Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 14 de setembro de 2001 Páx. 12.307

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se recoñece a condición de instalación acollida ó réxime especial do parque eólico denominado Monte Castelo. (Expediente IN661A 00/12-4).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Gamesa Energía, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en avda. do Cruceiro da Coruña, 201-A, 15075 Santiago de Compostela (A Coruña), sobre autorización de instalacións do parque eólico

denominado Monte Castelo; resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-O 14 de xaneiro de 2000, Luis Caamaño Martínez, en nome e representación de Gamesa Energía, S.A., solicitou a autorización administrativa e aprobación de proxecto de execución, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, declaración de utilidade pública e recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica do parque eólico denominado Monte Castelo, de 31,68 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ámbolos dous de aplicación ó presente expediente en vigor en virtude do disposto, na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de

instalacións de enerxía eléctrica e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Segundo.-O proxecto someteu a información pública para os efectos previstos nos decretos 2617/1966, 2619/1966, xa mencionados, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e Decreto 205/1995, mediante resolución da Dirección Xeral de Industria do 6 de xuño de 2000, publicado no DOG do 19 de xuño, BOP de Pontevedra do 22 de xuño, o diario Faro de Vigo do 23 de xuño, no BOE do 1 de xullo de 2000, e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Lalín e Vila de Cruces.

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. O Concello de Vila de Cruces alega que, se no transcurso da execución do parque eólico de Monte Castelo, ó perforar aparecese auga ou algún manancial a empresa promotora deberá facerse cargo da súa canalización.

2. O Concello de Lalín alega que o parque eólico ocasionará unha alteración do contorno paisaxístico xa que se vai producir a confluencia de varios parques na zona, o cal non se ten en conta. Ademais produciranse limitacións e servidumes a unha parte do territorio e o ruído producido ocasionará efectos negativos para a gandería e a agricultura. Por outro lado, observouse unha serie de defectos no estudio de impacto, e o proxecto sectorial non respecta o Plan Xeral de Ordenación Municipal; ademais, a serra de Carrío, onde se vai instala-lo parque eólico está clasificada como solo rústico de especial pro

tección, polo que se terá que redactar previamente un plan especial de ordenación para as áreas afectadas polo parque.

3. Martiño Nercellas Méndez, en representación da asociación ecoloxista Sobreira, oponse á construcción do parque eólico e considera que vai ter unha incidencia negativa sobre as condicións naturais do enclave.

4. Con data 19 de xuño de 2000, Jaime García Guerra e outros na súa calidade de presidentes das comunidades de montes veciñais en man común das parroquias de Asorei, Bermés, Busto, Madriñán, Méixome e O Carreo presentan alegacións manifestando a súa desconformidade coa declaración de utilidade pública do proxecto e reclamando a prevalencia do monte veciñal sobre a instalación do parque eólico.

5. Con data 5 de xullo de 1994, Ángel Fernández Presas, en nome de Manuel Riádigos García solicitou o permiso de investigación Penarredonda nº 2673, actualmente en fase de tramitación, que quedou reducido a 17 cuadrículas. Alega que a superficie solicitada para o parque eólico afecta a 13 das 17 cuadrículas solicitadas para a explotación derivada do permiso de investigación Penarredonda nº 2673, polo que solicita que se denegue a autorización do parque.

6. Ángel Fernández Presas solicitou con data 28 de outubro de 1997 o permiso de investigación Alberto I nº 2773, que consta de 33 cuadrículas, das cales, 23 se ven afectadas polo parque eólico, polo que solicita que se denegue a súa autorización.

7. As alegacións ambientais foron remitidas ó órgano ambiental e contempladas na declaración de efectos ambientais do citado parque.

Terceiro.-O 13 de decembro de 2000, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra emitiu informe favorable sobre o citado proxecto. As características básicas son:

Localización e coordenadas poligonais:

NomeConcelloVértices

Monte CasteloLalín

Vila de Cruces

XY

(Pontevedra)1

2

0.568.500

0.569.000

4.733.500

4.733.500

30.571.0004.732.000
40.568.0004.729.500
50.568.0004.731.500
60.567.0004.732.000

Nº de aeroxeradores: 37.

Potencia unitaria por aeroxerador: 850 kW.

Xeradores: G52-850 kW de Gamesa Eólica.

Potencia total instalada: 31,68 MW.

Producción anual estimada: 81.775 MWh.

Investimento previsto: 3.909.364.885 pesetas.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-37 transformadores de 900 kVA de potencia unitaria e relación de transformación 0,69/20 kV, instalados no interior da torre cos elementos de protección e auxiliares necesarios.

-Rede subterránea de interconexión entre as máquinas existentes, a 20 kV, que transportará a enerxía xerada ata a subestación transformadora de 20/220 kV.

-Subestación transformadora 20/220 kV para evacuación de enerxía, composta por un transformador principal 20/220 kV de 35 MVA de potencia nominal e os correspondentes equipos de control, seccionadores, manobra, medida e protección.

Cuarto.-O 31 de xaneiro de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico, notificándose ó promotor o 16-2-2001.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e no Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada por parte da empresa promotora e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Con respecto á alegación do Concello de Vila de Cruces en relación coa posible aparición de auga ou algún manancial á hora de executa-las obras, cabe dicir que se hai algún manancial na zona de obras, conectarase á captación de augas existente mais próxima, sempre que a auga circule de forma natural.

2. En canto á alegación presentada polo Concello de Lalín sobre a confluencia de varios parques, cabe manifestar que na lexislación vixente non está previsto que haxa que realizar estudio de impacto ambiental conxunto a tódolos proxectos que afecten a un termo municipal. Ademais, é incerto que os parques eólicos supoñan limitacións nas propieda

des, xa que a actividade que realiza permite ós particulares o aproveitamento agrícola e gandeiro tradicional. Non é necesaria a tramitación e aprobación dun plan especial municipal xa que os municipios nos que se asentan as infraestructuras obxecto dun proxecto sectorial deben adapta-lo seu planeamento urbanístico ó proxecto sectorial, en calquer caso esta alegación considerarase ó proceder a aproba-lo proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.

3. En relación coa alegación presentada por Martiño Nercellas Méndez, en representación da asociación ecoloxista Sobreira, cómpre dicir que non se deixan de lado os aspectos ambientais, e a incidencia sobre as condicións naturais do enclave tívose en conta á hora de formula-la declaración de efectos ambientais.

4. Non se toman en consideración as alegacións formuladas por Jaime García Guerra e outros na súa calidade de presidentes das comunidades de montes veciñais en man común das parroquias de Asorei, Bermés, Busto, Madriñán, Méixome e O Carreo xa que non se pode estudia-la posibilidade de prevalencia dunha instalación sobre outra, ata que se declare a súa utilidade pública.

5. En relación á alegación presentada por Ángel Fernández Presas, en nome de Manuel Riádigos García cabe manifestar que o alegante non achega proba ningunha da medida en que o permiso de investigación resultaría afectado, en concreto pola instalación do parque eólico, non constando que a instalación deste afecte os traballos de investigación.

6. En canto á alegación presentada por Ángel Fernández Presas, cómpre dicir que o alegante non achega proba ningunha da medida en que o permiso de investigación resulta afectado, en concreto pola instalación do parque eólico.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedementais sinalados no Decreto 2617/1966, e no Decreto 205/1995. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixibles.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Autorizar a Gamesa Energía, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Monte Castelo, que se vai instalar nos concellos de Lalín e Vila de Cruces.

-Aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

-Recoñecer a esa instalación a condición de instalación acollida ó réxime especial do R.D. 2818/1998, e incluíla no grupo b.2) do artigo 2 do dito real decreto.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Gamesa Energía, S.A., para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outor

gamento da presente autorización, unha fianza de 78.187.297,7 pesetas, importe do 2% do orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o disposto no artigo 15 do citado Decreto 205/1995, do 6 de xullo.

A dita na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 1.1º, número 39 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa cun orzamento de 3.909.364.885 pesetas.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización desta Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Pontevedra poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicten en aplicación da dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Gamesa Energía, S.A. no seu plan eólico.

Quinta.-Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do R.D. 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orden. O parque conectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de efectos ambientais do 31 de xaneiro de 2001, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 3.2º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

Sétima.-A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento

das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria