Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Luns, 17 de setembro de 2001 Páx. 12.348

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo extraestatutario da empresa Tratamiento Industrial de Aguas, S.A. (Trainasa-Vigo).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Tratamiento Industrial de Aguas, S.A. (Trainasa-Vigo), para o servicio de limpeza e conservación da rede de sumidoiros, con vixencia desde o 1-1-2001 ata o 31-12-2003, que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 28-6-2001, subscrito pola parte económica por unha representación da empresa, e

da parte social, por uns representantes dos traballadores daquela.

Tendo en conta que a parte social non posúe representantes lexitimados para negociar que cumpran coas esixencias legais establecidas no artigo 87.1º en relación co 62.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, é polo que ó devandito convenio debe outorgárselle o carácter de convenio colectivo extraestatutario.

A teor do disposto no artigo 60 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), por canto razóns de interese público en orde a súa publicidade para garanti-los dereitos dos traballadores así o aconsella, así como a teor do Real decreto 2421/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 11 de xullo de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Tratamiento Industrial de Aguas, S.A.

Convenio colectivo anos 2001-2002-2003

Normas xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo será de aplicación a todo o persoal adscrito ó centro de traballo en Vigo da empresa Tratamiento Industrial de Aguas, S.A, para o servicio de limpeza e conservación de redes de sumidoiros.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Este convenio entrará en vigor o día da súa sinatura. Non obstante, os efectos económicos salariais terán vixencia desde o 1 de xaneiro de 2001. A duración do convenio será de 3 anos, estendéndose ata o 31 de decembro de 2003.

Artigo 3º.-Denuncia.

Ámbalas partes consideran automaticamente denunciado o convenio ó final da súa vixencia, é dicir, o 31-12-2003.

Artigo 4º.-Absorción e compensación.

As condicións económicas establecidas neste convenio absorben tódalas existentes ata a súa sinatura.

Artigo 5º.-Conceptos retributivos.

As retribucións de cada traballador estarán compostas polo salario base de convenio e os complementos que para cada actividade, nivel e categoría se determinan, en relación co contido dos artigos seguintes.

O pagamento da nómina mensual deberase efectua-lo día 25 de cada mes (excepto o mes de decembro, que se efectuará o día 22 dese mes), mediante transferencia bancaria á entidade previamente designada polo interesado.

Artigo 6º.-Salario base.

O salario base para o persoal afectado por este convenio é o que se especifica para cada nivel e categoría na táboa salarial anexa.

Cláusula de revisión.

No caso de que o IPC establecido polo Instituto Nacional de Estatística rexistrase o 31 de decembro de 2002 un incremento superior ó 4%, efectuarase unha revisión salarial no exceso sobre a indicada cifra, tan axiña como se constate oficialmente esta circunstancia.

O seu aboamento producirase no mes seguinte ó da súa constatación oficial, con carácter retroactivo desde o 1-1-2002.

No caso de que o IPC establecido polo Instituto Nacional de Estatística rexistrase o 31 de decembro de 2003 un incremento superior ó 4%, efectuarase unha revisión salarial no exceso sobre a indicada cifra, tan axiña como se constate oficialmente esta circunstancia.

O seu aboamento producirase no mes seguinte ó da súa constatación oficial, con carácter retroactivo desde o 1-1-2003.

Artigo 7º.-Antigüidade.

O complemento de antigüidade consistirá en tres bienios do cinco por cento e posteriores quinquenios do sete por cento sobre o salario base de cada categoría. Respectaranse os topes establecidos polo Estatuto dos traballadores.

O complemento de antigüidade devengarase desde o 1 de xaneiro do ano en que se teña dereito a cobra-lo dito complemento.

Artigo 8º.-Complemento de toxicidade, penosidade e perigosidade.

Establécese un complemento por traballos tóxicos, penosos e perigosos na contía do vinte por cento (20%) do salario base en cada categoría. Aplicaráselle ó persoal que realice os traballos de limpeza industrial e de redes de sumidoiros.

Este complemento devengarase por día efectivamente traballado.

Artigo 9º.-Utilización de equipamentos especiais.

Tódolos traballadores do equipo no que sexa preciso utilizar pistola de máxima presión ou equipamento de respiración autónomo ou alimentado polo camión ou grupo compresor de aire, percibirá un complemento de 270 pesetas (1,62 euros) por hora efectiva traballada.

Os compoñentes do equipo velarán por que se cumpran as medidas de seguranza do traballador que utilice os equipamentos especiais.

Artigo 10º.A.-Complemento de actividade e calidade.

Establécese un complemento de actividade e calidade de traballo.

Este complemento devengarase por día efectivamente traballado.

O equipo de traballo comporano, de acordo co tipo de actividade que se vaia realizar, ben un oficial e dous peóns ou ben un oficial e un peón.

O importe do dito complemento será de 1.200 pesetas/día (7,21 euros) para cada un dos compoñentes do equipo formado por dous traballadores e de 750 pesetas/día (4,51 euros) para o equipo formado por 3 traballadores.

Artigo 10º.B.-Complemento de colaboración.

Tódolos peóns compoñentes dos equipos percibirán este complemento, a contía do cal será de dous mil catrocentas cincuenta 2.450 ptas. (14,72 euros) mensuais por mes efectivamente traballado.

Artigo 10º.C.-Quebranto de moeda.

A empresa non exime da obriga de repo-las perdas de diñeiro a aqueles traballadores dos que a función leve implícito o manexo de diñeiro.

Non obstante, como compensación do anterior, aboaráselles a cada un dos xefes de equipo ou responsables desta función a cantidade de catro mil cincocentas cincuenta pesetas (4.550 pesetas) (9,32 euros) por mes efectivamente traballado.

Artigo 11º.-Complemento de distancia e transporte urbano.

Todo o persoal afecto a este convenio percibirá un complemento extrasalarial denominado complemento de distancia e transporte urbano por un importe de 800 pesetas/día (4,81 euros).

Este complemento devengarase por día efectivamente traballado.

Así mesmo, percibirase este complemento por cada unha das saídas que se realicen en retén.

Artigo 12º.-Complemento de desprazamento.

O persoal acollido a este convenio percibirá, cando deba realizar traballos fóra do termo municipal de Vigo, un complemento de desprazamento de carácter extrasalarial, a contía do cal será de 104 pesetas/hora (0,63 euros).

Este complemento devengarase por hora efectivamente traballada fóra do concello de Vigo, incluídos os desprazamentos.

Artigo 13º.-Pagas extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de verán, nadal e beneficios aboaranse a razón dunha mensualidade cada unha, de salario base máis antigüidade.

A paga extra de verán devengarase do 1 de xaneiro ó 30 de xuño.

A paga extra de Nadal devengarase desde o 1 de xullo ata o 31 de decembro.

A paga de beneficios devengarase desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro.

PagaAboamento

Verán24 de xullo

Nadal22 de decembro

Beneficios25 de marzo

As pagas extra devengaranse día a día e non se devengarán nas ausencias inxustificadas nin durante o tempo de baixa por IT, excepto cando a baixa sexa causada por accidente laboral ou accidente non laboral grave ou hospitalización durante os primeiros seis meses.

Artigo 14º.-Complemento de nocturnidade.

Os traballadores que deban realiza-la súa xornada laboral en xornada nocturna (entre as vintedúas trinta horas e as seis horas da mañá), recibirán por tal concepto un complemento de nocturnidade consistente no trinta por cento (30%) do salario base de cada categoría. Este complemento aboarase por día efectivamente traballado en xornada nocturna.

Artigo 15º.-Retén de garda e festivo traballado.

Os sábados, domingos e festivos existirá un retén de garda, que deberá estar disposto e localizable para acudir ó servicio para o que sexa requirido por necesidade de intervención urxente na rede de saneamento público. Este retén estará formado por un conductor e un peón; farase de forma rotativa entre todo o cadro de persoal. No suposto de que un traballador tivese asignado un retén e non o puidese realizar por estar ausente por calquera causa, este realizarao o persoal que tivese asignado o retén seguinte ou ben persoal contratado para a substitución.

Os retén de máis de dous días, así como os dos días 24, 25 e 31 de decembro e 1 e 6 de xaneiro designaranse por mutuo acordo dos traballadores coa conformidade da empresa.

Para este tipo de reténs nomearanse cada ano tres conductores e tres peóns como suplentes.

O retén durará desde as vintedúas trinta horas do venres ou véspera de festivo ata as vintedúas trinta horas do domingo e festivo.

A prima por este servicio será de 20.000 pesetas/mes (120,20 euros) para os oficiais e de 15.000 pesetas/mes (90,15 euros) para os peóns.

Artigo 16º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 37,5 horas (trinta e sete horas e trinta minutos) semanais, distribuídas segundo o seguinte horario:

Xornada de mañá: de 7.30 horas a 15 horas.

Xornada de tarde: de 15 horas a 22.30 horas.

Xornada de noite: de 22.30 horas a 6 horas.

A xornada será de luns a venres excepto reténs e servicios de urxencia no saneamento público.

Dentro do horario desfrutarase dunha pausa de quince minutos que todo o equipo realizará simultaneamente.

A totalidade do cadro de persoal rotará por equipos semanalmente nas tres xornadas establecidas, facéndose a igualdade posible na rotatividade por categorías en cómputo anual.

Establécense dúas pontes; o seu desfrute será ó 50% do cadro de persoal en catro datas fixadas pola empresa logo de negociación cos traballadores.

Os días de Noiteboa (24 de decembro) e Fin de Ano (31 de decembro) considéranse, para efectos do artigo 15º deste convenio, como festivos.

Artigo 17º.-Organización do traballo.

Cando se produza a creación dun posto de traballo en calquera categoría, a empresa publicarao no seu taboleiro de anuncios, para coñecemento de todo o persoal.

Na selección dos aspirantes valoraranse os méritos e antigüidade do persoal do cadro, segundo o seguinte baremo:

Antigüidade na empresa:

0,2 puntos por ano de servicio, ata un máximo de 2 puntos.

Antigüidade carné de camión:

0,2 puntos por ano de antigüidade permiso de conducir clase C2 ata un máximo de 2 puntos.

Responsabilidade:

Ata 1 punto.

Dispoñibilidade no traballo:

Ata 1 punto.

Capacidade de traballo:

Ata 1 punto.

Coidado da maquinaria:

Ata 1 punto.

Imaxe ante cliente:

Ata 1 punto.

Presentación de partes:

Ata 0,5 puntos.

Cultura xeral:

Ata 0,5 puntos.

Todo o persoal que leve na empresa máis de 12 meses con contrato fixo con categoría de peón ascenderá automaticamente a peón especialista.

Por necesidades de organización, a empresa poderá trasladar provisoriamente os traballadores adscritos a un equipo a outro distinto para efectua-los mesmos labores propios da súa categoría e/ou outros distintos se for necesario, aboándose neste caso a diferencia retributiva.

Do total dos equipos de traballo estarán polo menos tres equipos formados por tres traballadores cada un.

Artigo 18º.-Vacacións.

Tódolos traballadores terán dereito a un período de vacacións anuais de 30 días naturais, que desfrutarán preferentemente no período comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro.

Para o desfrute das vacacións fixarase un calendario rotativo, dentro de cada servicio, en función do período de desfrute previsto, que garanta que ningún traballador se poida ver discriminado. Sen embargo, o calendario definitivo recollerá aquelas modificacións propostas polos traballadores, e libremente pactadas entre eles, sempre que non afecten significativamente o servicio ou sección a que estean asignados.

A retribución en período de vacacións será: salario base máis antigüidade, complemento tóxico e complemento de actividade, así como a prima establecida para o retén de garda.

Artigo 19º.-Festas.

Terán consideración de festas todas aquelas que, regulamentariamente, estean determinadas; tamén o día 3 de novembro, San Martiño de Porres, padroeiro da limpeza. Se for non laborable, cambiaríase polo día laborable inmediatamente anterior.

Artigo 20º.-Permisos e licencias.

O traballador, logo de aviso e posterior xustificación, poderase ausentar do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e períodos seguintes:

17 días naturais en caso de matrimonio.

6 días naturais en caso de falecemento de cónxuxe ou fillos.

6 días naturais en caso de enfermidade grave de fillo ou cónxuxe.

3 días naturais por nacemento de fillo.

3 días naturais en caso de falecemento de pais, avós, netos ou irmáns do traballador ou do seu cónxuxe.

1 día por traslado de domicilio.

1 día para renovación de permiso de conducir (precedendo aviso de 72 horas).

2 días naturais por enfermidade grave de pais, avós, netos ou irmáns do traballador ou do seu cónxuxe.

As licencias enténdense vinculadas ó feito causante, debéndose desfrutar ó se producir este e posterior xustificación.

O non recollido neste artigo rexerase pola demais normas vixentes aplicables.

Artigo 21º.-Anticipos reintegrables e fondo social.

Todo o persoal suxeito a este convenio poderá solicitar, con cargo ó fondo establecido neste artigo, anticipos reintegrables, que serán concedidos discrecionalmente pola dirección da empresa.

A forma de amortización será:

-Unha mensualidade, que se amortizará en doce meses.

-Dúas mensualidades, que se amortizarán en vintecatro meses.

A empresa destinará a este fin a cantidade de 650.000 pesetas (3.906,58 euros).

Considéranse incluídas no fondo as cantidades pendentes de reintegrar dos anticipos concedidos nos exercicios anteriores.

Fondo social.

Créase un fondo social destinado a formación, asistencias, etc. con destino a tódolos traballadores.

O importe será de 50.000 pesetas (300,51 euros) por traballador e ano.

O persoal de novo ingreso ou contratado percibirá a parte proporcional ó tempo traballado.

A dirección da empresa aprobará os criterios e programas vixiando a distribución destes fondos e a contía que se aplicará en cada caso.

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

Subministraráselle a todo o persoal a roupa de traballo necesaria e habitual, quedando determinada a súa entrega do seguinte xeito:

-Camisa de manga longa: dúas ó ano.

-Camisa de manga curta ou polo: dous ó ano.

-Pantalón: catro ó ano.

-Xersei: dous ó ano.

-Calzado de seguranza: dous paras ó ano (bota ou zapato).

-Anorak: un cada ano.

-Chaleco: catro ó ano ou dous xerseis.

-Canguro: dous ó ano.

-Roupa de auga: cando o posto de traballo o requira.

-Luvas de caucho: segundo necesidades.

-Botas de auga de seguranza: un par ó ano.

-Gorra (1 impermeable): dous ó ano.

-Toallas: dous ó ano.

-Camiseta: dous ó ano.

-Calzoncillo longo: dous ó ano.

Será obrigatorio a utilización de roupa de traballo durante a xornada laboral.

As datas de entrega serán aproximadamente a primeira quincena de maio para a roupa de verán e a segunda quincena de setembro para a roupa de inverno.

Artigo 23º.-Seguro de accidentes.

A empresa subscribirá unha póliza de accidentes de traballo que garanta a cada traballador as seguintes indemnizacións:

a) En caso de falecemento por accidente de traballo ou enfermidade profesional: 2,5 millóns de pesetas (15.025,30 euros)

b) En caso de incapacidade laboral permanente total, absoluta ou grande invalidez, derivadas de accidente de traballo ou enfermidade profesional: 3 millóns de pesetas (18.030,36 euros).

Artigo 24º.-Axudas de custo.

Ámbalas partes conveñen na necesidade de se dotaren dun instrumento pactado de mobilidade xeográfica que facilite a ordenación racional dos recursos humanos da empresa.

O persoal acollido ó presente convenio poderá ser destinado fóra do termo municipal de Vigo, caso en que percibirá os complementos establecidos ó respecto.

Ó persoal que por necesidades da empresa teña de xantar ou cear fóra do seu domicilio, aboaráselle a cantidade de dúas mil cen pesetas (2.100) (12,62 euros) por cada unha das comidas que se vexa obrigado a realizar fóra da casa.

Caso de ser necesario efectua-las comidas fóra do termo municipal de Vigo, aboaranse dúas mil oitocentas cincuenta pesetas (2.850) (17,13 euros) por cada comida.

Caso de que, por obriga do traballo que se vaia efectuar, se deba pernoitar fóra do domicilio habitual, aboarase unha axuda de custos de aloxamento polo importe de catro mil pesetas (4.000) (24,04 euros).

As melloras pactadas serán de aplicación a partir da data da sinatura do convenio colectivo.

Artigo 25º.-Situación de incapacidade transitoria.

A empresa aboará a tódolos traballadores durante a situación de IT derivada de accidente de traballo, e desde o primeiro día, a diferencia entre as prestacións da Seguridade Social e o 100% do salario base máis antigüidade, toxicidade e complemento de actividade e calidade.

De igual forma, complementarase ata o 100% do salario base máis antigüidade, toxicidade e complemento de actividade e calidade, nos casos de hospitalización e en canto dure esta. A dita situación deberase acreditar de maneira fidedigna para xera-lo dereito a este complemento.

A empresa aboará a tódolos traballadores, durante a situación de IT e desde o vixésimo primeiro día a diferencia entre as prestacións da Seguridade Social e o 100% do salario base máis antigüidade, toxicidade e complemento de actividade e calidade.

Artigo 26º.-Retirada do permiso de conducir.

No suposto de que a un traballador, cou ou sen a categoría de conductor, realizando o seu cometido cun vehículo da empresa e cumprindo a función que lle foi asignada, se lle retirase provisoriamente o permiso de conducir, a empresa acomodarao noutro posto de traballo adecuado ás súas facultades e respectaralle a retribución da súa categoría profesional, por un máximo de 2 anos. Ó termo da suspensión será reintegrado ó seu posto de traballo.

Estes beneficios non terán lugar cando a causa da retirada do permiso de conducir se debese a conducción temeraria, embriaguez ou drogadicción ou cando exista reincidencia.

Artigo 27º.-Seguranza e hixiene.

Dada a importancia que recoñecen os asinantes na prevención de accidentes, engádese este capítulo. Considerando ámbalas partes a obriga de aplica-la lexislación sobre seguranza e hixiene vixente, así como a Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, para este efecto, a dirección e a representación legal dos traballadores velará polo cumprimento das medidas legais e regulamentarias.

Todo traballador será recoñecido polo menos unha vez ó ano. O resultado destes recoñecementos facilitaráselle a cada traballador de forma clara e lexible para el.

A dirección da empresa adoptará as medidas de seguranza e hixiene pertinentes como consecuencia do control do lugar do traballo, das instalacións e medios que pon ó dispor dos traballadores. Estas medidas de protección afectarán igualmente os traballadores obrigándose a traballar cos medios facilitados así como a coidar de que os locais e instrumentos de traballo se encontren en perfectas condicións, debendo pór en coñecemento da dirección da empresa as anomalías que se detecten para que esta adopte as medidas oportunas.

Artigo 28º.-Cota sindical.

A empresa, logo de solicitude do interesado, efectuará as retencións pertinentes por cotas sindicais.

Artigo 29º.-Horas extraordinarias.

Poderanse realiza-las horas extraordinarias estructurais necesarias por acumulación de tarefas, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural por mor da natureza do traballo que se execute.

O valor das horas extraordinarias é o fixado na táboa anexa.

Artigo 30.-Comisión mixta interpretativa do convenio.

Cantas dúbidas xurdan en relación coa interpretación do convenio serán sometidas á comisión paritaria que estará constituída por 2 (dous) representantes designados polos traballadores, 2 (dous) pola dirección da empresa.

Cando menos un dos representantes da dirección da empresa e da representación dos traballadores deberá ter formado parte da comisión negociadora respectiva no convenio.

Tódolos conflictos, tanto individuais como colectivos, que puidesen xurdir durante a vixencia deste convenio, deberán someterse, como trámite previo e preceptivo, ó dictame desta comisión.

Artigo 31º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non recollido neste convenio aplicarase o que dispoña o Estatuto dos traballadores e demais normas vixentes aplicables.

Cláusula adicional

As empresas contratadas para realiza-la limpeza de redes de sumidoiros do concello de Vigo quedarán obrigadas a tomar ó seu cargo, mediante subrogación dos contratos de traballo, especificamente o persoal e Trainasa que, antes do 1-7-1991 figuraba adscrito á empresa Construcciones y Contratas, S.A. (anterior prestataria desta función para a empresa municipal de abastecemento e saneamento de augas de Vigo).

Para efectos da aplicación do parágrafo anterior, transcríbese a relación do persoal afectado, na que se especifica, ademais do nome e apelidos, a categoría profesional e a data de ingreso na empresa Construcciones y Contratas, S.A. Transcríbese, así mesmo, copia do artigo primeiro do convenio colectivo que estaba vixente no 1-7-1991.

NomeCategoría profesionalData ingreso

en CYC

Francisco Javier Suárez Glez.Xefe de servicio1-12-1986

Juan Carlos González MonteroPeón especialista11-3-1985

Jesús Rivero TaboadaPeón especialista16-4-1985

Ramón López BarrosPeón especialista16-4-1985

Luis González PérezOficial primeira11-4-1985

Juan Domingo Vidal SangabrielOficial primeira22-4-1985

Alfonso Sanmartín CaamañoPeón especialista13-1-1986

José Ramón Montaña ValiñoPeón especialista19-1-1987

José Luis Seoane CostayaPeón especialista26-5-1987

Carlos Rocha LoresPeón especialista19-10-1987

Manuel Paradela OteroOficial primeira19-1-1987

Alejandro Carballeira CardaldaOficial primeira13-10-1986

José Luis Lage AlonsoPeón especialista22-8-1988

Abelardo López LópezPeón especialista29-8-1989

Copia do artigo primeiro do convenio colectivo que estaba vixente no 1-7-1991:

Ámbito territorial e funcional. O presente convenio regulará as condicións de traballo da empresa Construcciones y Contratas, S.A., co seu persoal adscrito ós servicios de recolla de lixo e limpeza viaria que a empresa ten concertadas co Concello de Vigo, Así mesmo, o presente convenio será tamén de aplicación ó persoal adscrito ó servicio de limpeza da rede de sumidoiros da cidade de Vigo.

Se algún dos servicios mencionados deixasen de se prestar pola non renovación da concesión administrativa, os traballadores adscritos a el serían absorbidos pola nova empresa adxudicataria respectándolle-las condicións laborais e económicas, conforme a lei vixente.

Disposición derradeira

Son partes asinantes deste convenio colectivo:

Pola parte económica:

José Luis Carcía Ibáñez.

Andrés F. Mariño Vilar.

Francisco Javier Suárez González.

Pola parte social:

Luis Lage Alonso.

Luis González Pérez.

Alejandro Carballeira Cardalda.

Luis Seoane Costoya.

Táboa anexa

Táboa salarial

Ano 2001Ano 2002Ano 2003

Encargado de sector
Salario base308.000 ptas.

1.851,12 E

325.000 ptas.

1.952,29 E

340.000 ptas.

2.043,44 E

Oficial 1ª conductor
Salario base116.000 ptas.

697,17 E

122.000 ptas.

733,24 E

128.000 ptas.

769,30 E

Horas extras normais2.200 ptas.

13,22 E

2.200 ptas.

13,22 E

2.200 ptas.

13,22 E

Horas extras festivas2.700 ptas.

16,23 E

2.700 ptas.

16,23 E

2.700 ptas.

16,23 E

Peón especialista
Salario base110.000 ptas.

661,11 E

115.000 ptas.

691,16 E

120.000 ptas.

721,22 E

Horas extras normais2.100 ptas.

12,62 E

2.100 ptas.

12,62 E

2.100 ptas.

12,62 E

Horas extras festivas2.600 ptas.

15,63 E

2.600 ptas.

15,63 E

2.600 ptas.

15,63 E

Peón
Salario base105.000 ptas.

631,06 E

110.000 ptas.

661,11 E

115.000 ptas.

691,16 E

Horas extras normais2.100 ptas.

12,62 E

2.100 ptas.

12,62 E

2.100 ptas.

12,62 E

Horas extras festivas2.600 ptas.

15,63 E

2.600 ptas.

15,63 E

2.600 ptas.

15,63 E

Acta final

Reunidos na sede social da empresa Tratamiento Industrial de Aguas, S.A., centro de traballo en Vigo para o servicio de limpeza e conservación de redes de sumidoiros, a comisión negociadora do convenio colectivo, composta polas persoas que a seguir se

relacionan, acordan aproba-lo texto do convenio que se xunta, e, en proba de conformidade, asinan a presente acta en Vigo o 19 de xuño de 2001.

Pola parte económica:

José Luis García Ibáñez.

Andrés F. Mariño Vilar.

Francisco Javier Suárez González.

Pola parte social:

Luis Lage Alonso.

Luis González Pérez.

Alejandro Carballeira Cardalda.

Luis Seoane Costoya.