxunto máis beneficioso para o traballador, consideradas en cómputo anual e global, neste caso substituirían integramente ás deste convenio.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

As normas establecidas neste convenio terán o carácter de mínimas, os pactos e condicións laborais que viñeran desfrutando os traballadores serán respectadas a título persoal, sempre que, estimadas no seu conxunto e en cómputo anual, sexan máis beneficiosas cás establecidas neste convenio.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

Para tódolos efectos este convenio constitúe unha unidade indivisible, polo que non se poderá pretende-la aplicación de ningunha das súas cláusulas con independencia; se a autoridade laboral competente non aprobara algunha das súas normas, e este feito, a xuízo de calquera das partes asinantes, desvirtuase o contido do presente convenio, este quedará automaticamente sen efecto, debendo ser de novo considerado na súa totalidade pola comisión negociadora.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Para interpretar e vixia-la aplicación do presente convenio, así como resolver cantas dúbidas e diverxencias puideran surdir entre as partes obrigadas por este, créase unha comisión paritaria, que será a mesma comisión negociadora.

Esta comisión reunirase cantas veces sexa preciso coa finalidade de resolve-las diverxencias que se presenten, establecéndose como prazo máximo para alcanzar unha solución, o dun mes contado desde a comunicación da solicitude de convocatoria.

Artigo 8º.-Adhesión ó AGA.

A comisión paritaria, ante as posibles discrepancias xurdidas da interpretación de cada un dos artigos deste convenio, someterase ó procedemento de arbitraxe previsto no AGA.

Artigo 9º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente regulado neste convenio haberá que aterse ó previsto no Estauto dos traballadores (ET), na ordenanza de embarcacións de tráfico interior de portos O.M. do 9 de agosto de 1969, que se asume como norma subsidiaria, así como nas demais disposicións legais vixentes ou que poidan entrar en vigor durante a vixencia do convenio.

Artigo 10º.-Idioma.

O texto do convenio publicarase nos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma, ou sexa galego e castelán.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 11º.-Organización.

De acordo coas disposicións vixentes, a facultade e responsabilidade da organización do traballo corresponderá ó empresario, que poderá exercela por si mesmo ou a través daquela persoa ou persoas en quen delegue.

Artigo 12º.-Dirección e control.

O traballador virá obrigado a presta-los seus servicios baixo a dirección do empresario ou persoa en quen delegue.

Artigo 13º.-Cadro de persoal e cadro de persoal mínimo.

A empresa disporá de cadro de persoal suficiente para atende-la marcha normal das súas actividades, o tráfico das súas embarcacións, así como a seguridade delas e das súas dotacións e, en xeral, para asegurar en todo caso as condicións de traballo destas.

O cadro de persoal mínimo que se fixa con carácter xeral para as embarcacións será o actual. Nembargantes, a dotación de cada unha das embarcacións non poderá ser inferior á que aprobe a autoridade portuaria competente.

Artigo 14º.-Mando da embarcación.

O mando da embarcación corresponderá á persoa que, designada polo empresario e en posesión do título de capitán ou patrón, exerce o mando do barco de acordo co disposto neste convenio e coas atribución que para o caso establezan as disposicións vixentes, con tódolos dereitos e obrigas que ó mando lle correspondan.

Artigo 15º.-Cumprimento de ordes a bordo.

Os traballadores/tripulantes, calquera que sexa a súa categoría ou grupo profesional, realizarán aqueles traballos que lle sexan encomendados polo empresario ou aquelas persoas designadas por este, relativos ás faenas relacionadas coa navegación ou co cometido asignado a cada departamento. Nembargantes, os traballadores realizarán traballos de natureza diferente ós que lle corresponden cando a xuízo do empresario, capitán ou patrón, sexa necesaria a súa realización para garanti-la organización, seguridade ou salvamento do buque, así como a seguridade ou salvamento da súa tripulación.

Capítulo III

Clasificación profesional

Artigo 16º.-Clasificación profesional.

Os traballadores afectados polo presente convenio, en atención ás funcións que desenvolvan e de acordo coas definicións que se especifican nos artigos seguintes, serán clasificados en grupos e, pola súa vez, en categorías profesionais.

Artigo 17º.-Definición de grupos e categorías profesionais.

O persoal afectado polo presente convenio quedará clasificado nun dos seguintes grupos e categorías profesionais:

Grupo 1º.-Persoal de mando.

Pertecen a este grupo aqueles traballadores que, en posesión da titulación correspondente e que baixo as ordes dos seus inmediatos superiores, exercen funcións a bordo ou en terra, precisando ademais dunha acusada competencia práctica e/ou especialización. Dentro deste grupo defínense as seguintes categorías profesionais:

a) Patrón: é o traballador que exerce o mando efectivo sobre os traballos a bordo e a tripulación, ademais de desenvolver en posesión da necesaria titulación, a responsabilidade e mando da embarcación.

Grupo 2º.-Mestranza.

Pertencen a este grupo aqueles traballadores que, baixo as ordes do seus inmediatos superiores, exercen función a bordo ou en terra, precisando de acusada competencia práctica ou especialización. Den

tro deste grupo defínense as seguintes categorías profesionais:

a) Contramestre: é o tripulante experimentado nas faenas mariñeiras que, baixo as ordes do patrón, actúa como xefe directo dos mariñeiros, e como tal, dispón, de acordo coas ordes recibidas, os pormenores para desenvolve-las labores e traballos que corresponden á sección de cuberta.

Grupo 3º.-Subalternos.

Pertencen a este grupo aqueles traballadores que desenvolven a bordo ou en terra traballos que requiren particulares coñecementos, sen chegar ós esixidos aqueles incluídos no grupo de mestranza, ou ben están encargados de executar labores que para a súa realización precisan, predominantemente, a achega de esforzo físico e un certo grao de especialización. Dentro deste grupo defínense as seguintes categorías profesionais:

a) Mecánico/mariñeiro (mecamar): é o tripulante que posúe esta titulación e os coñecementos para a navegación e faenas propias da actividade da empresa, efectúa as faenas de engraxamento de máquinas e motores da embarcación e as demais operacións complementarias ou auxiliares que lle ordenen os seus superiores.

b) Mariñeiro: é o tripulante que desenvolve coa adecuada competencia e coñecemento as tarefas que lle son propias ó mecamar, sen estar en posesión do citado título.

Grupo 4º.-Servicios especiais.

Pertencen a este grupo aqueles traballadores, que prestan os seus servicios complementarios no tráfico interior de portos ou rías que no estean comprendidos nos grupos anteriores. Dentro deste grupo defínense as seguintes categorías profesionais:

a) Auxiliar administrativo: é o traballador que se dedica, dentro das oficinas, a operacións administrativas e, en xeral ás puramente mécanicas inherentes ós traballos daquelas.

A enumeración dos grupos e categorías profesionais é meramente enunciativa e non supón a obriga de ter provistas en tódolos casos os postos indicados.

Así mesmo, non se trata dunha lista pechada, se non que esta queda aberta coa finalidade de que sexan incluídas, substituídas ou suprimidas, aquelas categorías profesionais que, ben por disposicións futuras emanadas dos órganos competentes, ben por acordo entre as partes asinantes do presente convenio, se puideran establecer no futuro.

Artigo 18º.-Mobilidade funcional.

A mobilidade funcional no seo da empresa non terá outras limitacións cás esixidas pola lexislación vixente e as titulacións académicas ou profesionais precisas para exerce-la prestación laboral e pola pertenza ó grupo profesional.

A mobilidade funcional poderá efectuarse dentro do grupo profesional sen máis limitacións cás impostas pola capacitación/formación dos traballadores encadrados nel.

A mobilidade funcional para a realización de funcións non correspondentes ó grupo profesional ou a categorías equivalentes só será posible de existiren razóns técnicas ou organizativas que a xustificasen e polo tempo imprescindible para a súa atención. No caso de encomenda de funcións inferiores esta deberá estar xustificada por necesidades perentorias ou imprevisibles á actividade productiva. A empresa comunicará esta situación ós represenantes dos traballadores.

Se como consecuencia da mobilidade funcional o traballador realizase funcións superiores ás do grupo profesional ou ás de categorías equivalentes por un período superior a seis meses durante un ano ou a oito meses en dous anos, o traballador poderá reclama-lo ascenso conforme ó sistema de promoción profesional establecido neste convenio colectivo, sen prexuízo de reclama-la diferencia salarial correspondente.

A mobilidade funcional efectuarase sen menoscabo da dignidade do traballador e sen prexuízo da formación e promoción profesional, tendo dereito o traballador á retribución correspondente ás funcións que efectivamente realice, salvo nos casos de encomenda de funcións inferiores, nos que mantería as retribucións de orixe.

Nembargantes o anterior, tódolos traballadores, con independencia da súa categoría profesional, realizarán as mesmas funcións en canto á operatividade normal da empresa: atención do teléfono, UHF, mantemento das embarcacións, levar e recolle-los prácticos en calquera medio de transporte que a empresa poña á disposición do traballador, sen que isto signifique encomenda de funcións inferiores nin modificación substancial das condicións de traballo.

Capítulo IV

Ingresos e período de proba

Artigo 19º.-Condicións de ingreso.

Todo o persoal que pretenda ingresar na empresa precisará acreditar:

a) Aptitude física suficiente, e saber nadar no suposto de ter destino a bordo.

b) Ter cumprida a idade mínima que fixen as leis.

c) Título e/ou aptitude legal ou convencional á categoría e especialidade á que aspire.

d) Estar en posesión dos certificados esixidos pola normativa vixente.

Ningún traballador poderá ser admitido a formar parte da tripulación dunha embarcación, se non presenta a libreta de inscrición marítima que acredite a súa identidade, coas adecuadas autorizacións e obrigatorios visados da autoridade de mariña, e neste documento reflectirase o historial do persoal embarcado nos distintos barcos que vaia pasando.

Artigo 20º.-Contrato de traballo.

Os contratos que se celebren con calquera traballador deberán formalizarse sempre por escrito, e axustaranse, se é o caso, ó modelo oficial que establezan as disposicións vixentes en materia de contratación, téndose que respectar en calquera caso os contidos do presente convenio.

Artigo 21º.-Período de proba.

Toda admisión de persoal considerarase provisional perante un período de proba variable, de acordo coa categoría para a que o traballador fose contratado. O tempo de proba non poderá ser superior ó que a continuación se establece:

a) Grupo 1º: seis meses.

b) Grupo 2º: dous meses.

c) Grupo 3º: un mes.

Durante ditos períodos, tanto o empresario como o traballador poderán, respectivamente, desistir da proba e consecuentemente rescindir unilateralmente o contrato de traballo, logo de aviso, con sete días de antelación, como mínimo, sen que ningunha das partes teña por iso dereito a indemnización ningunha.

O incumprimento por parte da empresa da obriga de preavisar con debida antelación dará dereito ó traballador a percibir en concepto de indemnización o importe do salario dun día por cada día de retraso no aviso, se o incumprimento deriva por parte do traballador, a empresa poderá descontar da liquidación deste o importe do salario dun día por cada día de retraso no aviso.

En todo caso, o traballador percibirá durante o período de proba o salario e demais emolumentos correspondentes ó traballo realizado, séndolles de aboamento, así mesmo, os gastos que poida produci-lo seu reintegro ó porto de embarque, en caso de cesamento durante o período de proba por instancia da empresa.

Capítulo V

Promoción profesional e formación dos traballadores

Artigo 22º.-Promoción profesional.

As prazas vacantes existentes na empresa poderán proverse a criterio dela, de acordo co nivel de actividade, desenvolvemento tecnolóxico ou outras circunstancias que aconsellaran tal medida.

A provisión de prazas vacantes dentro do grupo primeiro serán designadas libremente pola dirección da empresa; en canto á provisión de prazas vacantes no resto de grupos profesionais a empresa deberá cubrir como mínimo un 60% delas a través de promoción interna, salvo que quede deserta a praza vacante, podendo ser a partir dese intre, cuberta libremente pola empresa.

Cando se produza unha vacante que non implique mando, cubrirase con persoal fixo da empresa que reúna as condicións legais necesarias para poder

desenvolvela, sempre que sexan aptos para iso a xuízo da empresa ou armador, debendo terse en conta, entre outras, as circunstancias seguintes para ascender a unha categoría superior:

* Posesión da titulación adecuada, se é o caso.

* Coñecemento do posto de traballo.

* Historial profesional do traballador.

* Ter prestado servicios, temporalmente, na categoría profesional que se pretende cubrir.

En condicións de igualdade entre varios traballadores primará a maior antigüidade na empresa.

Artigo 23º.-Formación profesional no traballo.

Aquel traballador que curse con regularidade estudios para a obtención dun título académico profesional poderá desfrutar dos permisos necesarios para acudir ós exames.

Sen menoscabo da actividade da empresa, esta virá obrigada a facilitarlles ós traballadores todos aqueles cursos ou actividades de formación que posibiliten unha mellora das capacidades laborais, técnicas e humanas deles. Para isto concertará os necesarios plans formativos en tódalas materias de interese, coas entidades que prefira, logo de acordo cos representantes legais dos traballadores (RLT).

A eleción dos asistentes ós cursos será por acordo entre os representantes legais dos traballadores (RLT) e a empresa. Durante a realización dos cursos os traballadores percibirán os seus salarios íntegros.

En canto ós permisos individuais de formación, coa finalidade de valora-la solicitude do traballador, a dirección da empresa terá en conta as necesidades productivas e organizativas dela, para o que solicitará a opinión dos representantes legais dos traballadores, tendo en conta que o desfrute do permiso non afecte significativamente ó traballo dela.

Terán prioridade para desfruta-lo permiso de formación aqueles traballadores que, cumprindo os requisitos establecidos regulamentariamente, non teñan participado nunha acción formativa dun plan agrupado.

A denegación da solicitude por parte da empresa deberá ser motivada, debéndoselle comunicar por escrito esta ó traballador. Dado o número de traballadores que conforman o cadro de persoal da empresa, será motivo suficiente para denega-la solicitude, que nese instante se encontre outro traballador desfrutando dun permiso individual.

A dirección da empresa informará ós representantes legais dos traballadores das solicitudes recibidas e da súa resposta a estas.

Capítulo VI

Xornada, descanso, vacacións e licencias

Artigo 24º.-Xornada de traballo.

A duración máxima da xornada ordinaria de taballo será de corenta (40) horas semanais, de traballo efectivo en media de cómputo anual.

A empresa ten a facultade de organiza-las quendas como mellor conveñan ó desenvolvemento normal do traballo, logo de información ós representantes legais dos traballadores (RLT).

Os traballadores dedicados a labores en embarcacións prestarán os seus servicios durante un total de 2.626 horas anuais.

No total de 2.626 horas determinadas anteriormente están comprendidas:

a) O total de 1.813 horas anuais de traballo efectivo correspondentes ás 40 horas semanais de traballo efectivo en media de cómputo anual.

b) O total de 813 horas anuais de presencia.

Pola realización da xornada establecida anteriormente, os traballadores percibirán aqueles salarios fixados para cada categoría no convenio colectivo.

Artigo 25º.-Festivos.

Ademais daqueles días que se fixan no calendario laboral en vigor cada ano, considerarase como día non laborable e non recuperable para tódolos efectos, o día do Carme. Aqueles traballadores que teñan que prestar servicios o dito día terán dereito a desfruta-lo dito descanso en calquera outro día fixado de mutuo acordo entre empresa e traballador, podéndose acumular este ó período de vacacións.

Artigo 26º.-Vacacións.

Todo o persoal comprendido no ámbito deste convenio terá dereito ó desfrute dun período de vacacións retribuídas de trinta días naturais.

En canto ás datas para o seu desfrute haberá que aterse ó disposto no artigo 38 do Estatuto dos traballadores, tentando, pero sempre sen menoscabo da operatividade e necesidades do servicio da empresa, que o traballador poida disfrutalas entre os meses de xuño a setembro.

En canto á forma do desfrute, logo de acordo entre empresa e traballador, este poderá fraccionar en dous ou máis períodos o seu desfrute vacacional. Non obstante, acórdase que o persoal de a bordo, desfrute dun período de vacacións de 21 días ininterrompidos, que se iniciarán sempre ó día seguinte de remata-la quenda de garda inmediatamente anterior ó inicio destas. Os 9 días restantes desfrutaranse ó longo do ano en forma de días soltos pero compensados dentro do sistema de descansos e quendas previstas.

Cando o traballador cese ou ingrese no transcurso do ano, terá dereito á parte proporcional das vacacións en razón do tempo traballado.

A retribución do período de vacacións estará integrada polos mesmos conceptos que unha mensualidade normal, isto é, salario base, antigüedade, complemento de actividade, complemento de embarque,

complemento de transporte, manutención e útiles e pezas de roupa.

Artigo 27º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días en caso de matrimonio.

b) Dous días en caso de nacemento de fillos.

c) Dous días no suposto de enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Entenderase por enfermidade grave cando pola doenza se precise hospitalización do familiar.

d) Un día por traslado de domicilio habitual.

e) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusabel de carácter público e persoal.

f) Para facer funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Nos supostos considerados nas letras b) e c), cando, con tal motivo, o traballador precise facer un desprazamento fóra da provincia, o prazo será de catro (4) días.

Capítulo VII

Réxime salarial

Artigo 28º.-Estructura salarial.

Establécese a seguinte estructura salarial:

a) Salario base.

b) Complementos persoais: antigüidade.

c) Complementos do posto de traballo: complemento de embarque.

d) Complementos por calidade ou cantidade de traballo: complemento de actividade.

e) Complementos de vencemento superior ó mes: gratificacións extraordinarias.

Artigo 29º.-Salario base.

O salario base será aquela retribución fixada por unidade de tempo. O salario a xornada completa que vai percibir cada traballador e categoría será o que figura na columna correspondente da táboa salarial anexa (anexo I).

Artigo 30º.-Complemento de antigüidade.

Os traballadores terán dereito a aumentos periódicos consistentes en trienios do 3% do salario mensual que se devengarán desde o primeiro día do mes seguinte ó do seu cumprimento.

Artigo 31º.-Complemento de actividade.

Para o persoal de a bordo, en función do desenvolvemento normal da actividade da empresa, establécese unha compensación idéntica para tódalas categorías, que recolle especificamente a gratificación pola dedicación e calidade do traballo, así como

en compensación pola realización de traballo en réxime de quendas, xornadas nocturnas e horas de presencia.

Este complemento consistirá nun complemento salarial polo importe sinalado na columna correspondente da táboa salarial anexa (anexo I).

O dito complemento será aboado nas doce mensualidades do ano.

Artigo 32º.-Complemento de embarque.

Sobre os salarios fixados neste convenio aboaráselle ó persoal de a bordo en concepto de complemento de embarque un complemento salarial que se satisfacerá en doce mensualidades, pola contía sinalada na columna correspondente da táboa salarial anexa (anexo I).

Artigo 33º.-Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores percibirán dúas gratificacións extraordinarias, consistentes cada unha delas nunha cantidade equivalente a unha mensualidade de salario base, máis a antigüidade e o complemento de embarque, que lles serán satisfeitas unha ó inicio do período de vacacional, ou, no seu defecto, o día 25 de xullo, e outra o 15 de decembro.

As ditas pagas devengaranse proporcionalmente ó tempo traballado, rateándose cada unha delas por semestres naturais do ano en que se outorguen, estimándose para estes efectos como tempo traballado aqueles períodos nos que o traballador estivera en situación de incapacidade temporal.

Capítulo VIII

Outras compensacións

Artigo 34º.-Complemento de transporte.

Establécese para tódalas categorías, excepto para aquelas incluídas no grupo profesional de servicios especiais, un complemento en compensación por transporte igual á cantidade que figura na columna correspondente da táboa salarial anexa (anexo I).

Artigo 35º.-Manutención.

En compensación por alimentación diaria de los trabajadores de a bordo estes percibirán a contía sinalada na columna correspondente da táboa salarial anexa (anexo I). A dita cantidade será aboada nas doce mensualidades.

Artigo 36º.-Útiles e pezas de roupa.

A empresa outorgará a todo o seu persoal dedicado ós labores de practicaxe as pezas de roupa de traballo necesarias para cada un dos seus tripulantes, sendo obrigado o seu uso. Así, o persoal contará cun pantalón e chaquetón de augas, luvas de manobra, chaquetón, botas especiaies e fundas ou uniforme.

Tódolos elementos de protección persoal que use a tripulación, deberán estar homologados pola normativa vixente.

En caso de aboar indemnizacións económicas, por este concepto, a cantidade que se aboará será aquela sinalada na columna correspondente da taboa salarial anexa (anexo I), quedando a empresa exonerada da entrega da roupa de traballo.

Artigo 37º.-Axudas de custo.

Durante as viaxes e desprazamentos que o persoal teña que realizar con motivo de comisións de servicio, por orde da empresa, devengaranse axudas de custo; o traballador afectado terá dereito a percibir por adiantado, do empresario ou do seu representante o importe aproximado das axudas de custo e gastos de locomoción, caso de non entregarse os billetes de pasaxe.

Capítulo IX

Acción social e garantías sindicais

Artigo 38º.-Incapacidade temporal.

O traballador que se encontre en situación de incapacidade temporal derivada por accidente de traballo percibirá, desde o primeiro día dela e ata un máximo de tres meses, un complemento con cargo á empresa, sobre a prestación da Seguridade Social, ata completa-lo 100% da súa base de cotización mensual excluído o rateo de pagas extraordinarias.

Artigo 39º.-Condicións básicas de seguridade e hixiene.

Observarase e aplicarase por ámbalas dúas partes a normativa sobre prevención de riscos laborais constituída pola Lei 31/1995, do 8 de novembro, as súas disposicións de desenvolvemento ou complementarias e cantas outras normas, que conteñan prescricións relativas á adopción de medidas dentro do ámbito laboral da empresa.

A empresa deberá garanti-la seguridade e saúde dos traballadores ó seu servicio en tódolos aspectos relacionados co seu traballo. Para estes efectos, a empresa realizará a prevención de riscos laborais mediante a adopción de cantas medidas sexan necesarias para a protección da seguridade e saúde dos traballadores, a través da avaliación de riscos, información, consulta e participación e formación dos traballadores.

A prevención de riscos laborais deberá integrarse no conxunto de actividades e decisións da empresa, tanto nos procesos técnicos, na organización do traballo e nas condicións en que este se preste, como na liña xerárquica da empresa, incluídos tódolos niveis dela.

O establecemento dunha acción de prevención de riscos integrada na empresa suporá a implantación dun plano de prevención de riscos que inclúa a estructura organizativa, a definición de funcións, as prácticas, os procedementos, os procesos e os recursos necesarios para levar a cabo a dita acción.

Por iso, para a posta en práctica da acción preventiva, a empresa avaliará as condicións de cada un dos postos de traballo, para identificar e evita-los

riscos e avalia-los que non se poidan evitar. A empresa, a partir dos resultados da avaliación de riscos, planificará a actividade preventiva, a necesidade do cal poña aquela de manifesto.

Artigo 40º.-Sixilo profesional dos delegados de persoal.

Os delegados de persoal observarán sixilo profesional naquelas materias que estableza a lexislación vixente, aínda logo de deixar de ser representante legal dos traballadores e en especial en todas aquelas materias sobre as que a empresa sinale un carácter especialmente reservado. En todo caso, ningún tipo de documento entregado pola empresa ós delegados de persoal poderá ser utilizado fóra do estricto ámbito daquela e para distintos fins dos que motivaron a súa entrega.

Artigo 41º.-Garantías dos delegados de persoal.

Os delegados de persoal, como representantes dos traballadores, terán entre outras as seguintes garantías:

a) Apertura de expediente contradictorio no suposto de sanción por faltas graves ou moi graves, no que serán escoitados, á parte do interesado, os restantes delegados.

b) Prioridade de permanencia na empresa ou centro de traballo respecto dos demais traballadores, no suposto de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas e económicas.

c) Non ser discriminado na súa promoción económica ou profesional en razón do desempeño da súa representación.

d) Expresar con liberdade as súas opinións en materias concernentes á esfera da súa representación, podendo publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do traballo, as publicacións de interese laboral ou social, comunicandollo á empresa.

e) Dispor dun crédito de horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación de acordo coa escala establecida no Estauto dos traballadores.

f) Cantos outros se poidan conter e derivar da lexislación vixente.

Capítulo X

Réxime disciplinario

Artigo 42º.-Faltas laborais.

Por razón da súa gravidade as faltas clasificanse en leves, graves e moi graves.

Son faltas leves:

a) As de erro, demora ou neglixencia na execución de calquera traballo que non produza pertubación no servicio encomendado.

b) As de puntualidade superior a 30 minutos da hora de entrada no posto de traballo.

c) Abandonar sen motivo xustificado o traballo, cando non leva consigo prexuízos para a empresa ou terceiros, en caso contrario terá a consideración de falta grave.

d) As discusións cos compañeiros de traballo e faltas de respecto ós superiores, sen que causen perturbacións graves na empresa. Se con elas se causaran perturbacións graves poderanse considerar como falta grave.

e) O descoido e/ou maltrato dos bens ou materiais que teña o traballador ó seu cargo, sempre que non cause grave prexuízo á empresa, suposto que de suceder poderase considerar como falta grave.

f) A falta de aseo persoal que non produza queixa dos compañeiros.

g) A desobediencia das ordes recibidas, se con esta conducta non se causan prexuízos á empresa ou a terceiros.

Son faltas graves:

a) Máis de tres faltas de puntualidade na presentación no posto de traballo non xustificadas e cometidas no período de tres meses. Cando tivese que relevar a un compañeiro bastará unha soa falta para que esta se considere como falta grave.

b) Neglixencia ou descoido no traballo que afecte sensiblemente á boa marcha del.

c) A imprudencia grave en actos de servicio; se implicara riscos de accidentes para el ou para os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións, poderá ser considerada falta moi grave.

d) A mera desobediencia ós seus superiores en calquera materia de servicio; si implicara creba da disciplina ou dela se derivaran prexuízos para a empresa ou para os compañeiros de traballo, poderá ser considerada moi grave.

e) As faltas de aseo e limpeza que produzan queixa xustificada dos compañeiros de traballo.

f) A comisión de tres faltas leves dentro dun semestre, aínda que sexan de distinta natureza.

Son faltas moi graves:

a) Malos tratos de palabra ou obra e a falta grave de respecto e consideración ós xefes, compañeiros e subordinados.

b) A reincidencia en faltas de subordinación, disciplina ou cumprimento de servicio, considerándose como tal a negativa a efectua-lo traballo ordenado, calquera que sexa a natureza deste e a hora a que deba realizarse.

c) O abuso de autoridade por parte dos xefes ou superiores respecto do persoal que lle sexa subordinado.

d) O abandono do servicio de garda sen motivo xustificado.

e) A estafa, roubo ou furto cometidos dentro do centro de traballo.

f) A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como o trato desconsiderado cos compañeiros de traballo ou calquera persoa ó servicio da empresa ou en relación de traballo con esta.

g) Facer desaparecer, inutilizar, esnaquizar ou causar desperfectos en materiais e útiles, ferramentas, maquinaria, aparellos, utensilios e documentos da empresa.

h) A embriaguez e/ ou consumo de drogas en acto de servicio, salvo informe facultativo que indique adicción.

i) Viola-lo segredo da empresa, así como revelar a elementos extranos datos de reserva obrigada.

j) A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal no traballo.

k) Causar accidentes graves por neglixencia ou imprudencia inescusable.

l) A comisión de dúas faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, sempre que se cometan no período dun ano desde a primeira.

Artigo 43º.-Sancións.

As sancións que poderán imporse serán as seguintes:

Por faltas leves:

a) Amoestación verbal.

b) Amoestación por escrito.

c) Suspensión de emprego e soldo dun día.

Por faltas graves:

a) Amoestación por escrito.

b) Suspensión de emprego e soldo de 2 a 15 días.

Por faltas moi graves:

a) Suspensión de emprego e soldo de 16 a 45 días.

b) Despedimento disciplinario.

Artigo 44º.-Procedemento sancionador.

A imposición das sanción que se establecen no artigo anterior rexeranse polos seguintes principios:

a) Correspóndelle ó empresario ou persoa que o represente, a facultade para impor sancións por faltas leves, graves e moi graves.

b) As faltas prescribirán se non se procede á imposición de sanción ou a apertura de expediente, caso de que este deba instruírse, nos prazos seguintes, contados desde a data en que foron cometidas ou desde que o empresario ou o seu representante tivo ou puidera ter coñecemento delas: as leves ós 10

días, as graves ós 20 días e ós 60 días, as moi graves, en todo caso, as faltas prescribirán ós 6 meses de terse cometido.

c) Os representantes legais dos traballadores serán informados das sancións impostas por faltas graves e moi graves.

Capítulo XI

Outras disposicións

Artigo 45º.-Xubilación.

Establécese a xubilación obrigatoria do traballador ó cumpri-los sesenta e cinco (65) anos de idade sempre que este teña cuberto o período mínimo de carencia, necesario para causar dereito á pensión de xubilación. Neste último caso, a xubilación será obrigatoria ó quedar cuberta a carencia.

O presente artigo será tamén de aplicación a aqueles traballadores en activo que á data da sinatura do presente convenio colectivo teñan cumpridos os sesenta e cinco (65) anos.

Artigo 46º.-Modificación das condicións de operatividade no porto.

Tódalas condicións de traballo, xornada e remuneracións, pactadas en virtude do presente convenio, son froito da actual operatividade e condicións de explotación do porto de Vigo. Polo tanto, caso de que a xuízo de calquera das partes asinantes do presente convenio, a modificación destas condicións de operatividade e explotación do porto, desvirtuase os contidos do pactado, o conxunto de normas actuais sería revisado para a súa adecuación, as novas condicións. Sen prexuízo de que en tanto non se producira tal adecuación o presente convenio mantería a súa vixencia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Incremento económico.

Para cada un dos dous anos de vixencia do convenio colectivo aplicarase os seguintes incrementos económicos:

Ano 2001: aplicarase un incremento do 4,1% sobre tódolos conceptos salariais e compensacións. Só para o ano 2001, o importe resultante deste incremento porcentual pasará a formar parte do salario base.

Ano 2002: aplicarase un incremento igual ó IPC, o dato estatístico que o substitúa, previsto polo Goberno para o dito ano máis un punto (1%).

Segunda.-Revisión salarial.

Ano 2001: no suposto de que o IPC real, o dato estatístico que o substitúa, rexístrase o 31 de decembro de 2001 con respecto ó 31 de decembro de 2000 unha porcentaxe superior á subida porcentual pactada na disposición adicional anterior para o dito ano, efectuarase unha revisión salarial con carácter retroactivo o 1 de xaneiro de 2001, sobre tódolos conceptos retributivos e compensacións pola diferencia resultante entre o IPC e a subida pactada. Esta diferencia salarial -atrasos-, aboarase na nómina do mes seguinte ó da publicación do dito dato estatístico.

Ano 2002: no suposto de que o IPC real, o dato estatístico que o substitúa, rexístrase o 31 de decembro de 2002 con respecto ó 31 de decembro de 2001 unha porcentaxe superior á subida porcentual pactada na disposición adicional anterior para o dito ano, efectuarase unha revisión salarial con carácter retroactivo ó 1 de xaneiro de 2002, sobre tódolos conceptos retributivos e compensacións pola diferencia resultante entre o IPC e a subida pactada. Esta diferencia salarial -atrasos-, aboarase na nómina do mes seguinte ó da publicación do dito dato estatístico.

ANEXO I

Táboa salarial 2001

CategoríaGrupo cotizaciónSalario baseComplemento

actividade

Complemento embarqueComplemento

transport.

ManutenciónÚtiles e pezas

de roupa

Patrón4135.52330.6002.55013.77018.0543.213

Mecamar9127.02930.6002.55013.77018.0543.213

Mariñeiro9124.90530.6002.55013.77018.0543.213

Aux. advo.772.500-----