Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Luns, 17 de setembro de 2001 Páx. 12.345

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 206/2001, do 27 de agosto, polo que se acordan as cesións do uso, a título gratuíto, de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Ames, Boimorto, Narón, Outes, Castro de Rei, Xermade e Xove.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu punto tres establece que o Consello da Xunta de Galicia, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Os concellos de Ames, Boimorto, Narón, Outes, Castro de Rei, Xermade e Xove solicitaron a cesión do uso dos inmobles sitos nos seus respectivos termos municipais e que pertenceron ás extintas cámaras agrarias locais, para destinalos a actividades de interese agrario.

Mediante os decretos 222/1999, do 15 xullo (DOG nº 147, do 2 de agosto), 186/2000, do 7 de xuño (DOG nº 138, do 17 de xullo), e 141/2001, do 25 de maio (DOG nº 121, do 22 de xuño), desafectáronse do dominio público varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais

de Ames, Boimorto, Narón, Outes, Castro de Rei, Xermade e Xove.

Pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xullo de 2001 (DOG nº 145, do 27 de xullo) declarouse a alienabilidade dos anteditos inmobles.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do Regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, e tendo en conta o informe favorable da, no seu día, Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintesete de agosto de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Acórdanse as cesións a título gratuíto que a continuación se relacionan:

1. A favor do Concello de Ames, do dereito de uso dun edificio de planta baixa de 116 m construídos, sobre un soar de 208 m en total, situado no lugar de Augapesada, parroquia e municipio de Ames (A Coruña). Estrema: norte, con Manuel Vilas Mouriño, hoxe Concello de Ames; sur, con Manuel Vilas Mouriño, hoxe estrada de Roxos a Portomouro; leste, con camiño, hoxe María Recarey Pensado; e oeste, con Manuel Vilas Mouriño, hoxe Concello de Ames.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Negreira no tomo 1.033, libro 335, folio 204, predio nº 5.339, inscrición 4ª.

2. A favor do Concello de Boimorto, do dereito de uso dunha parcela de 100 m aproximadamente, ocupada na súa práctica totalidade por un edificio de baixo e primeiro andar, no lugar de Gándara, hoxe nº15, no municipio de Boimorto. Estrema: norte, María Botana Sueiro; sur, Comunidade Autónoma de Galicia; leste, almacén da Comunidade Autónoma de Galicia; e oeste, estrada de Corredoiras a Gándara.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Arzúa no tomo 629, libro 57, folio 12, predio nº 8.226, inscrición 1ª.

3. A favor do Concello de Narón, do dereito de uso dun terreo dedicado a soar para edificación, no sitio de Gándara de Altea, parroquia de San Xulián, municipio de Narón (A Coruña). Ten unha superficie de 480 m, producto de 15 m. de fronte por 32 m de fondo. Sobre este soar construíuse unha casa de planta baixa de 60 m, resultado de 6 m. por 10m. Linda o conxunto: leste, camiño do embarcadoiro; resto dos ventos co predio matriz.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ferrol no tomo 729, libro 135, folio 112, predio nº 12.517, inscrición 3ª.

4. A favor do Concello de Outes, do dereito de uso dun edificio de planta baixa e alta, de 80 m por andar, construídos sobre un soar de 185 m, situado no lugar de Conchido, parroquia de Entíns, hoxe intersección das rúas da Rosaleda coa avenida Calvo Sotelo, do municipio de Outes (A Coruña). Estrema: fronte; estrada de Boimorto a Muros, hoxe rúa Calvo Sotelo; dereita entrando ou oeste, camiño de carro, hoxe rúa da Rosaleda; esquerda ou leste, casa e terreo de José Gándara; costas ou sur, camiño de carro, hoxe rúa da Rosaleda.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Muros no tomo 357, libro 110, folio 36, predio nº 7.679, inscrición 4ª.

5. A favor do Concello de Castro de Rei, do dereito de uso dun edificio de planta baixa, que ocupa 144 m da parcela de labradío de 600 m en total, á que lle chaman Dos Curros, situada no lugar de Castro, parroquia de Durría municipio de Castro de Rei (Lugo). Estrema o conxunto: norte, Antonio García Crecente, hoxe José Gigán Rodríguez; sur, Josefa Maneuro Rodríguez, hoxe travesía da Cámara Agraria ou rúa da Quevada; leste, José González Varela, hoxe Manuela González Freire; e oeste, pista que conduce ó mercado de gando, hoxe rúa Trapero Pardo.

Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 de Lugo no tomo 1.051, libro 82, folio 87, predio nº 9.339, inscrición 2ª.

6. A favor do Concello de Xermade, do dereito de uso dun edificio de planta baixa e alta, de 123 m por andar, construídos sobre unha parcela de terreo de 312 m, á que lle chaman Chousa do Vilar da Cancela, no lugar do Pedreiro, hoxe avenida de Vilalba, parroquia e municipio de Xermade (Lugo). Estrema actualmente: norte ou fronte, estrada de Xermade a Candamil; sur ou fondo e oeste ou esquerda entrando, Gumersindo Couto Ramudo; e leste ou dereita entrando, Rus Couto Jiménez.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Vilalba no tomo 147, libro 11, folio 43, predio nº 1.058, inscrición 3ª.

7. A favor do Concello de Xove, do dereito de uso dun edificio de planta baixa e alta que ocupa aproximadamente 110 m do seu soar, que ten un total de 393 m, situado na avenida Deputación nº 44 da vila de Xove (Lugo). Estrema: norte, camiño, hoxe Antonia Rodríguez López; sur, Escolástica Andrade, hoxe avenida Deputación; leste, José Aramburo, hoxe Antonia Rodríguez López; e oeste, herdeiros de Josefa Rapa, despois Eliseo López Casabella, hoxe María Luz Vázquez Casabella.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Viveiro no tomo 727, libro 90, folio 148, predio nº 5.443, inscrición 3ª.

8. A favor do Concello de Xove do dereito de uso dun edificio de planta baixa que ocupa practicamente a totalidade do seu soar de 40 m, situado no lugar de Lavandeiras, municipio de Xove (Lugo). Estrema: norte ou costas, predio matriz de Flora Álvarez; sur ou fronte, estrada de Ribadeo a Viveiro, C-642; leste ou dereita, predio matriz, hoxe Antonio Lorenzo; e oeste ou esquerda entrando, Ramón López, hoxe Flora Álvarez.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Viveiro no tomo 768, libro 94, folio 103, predio nº 11.905, inscrición 1ª.

Artigo 2º.-As cesións de uso relacionadas no artigo anterior quedan sometidas ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do inmoble a fins e servicios de interese xeral agrario.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde a sinatura da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior; queda excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) Serán de conta do cesionario:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poida grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) O cesionario subscribirá unha póliza de aseguramento todo risco, de perdas ou danos materiais, polo importe do valor do inmoble segundo o reflectido no Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma. E outra póliza de aseguramento de responsabilidade civil que garanta posibles danos a

terceiros por un importe mínimo de vintecinco millóns de pesetas. A Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, destas pólizas, que se manterán durante todo o período de cesión, prazo inicial e, se é o caso, prórrogas.

Artigo 3º.-As devanditas cesións de uso formalizaranse mediante escritura pública subscrita pola Secretaría Xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario; serán de conta deste os custos de formalización.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, vintesete de agosto de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda