Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 14 de setembro de 2001 Páx. 12.248

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN conxunta do 4 de xullo de 2001, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo, pola que se convoca un concurso de premios entre escolares de niveis non universitarios para a elaboración de debuxos, bandas deseñadas e carteis, e relatos curtos sobre a educación do consumidor en conmemoración do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

Con motivo da conmemoración, o 15 de marzo, do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, o Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación

Profesional, conscientes da necesidade de forma-los alumnos/as da Comunidade Autónoma Galega cara á adquisición do espírito crítico que lles permita enfrontarse ás múltiples e diversas ofertas da sociedade de consumo, e elixir de maneira libre e responsable, convocan para o ano 2001 un concurso de premios a debuxos, bandas deseñadas e carteis, e relatos curtos sobre a educación do consumidor na escola, invitando os escolares galegos a reflexionar sobre a sociedade de consumo e a que utilicen como medio a creación artística e literaria.

Por todo isto,

DISPOÑEMOS:

Convocar un concurso de debuxos, bandas deseñadas e carteis, e relatos curtos, en materia de educación do consumidor de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Poderán participar neste concurso tódolos alumnos e alumnas matriculados en centros de niveis educativos non universitarios da Comunidade Autónoma Galega.

Segunda.-Os premios distribuiranse do xeito seguinte:

-Un premio para o mellor cartel ou debuxo colectivo do alumnado de educación infantil, dotado con 125.000 pesetas (751,26 euros), das que 50.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador e 75.000 pesetas no centro onde cursen os seus estudios os rapaces/as gañadores/as.

-Un premio para o mellor debuxo colectivo realizado por alumnos ou alumnas de 1º e 2º ciclo de educación primaria, dotado con 150.000 pesetas (901,518 euros), das que 65.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador e 85.000 pesetas no centro onde cursen os seus estudios os rapaces/as gañadores/as.

Os traballos que concorran ás dúas modalidades anteriores serán colectivos e terán como protagonista a mascota Camaleo, que ensina os nenos a consumir, interpretada de forma libre, e deberá versar sobre algún tema de consumo.

-Un premio para a mellor banda deseñada colectiva (historia en viñetas sobre un tema de consumo) dos alumnos e alumnas do 3º ciclo de educación primaria, dotado con 150.000 pesetas (901,518 euros), das que 65.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador e 85.000 pesetas no centro onde cursen os seus estudios os rapaces/as gañadores/as.

-Un premio para a mellor banda deseñada colectiva (historia en viñetas sobre un tema de consumo) dos alumnos e alumnas do 1º ciclo da ESO, dotado con 175.000 pesetas (1.051,77 euros), das que 75.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador e 100.000 pesetas no centro onde cursen os seus estudios os rapaces/as gañadores/as.

-Un premio para o mellor relato curto de ficción sobre un tema de consumo para os alumnos/as do segundo ciclo da ESO, bacharelato LOXSE, ciclos

formativos, formación profesional de 1º e 2º grao, BUP e COU, dotado con 200.000 pesetas (1.202,02 euros), das que 90.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 110.000 pesetas corresponderán ó centro onde cursen os seus estudios os rapaces/as gañadores/as. Estes relatos curtos terán unha extensión máxima de 4 follas a dobre espacio DIN-A4 por unha soa cara.

-Un premio para o mellor debuxo presentado por alumnos e alumnas de escolas de arte, dotado con 200.000 pesetas (1.202,02 euros), das que 90.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 110.000 pesetas serán para a escola onde cursen os seus estudios os rapaces/as gañadores/as. O tema será: «15 de marzo-O día mundial do Consumidor».

Os carteis, debuxos e bandas deseñadas terán unhas dimensións máximas de 0,80x0,70 m.

Tódalas cantidades correspondentes ós centros deberán investirse na compra de material didáctico.

Terceira.-O prazo de presentación dos traballos remata o día 31 de outubro de 2001.

Cuarta.-Os traballos deberanse presentar nos servicios centrais ou provinciais do Instituto Galego de Consumo, no modelo que figura como anexo da presente resolución, sendo en todo caso aplicable o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción, dirixidos ó presidente do Instituto Galego de Consumo, acompañados dun certificado do centro onde o/os concursante/s efectúe/n os seus estudios, nos que consten os datos do alumno, nivel educativo, curso, ciclo ou modalidade que realiza.

Quinta.-Os premios que se concedan (contía global máxima de 1.000.000 de pesetas, 6.010,12 euros), faranse efectivos con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.640.0 do Instituto Galego de Consumo, na que existe crédito axeitado e suficiente, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001.

Sexta.-A concesión dos premios farase a proposta dun xurado nomeado polo presidente do Instituto Galego de Consumo e o director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Sétima.-A decisión do xurado, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, será inapelable e poderá ser declarado deserto calquera premio anunciado ou, de se-lo caso, e se o xurado o determina, ser acumulados entre si, ou compartidos.

Oitava.-A participación no concurso supón a aceptación de tódalas súas bases, así como a cesión do dereito da propiedade no caso dos carteis, bandas deseñadas ou debuxos e os traballos de redacción gañadores, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas á súa finalidade.

Disposición derradeira

Nos aspectos non previstos na presente resolución haberá que aterse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e

do procedemento administrativo común, na súa actual redacción.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2001.

Víctor Tello CalvoMª Pilar del Mar Pérez Marsó

Presidente do InstitutoDirectora xeral de Ordenación

Galego de Consumo Educativa e de Formación

Profesional