Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 14 de setembro de 2001 Páx. 12.244

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 10 de setembro de 2001 pola que se declara de interese galego a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Santiago e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Con data do 7 de setembro de 2001 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 5 de setembro de 2001 pola que se clasifica como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Santiago adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 30 de xullo de 2001, ante o notario Manuel Peregil Cambón, co número 1621 do seu protocolo por Jaime Alberto Pita Varela que intervén en representación da Xunta de Galicia, Andrés Precedo Ledo como secretario xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal da Xunta de Galicia, José Sánchez Bugallo en representación do Concello de Santiago de Compostela, Juan Manuel Baleato Iglesias en representación do Concello do Val do Dubra, Odón Casimiro Cobas García en representación do Concello de Vedra, Adolfo Gacio Vázquez en represtación do Concello de Boqueixón, José Luis García García en representación do Concello de Brión, Armando Blanco Martínez en representación do Concello de Teo, José Astray Lorenzo en representación do Concello de Ames, José Antonio Sangil Noya, delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Coruña, e Dositeo Rodríguez Rodríguez en

representación da Deputación Provincial da Coruña.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 5 dos seus estatutos ten por obxecto pór en marcha as accións xenéricas enunciadas no Plan de Desenvolvemento Comarcal, deseñando programas, soli

citando a súa implementación ós organismos correspondentes e animando e incentivando a participación dos sectores e axentes económicos e sociais ós que vai dirixido.

Así mesmo, poderá acometer actuacións, programas, accións e proxectos que contribúan e incidan no desenvolvemento territorial, económico e social da comarca que constitúe o seu ámbito de actuación.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Santiago ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Santiago no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala la Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública