Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 14 de setembro de 2001 Páx. 12.264

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 7 de setembro de 2001 pola que se establecen axudas para o fomento do asociacionismo na utilización de maquinaria agrícola en Galicia.

O elevado grao de mecanización das explotacións agropecuarias galegas leva consigo un volume de gastos que na actualidade é necesario reducir para que poidan ser competitivas nuns contornos socioeconómicos cada vez máis axustados e esixentes.

Tendo en conta a estructura e dimensión da maioría das explotacións galegas, o elevado custo de adquisición da maquinaria e as quendas de traballo para a súa amortización, proponse como unha solución para reducir custos, sen detrimento da productividade, o uso en común dos apeiros, máquinas e equipos por parte de varios agricultores baixo un réxime de carácter asociativo ou colectivo.

As cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), as agrupacións para tratamentos integrados na agricultura (ATRIA), as cooperativas agrarias, as cooperativas de explotación comunitaria da

terra, as cooperativas de traballo asociado de carácter agrario, as sociedades agrarias de transformación (SAT), e incluso as sociedades laborais e as empresas de servicios legalmente constituídas, poden axustarse ós obxectivos que se pretenden coa presente orde de axudas.

Tamén é necesario fomenta-la incorporación de modernas técnicas de producción e de racionalización do uso dos medios, así como de novas tecnoloxías, que permitan o aforro enerxético, a supresión de mecanismos de alto risco, a diminución da contaminación atmosférica e acústica e a mellora das condicións de traballo dos agricultores.

En consecuencia, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria considera de interese fomenta-la constitución e funcionamento das CUMA e ATRIA, a utilización baixo fórmulas asociativas ou colectivas da maquinaria agrícola e a promoción de novas tecnoloxías en maquinaria e equipos agrarios, co fin de lograr unha correcta racionalización do parque de maquinaria agropecuaria dispoñible, mellora-los servicios e aforrar custos nas explotacións agropecuarias galegas.

Por outra parte, estas actuacións enmárcanse dentro do Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006, cofinanciado pola Unión Europea, e que recolle boa parte das iniciativas para desenvolver nos vindeiros anos.

Por todo o exposto, en consonancia co establecido no artigo 30.I.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente normativa ten por obxecto regular no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e para o período 2000-2006, o procedemento de xestión das axudas para o fomento da constitución de cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA) e do uso asociativo e colectivo da maquinaria agrícola, así como convoca-las correspondentes ó ano 2001.

Artigo 2º.-Liñas de actuación.

As axudas previstas nesta normativa estructúranse en dous tipos de actuacións:

I. Axudas ás cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA).

II. Axudas ós investimentos en maquinaria agrícola de uso colectivo.

Sección primeira

Axudas para as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA)

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as cooperativas de utilización de maquinaria agrícola, de carácter agropecuario, que teñan o seu domicilio social e os seus socios en Galicia.

Artigo 4º.-Requisitos.

1. Para poder ser subvencionable, a CUMA deberá ter con carácter xeral un mínimo de 6 socios e un máximo de 15, se ben excepcionalmente poderase admitir un número diferente por razóns do seu interese social ou da súa particular localización.

2. Os socios deberán permanecer na CUMA un mínimo de 5 anos, excepción feita dos supostos de baixa xustificada previstos nos estatutos.

O socio que cause baixa está obrigado a desembolsa-la parte correspondente, segundo sexan os compromisos adquiridos ata ese momento, en relación coa maquinaria que comprou a CUMA.

Nos estatutos da CUMA, ou se é o caso asembleariamente, débense establece-las medidas necesarias para salvagarda-lo futuro económico da cooperativa cando a baixa de socios poida significar un quebranto patrimonial que poña en perigo a súa viabilidade.

3. A CUMA debe estar formada polo menos por un 75% de socios que sexan agricultores profesionais.

4. Os socios da CUMA están obrigados a utilizar plenamente na súa explotación as máquinas, equipos, apeiros e servicios técnicos obxecto da CUMA. Previamente á súa admisión como socios deben asina-los documentos nos que se concreten tales obrigas, de acordo co establecido nos seus estatutos.

Tamén se especificará o compromiso económico en relación coa maquinaria que se vaia adquirir, mentres sexa propiedade da CUMA e ata o final da súa amortización.

5. Toda a maquinaria propiedade da CUMA é para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións. Excepcionalmente, e para favorece-la súa amortización, pódense prestar servicios a terceiros, sempre que non superen o 25% das horas totais traballadas pola máquina ou equipo afectado.

6. A CUMA non pode vende-la maquinaria e demais bens da súa propiedade antes de que remate o prazo de amortización da mesma, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente.

Ademais, a CUMA comprométese a non vender, doar nin cederlle en uso a maquinaria a ningún dos seus socios, nin tampouco ós seus familiares directos.

7. Non se subvencionarán os investimentos da CUMA cando conleven duplicidade co tipo de maquinaria que teñen os seus socios nas súas explotacións, salvo casos puntuais xustificados detalladamente.

Tampouco se subvencionará a adquisición de maquinaria de segunda man ou usada.

8. A CUMA está obrigada a levar ó día un libro rexistro da maquinaria coa que presta os servicios cooperativizados, así como un programa de control e xestión que lle permita establecer e analiza-los seus custos.

9. A constitución dunha CUMA e o programa de investimentos que se van realizar deben estar suficientemente xustificados e avalados pola memoria

técnica e polo estudio de viabilidade correspondente, para que poidan ser subvencionados.

Artigo 5º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Para a realización da memoria técnica e do estudio de viabilidade previos que avalen a creación da CUMA, poderase conceder unha subvención de ata o 70% do seu custo, cun máximo de 150.000 pesetas (901,52 euros), por CUMA subvencionable.

2. Os gastos derivados da constitución, fundamentalmente asesoramento, elaboración da documentación, tramitación, gastos notariais e rexistrais e demais gastos derivados, poderanse subvencionar ata o 70%, cun máximo de 250.000 pesetas (1.502,53 euros), por CUMA.

3. Para a primeira adquisición de máquinas, equipos e apeiros, destinados ás actividades de carácter agropecuario que teñen lugar nas explotacións dos socios da CUMA, a axuda consistirá nunha subvención de ata o 40% do importe dos investimentos.

4. No caso de adquisición de máquinas, equipos e apeiros, destinados a repoñe-los que xa teñen as CUMA existentes, poderase conceder unha subvención de ata o 20% do seu importe.

5. Así mesmo, poderase subvenciona-la construcción dunha nave para almacén de maquinaria, oficinas e equipamento vario relacionado coa actividade da CUMA, ata un máximo do 40% do importe do investimento realizado.

Artigo 6º.-Criterios de valoración.

Para a selección das peticións que se vaian aprobar, así como para establece-las porcentaxes de axuda, poderanse ter en conta os seguintes criterios:

1. A súa viabilidade técnica, económica e financeira, así como a importancia e o interese social para a zona de localización. Valoraranse especialmente as medidas de salvagarda para garanti-la continuidade e o futuro económico da CUMA, e tamén a correlación existente entre o programa de investimentos da CUMA e a dimensión e actividade desenvolvida polos seus socios.

2. O número de agricultores beneficiados, que en todo caso debe ser acorde coa capacidade de traballo das máquinas e equipos adquiridos e co programa de amortización deles.

3. O número de agricultores mozos que forman parte da CUMA.

4. A pertenza dos socios da CUMA a outra cooperativa agraria.

Sección segunda

Axudas para investimentos en maquinaria agrícola de uso colectivo

Artigo 7º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as cooperativas agrarias, as cooperativas de explotación comunitaria da terra, as SAT, as ATRIA e as empresas de servicios, que realicen traballos ou presten servicios a terceiros, sen prexuízo da súa utilización nas explotacións dos membros das entidades indicadas.

Artigo 8º.-Requisitos.

1. A entidade solicitante deberá presta-lo servicio a un mínimo de 10 agricultores, que no caso das entidades asociativas deberán ser socios dela.

2. As entidades asociativas deben establece-las medidas necesarias nos seus estatutos ou por acordo da asemblea, para salvagarda-la viabilidade funcional e económica da actividade de prestación de servicios de maquinaria.

3. A entidade debe comprometerse a mante-lo servicio de maquinaria durante un período mínimo de 5 anos, salvo razóns xustificadas alleas ó seu interese particular.

4. Nas entidades asociativas, os socios que reciban o servicio deben ser agricultores profesionais polo menos no 50% dos casos.

5. A entidade non pode vende-la maquinaria da súa propiedade e demais bens relacionados coa mesma antes de que remate o seu prazo de amortización, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente.

Ademais, comprométese a non vender, doar nin cederlle en uso a maquinaria a ningún dos seus socios, nin tampouco ós seus familiares directos.

6. As entidades asociativas están obrigadas a levar ó día un libro rexistro da maquinaria coa que presta os servicios, así como un programa de control e xestión que lles permita establecer e analiza-los seus custos.

7. O programa de investimentos para realizar debe estar suficientemente xustificado e avalado pola memoria técnica e polo estudio de viabilidade correspondente, para que poida ser subvencionado.

8. En ningún caso se subvencionará a adquisición de maquinaria de segunda man ou usada, nin se consideran subvencionables o IVE e outros impostos recuperables. Tampouco serán considerados subvencionables os investimentos relacionados coa transformación e comercialización de productos agrarios.

9. No caso do programa de renovación do parque de tractores, substituiranse por modelos que incorporen novas tecnoloxías aqueles tractores que estean inscritos no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola con anterioridade ó ano 1991 inclusive e que non cambiasen de titular nos últimos 2 anos.

Ademais, a entidade solicitante deberá xustifica-lo achatarramento dos tractores antigos mediante un certificado de baixa definitiva expedido polo devandito rexistro, no que estea inscrito o tractor e no que se faga consta-la data da primeira inscrición, o número de bastidor e a potencia en CV.

Artigo 9º.-Conceptos subvencionables e contía económica.

1. Poderanse subvenciona-los seguintes conceptos:

a) Primeira adquisición de máquinas, equipos e apeiros para realizar labores agrarios.

b) Adquisición de máquinas, equipos e apeiros, destinados a repoñe-los que xa teñen as entidades existentes.

c) Construcción de naves para almacén de maquinaria.

2. No caso de cooperativas agrarias, cooperativas de explotación comunitaria da terra, SAT e ATRIA, poderase conceder unha subvención de ata o 30% do importe dos investimentos para a primeira adquisición de maquinaria, equipos e apeiros, así como para a construcción dunha nave para o seu almacenamento. No caso de adquisición de maquinaria para reposición, as axudas poderán chegar ata o 15% do seu importe.

3. No caso das empresas de servicios, só se considerará subvencionable a primeira adquisición de maquinaria, equipos e apeiros, para as tipoloxías e coas limitacións sinaladas a continuación:

a) Maquinaria de sementeira, colleita, preparación, almacenamento e distribución de forraxes. A subvención poderá chegar ata o 25% do seu importe, cun máximo de 10.000.000 pesetas (60.101,21 euros), por beneficiario.

b) Adquisición de cisternas e batedores de xurro, aplicadores-enterradores de esterco e lodos líquidos, separadores de esterco sólido / líquido e inxectores para a fermentación aeróbica do xurro. A subvención poderá chegar ata o 25% do seu importe, cun máximo de 10.000.000 de pesetas (60.101,21 euros), por beneficiario.

c) Maquinaria e equipos que representen unha innovación tecnolóxica: adquisición de maquinaria para a recolección da pataca e cultivos hortofructícolas, maquinaria para a aplicación de productos fitosanitarios e calquera outra máquina ou equipo que represente unha innovación tecnolóxica. A porcentaxe e o límite máximo da subvención serán os mesmos citados anteriormente.

d) Renovación do parque de tractores: poderase subvenciona-la adquisición de tractores que incorporen novas tecnoloxías para mellora-los actuais sistemas productivos, o aforro enerxético, a conservación do medio ambiente e as condicións de traballo. O importe da subvención directa establecerase a razón de 10.000 pesetas (60,10 euros), por CV de potencia de inscrición do tractor para achatarrar.

e) Quedan expresamente excluídas destas axudas as máquinas de uso xeralizado na agricultura, tales como tractores (salvo que substitúan a unidades achatarradas), motocultores, remolques, equipos tradicionais de laboreo ou colleitadoras de cereais.

Artigo 10º.-Criterios de valoración.

Para a selección das peticións que se vaian aprobar, así como para establece-las porcentaxes de axuda, poderanse ter en conta os seguintes criterios:

1. A súa viabilidade técnica, económica e financeira, a importancia e o interese social para a zona de localización, e o seu carácter innovador e de respeto ó medio ambiente. Teranse especialmente en conta as medidas de salvagarda previstas para garanti-la continuidade e o futuro económico da entidade.

2. O número de agricultores beneficiados ou ós que está previsto prestarlle o servicio de maquinaria, que en todo caso debe ser acorde coa capacidade

de traballo das máquinas e equipos adquiridos e co programa de amortización deles.

3. O investimento por socio que recibe o servicio, no caso de entidades asociativas.

4. O número de agricultores mozos e agricultores profesionais que pertenzan á entidade.

5. A dimensión socioeconómica da entidade solicitante.

6. A presentación dun programa global de renovación da maquinaria agrícola da entidade por recollida da maquinaria vella.

Sección terceira

Disposicións xerais

Artigo 11º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo adxunto, que se compón dos seguintes anexos:

-Anexo I: instancia de solicitude.

-Anexo II: relación das liñas de axuda solicitadas.

-Anexo III: relación da documentación que se achega.

2. As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente ou polo representante legal da entidade peticionaria. Os anexos é imprescindible cubrilos correctamente na súa totalidade. Coas solicitudes achegarase a documentación que se detalla no artigo 12º desta orde.

3. No caso das CUMA e demais entidades que estean en trámites de constitución, a solicitude de axuda poderá facela a comisión promotora, que estará formada polo menos por tres membros, actuando un deles como presidente e outro como secretario.

4. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servicios centrais, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 12º.-Documentación.

1. Copia compulsada do CIF da entidade solicitante, e da escritura de constitución, estatutos e inscrición rexistral se é o caso, así como do DNI do seu presidente ou representante legal.

2. As entidades solicitantes presentarán copia compulsada ou certificación da acta da reunión do consello rector ou órgano directivo, se é o caso, segundo o modelo anexo IV, na que se:

-Aproba realiza-los investimentos e accións para os que se vai pedir subvención.

-Acorda solicita-la subvención.

-Autoriza a persoa encargada dos trámites.

3. Informe xeral sobre a entidade solicitante, segundo o modelo anexo V, totalmente cuberto.

4. Certificación da entidade solicitante, segundo o modelo anexo VI, sobre os seguintes aspectos:

-Cumprimento en xeral dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

-Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

-Compromiso de facilita-la documentación complementaria que se poida requirir, así como de permiti-las comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas.

5. Memoria técnica xustificativa e estudio de viabilidade elaborado por técnico cualificado, que inclúan como mínimo os seguintes puntos:

-Situación actual: actividades desenvoltas, socios e/ou terceiros ós que se lle prestan servicios e características da maquinaria e instalacións dispoñibles.

-Investimentos que se vaian realizar: xustificación da súa necesidade, descrición técnica, orzamento, prazos de execución, financiamento previsto e análise económica da súa viabilidade.

6. No caso de construccións, presentarase memoria, anteproxecto ou proxecto que inclúan como mínimo unha desagregación do investimento por unidades de obra, o seu custo unitario e os planos necesarios para a súa definición. Ademais deberase xunta-la solicitude de licencia de obra.

7. No caso da adquisición de tractores por renovación, presentarase copia compulsada da inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola dos tractores antigos que se van achatarrar, como consecuencia do programa de renovación.

8. Copia compulsada da declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico. No caso das entidades de nova constitución, presentarán copia do impreso de alta no Imposto de Actividades Económicas.

9. Orzamento ou facturas proforma dos investimentos que se vaian realizar.

10. Certificación bancaria do número de conta no que se solicita o ingreso da subvención.

11. Compromiso de non beneficiarse de ningunha outra subvención procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita axuda ó abeiro desta orde.

12. Certificacións en conforme a entidade cumpre os condicionantes establecidos nesta orde, nos artigos 4º (para o caso das CUMA), e 8º (para o resto dos casos), sobre os seguintes aspectos:

-Relación de medidas previstas para salvagarda-la viabilidade económica e funcional da entidade ou do servicio prestado.

-Compromiso de mante-lo servicio por un período mínimo de 5 anos.

-Compromiso de non vende-la maquinaria antes da súa amortización.

-Compromiso de non vender, doar, nin ceder en uso a maquinaria a ningún dos seus socios nin ós familiares directos deles.

-No caso das CUMA, compromiso de que a maquinaria da CUMA é para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións, coa salvidade prevista no apartado 5 do artigo 4º.

13. Certificacións individuais e documentación acreditativa de cada un dos socios conforme cumpren os condicionantes fixados nesta orde, nos artigos 4º (para o caso das CUMA), e 8º (para o resto das entidades asociativas), sobre os seguintes aspectos:

-Compromiso de permanencia na entidade durante polo menos 5 anos.

-Compromiso económico de cada socio coa entidade.

-Se é o caso, acreditación conforme é agricultor profesional (fotocopia da última declaración do IRPF e da cotización á Seguridade Social no réxime especial agrario).

-No caso dos socios dunha CUMA:

* Compromiso de usar plenamente a maquinaria da CUMA nas súas explotacións.

* Declaración xurada individualizada da maquinaria que ten cada un dos socios na súa explotación, e certificación conforme non existe duplicidade co tipo de maquinaria que ten a CUMA ou que pretende adquirir ó abeiro desta liña de axudas, comprometéndose de se-lo caso a vender aquelas máquinas e equipos que se repitan.

* Se é o caso, xustificante de ser socios doutra cooperativa agraria.

14. Relación dos membros da xunta rectora ou órgano directivo da entidade solicitante, se é o caso. Se se encontra en fase de constitución, composición da comisión promotora. Neste último caso, a concesión da axuda quedará condicionada á constitución efectiva da entidade solicitante.

15. No caso das entidades asociativas, relación nominal dos socios, ou dos agricultores ós que se lles presta o servicio, cos seus efectivos productivos e capital social, se é o caso. Tamén deberán presentar copia do seu DNI.

16. No caso das empresas de servicios, copia compulsada do último recibo de pagamento do Imposto de Actividades Económicas (IAE), de forma que acrediten a súa adicación a servicios agrícolas e gandeiros.

Artigo 13º.-Prazos.

Para o ano 2001 establécese un prazo de presentación de solicitudes que remata o próximo 10 de outubro.

Fóra deste prazo poderanse seguir presentando solicitudes só para efectos de cumpri-las directrices comunitarias, que establecen que os investimentos para realizar non se poden iniciar antes de solicita-las axudas. Neste caso, a petición quedará supeditada á súa presentación posterior, de acordo coas convocatorias de axuda expecíficas dos anos seguintes, sen ter por iso ningún dereito recoñecido ou preferencia sobre as peticións presentadas nos prazos establecidos nas ordes anuais correspondentes.

A partir da entrada en vigor desta orde non se admitirán como subvencionables investimentos iniciados con anterioridade á presentación das solicitudes de axuda.

Artigo 14º.-Tramitación.

A xestión das axudas corresponderalle ó Servicio de Fomento Asociativo, salvo no caso das axudas previstas no punto 3 do artigo 9º e as correspondentes ás ATRIA, que serán xestionadas polo Servicio de Producción Vexetal.

Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que de non facelo terase por desistido da súa petición, logo de resolución dictada nos termos previstos no artigo 42, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia resolverán as peticións presentadas en función da fonte de financiamento utilizada, dos criterios de prioridade sinalados nesta orde e das dispoñibilidades orzamentarias. Se non se notificase a resolución no prazo de seis meses entenderase desestimada a axuda solicitada.

Artigo 15º.-Incompatibilidade.

As subvencións reguladas pola presente orde son incompatibles con calquera outra axuda para os mesmos conceptos procedente das administracións públicas.

Artigo 16º.-Xustificación e pagamento.

1. A xustificación do gasto correspondente ás accións subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde deberase realizar dentro do prazo que se estableza para o efecto na resolución de concesión da subvención.

O incumprimento deste prazo poderá implica-la perda da subvención concedida, sen necesidade de aviso ou notificación ningunha á entidade beneficiaria.

2. Para efectua-lo pagamento da axuda concedida é necesario que as entidades beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Facturas e recibos orixinais ou as súas copias compulsadas, que xustifiquen os gastos e investimentos realizados. Tamén se achegará transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento que acredite fidedignamente o seu pagamento efectivo. As facturas deberán trae-lo IVE desagregado correctamente.

b) Certificación da entidade, na que se detalle a súa aceptación expresa da subvención nos termos en que se lle concedeu.

c) Certificación de non ter débedas por ningún concepto, pendentes de pagamento, coa administración pública desta comunidade autónoma.

d) Certificación de estar ó día no pagamento das obrigas fiscais.

e) Certificación de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

f) Certificación de tódalas axudas solicitadas ante as distintas administracións públicas para os mesmos fins previstos nesta orde, tanto as concedidas como as pendentes de resolución. Esta certificación debe vir asinada polo presidente ou representante legal da entidade solicitante.

g) Copia compulsada das inscricións das máquinas e equipos no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola.

h) Se é o caso, copia compulsada do certificado de baixa definitiva do tractor e demais maquinaria achatarrada, expedido polo Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola onde consten inscritos.

i) No caso de construccións, licencia definitiva de obras.

j) Calquera outra que se sinale expresamente na resolución de concesión.

3. A documentación xustificativa dos gastos e investimentos presentarase preferentemente no Servicio de Fomento Asociativo da Dirección Xeral de Industrias e Alimentación, ou no Servicio de Producción Vexetal da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria no caso das axudas previstas no punto 3 do artigo 9º e das ATRIA, (Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, edificios administrativos de San Caetano, Santiago de Compostela).

Artigo 17º.-Seguimento e control.

1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de localización, obxectivos, conceptos, prazo de execución ou variación do orzamento, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización da consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa. No caso de reducción dos investimentos, sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

3. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá realiza-las comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas. Tamén facilitarán toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. As entidades beneficiarias quedan obrigadas ó reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

5. No caso de que as entidades beneficiarias destas axudas non cumpran os requisitos e fins fixados nesta orde, aplicaráselle-lo establecido no artigo 7 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 18º.-Réxime de recursos.

A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 19º.-Financiamento.

A concesión das axudas efectuarase no ano 2001 con cargo ós seguintes conceptos orzamentarios:

-09.04.612-A.770.0, por un importe de 12.000.000 de pesetas (72.121,45 euros).

-09.04.615-A.770.0, por un importe de 10.265.008 pesetas (61.693,94 euros).

-09.04.714-A.770.0, por un importe de 80.000.000 de pesetas (480.809,68 euros).

-09.60.712-A.773.1, por un importe de 25.000.000 de pesetas (150.253,03 euros).

-09.03.614-A.775.0, por un importe de 157.700.000 pesetas (947.796,09 euros).

Tódalas aplicacións citadas anteriormente corresponden ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

As devanditas aplicacións orzamentarias poderán ser incrementadas con fondos adicionais comunitarios, estatais e desta Comunidade Autónoma.

Disposición adicional

A concesión destas axudas quedará condicionada ás posibles observacións ou modificacións formuladas pola Unión Europea como consecuencia da notificación deste réxime de axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación e o director xeral de Producción Agropecuaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para que, no ámbito das súas competencias, dicten as normas necesarias para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria