Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 13 de setembro de 2001 Páx. 12.182

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de agosto de 2001 pola que se autoriza de forma experimental a impartición de ensinanzas de bacharelato a distancia nas modalidades de ciencias da natureza e da saúde e humanidades e ciencias sociais no instituto de educación secundaria San Clemente de Santiago de Compostela.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 53, prevé que as administracións educativas promovan medidas tendentes a ofertar a tódolos cidadáns a oportunidade de acceder ós niveis ou graos das ensinanzas non obrigatorias cursando ensinanzas de bacharelato nos centros ordinarios, dispoñendo dunha oferta e dunha organización adecuada ás súas características.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos, no artigo 16 prevé que a educación e promoción de adultos adoptará as modalidades presencial, semipresencial e a distancia. Na modalidade de ensino a distancia utilizará un ou varios medios de comunicación e irá dirixida preferentemente á poboación adulta con dificultade de desprazamento ou asistencia.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo (DOG do 13 de abril), polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coas esixencias de organización e metodoloxía da modalidade a distancia, poderá adapta-lo currículo do bacharelato para adecualo ás características, condicións e necesidades da poboación adulta, e impartirase naqueles centros que autorice.

En consecuencia co anteriormente exposto e en virtude das atribucións conferidas pola disposición adicional segunda do Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma, e polos artigos 5.1º c, 6, 7 e disposición derradeira primeira do Decreto 88/1999, do 11 de marzo, polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

Autorizar, con carácter experimental, a imparti-la ensinanza de bacharelato a distancia, definida nesta orde, no centro seguinte:

Nome: instituto de educación secundaria San Clemente.

Código do centro: 15021482.

Concello: Santiago de Compostela.

Provincia: A Coruña.

Artigo 2º

As ensinanzas obxecto de experimentación terán unha duración de dous cursos e impartiranse nas modalidades de bacharelato de ciencias da natureza e da saúde e humanidades e ciencias sociais.

Artigo 3º

Poderán acceder ás ensinanzas de bacharelato a distancia nas modalidades de ciencias da natureza e da saúde e humanidades e ciencias sociais as persoas que reúnan os requisitos establecidos con carácter xeral na Orde do 14 de abril de 1999 pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para adultos na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 29 de abril).

Artigo 4º

A ordenación curricular do bacharelato a distancia nas modalidades de ciencias da natureza e da saúde e humanidades e ciencias sociais é a que se recolle no anexo da presente orde.

Artigo 5º

A matrícula dos alumnos que desexen seguir estas ensinanzas realizarase durante o mes de setembro, sen prexuízo de que, en virtude das especiais circunstancias do alumnado deste réxime educativo, a dirección do centro poida autorizar solicitudes fóra do prazo establecido sempre que existan prazas dispoñibles nos grupos autorizados.

Artigo 6º

Os alumnos que opten polo bacharelato a distancia deberán formalizar unha única matrícula e poderán

matricularse do número de materias que desexen de primeiro ou segundo cursos, segundo os seus intereses e sempre que non sexan de contidos progresivos.

Artigo 7º

O alumnado conformará o seu propio itinerario académico e poderá matricularse de calquera das materias establecidas no anexo para as modalidades autorizadas. En todo caso, respectarase unha das modalidades elixidas.

Artigo 8º

Os alumnos matriculados en bacharelato a distancia serán considerados alumnos oficiais, polo que terán acceso ós servicios e instalacións do centro en que estean matriculados.

Artigo 9º

O alumno que proceda do réxime de bacharelato presencial poderá incorporarse a estas ensinanzas de bacharelato a distancia sen necesidade de matricularse novamente das materias superadas. Considérase como materias aprobadas aquelas que o están soamente no último ano que realizou os estudios, no caso de repetición.

Artigo 10º

Os alumnos que sigan ensinanzas de bacharelato a distancia, para o acceso á universidade, terán as mesmas condicións cos do ensino presencial.

Artigo 11º

O profesorado encargado das ensinanzas de bacharelato a distancia estará constituído por profesores de educación secundaria, segundo o establecido no Decreto 88/1999 (DOG do 13 de abril), polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros.

Artigo 12º

O Plan Anual de Formación do Profesorado ofertará ó profesorado que imparta estas ensinanzas por primeira vez en réxime de distancia unha formación específica na que se tratarán distintos aspectos relacionados coa educación de persoas adultas e coa modalidade de educación a distancia.

Artigo 13º

Cada profesor que imparta bacharelato a distancia, na materia da súa especialidade ou afíns, prestará o apoio titorial e pedagóxico ó alumnado asignado, independentemente da localidade onde resida.

Artigo 14º

Ó inicio do curso establecerase o horario xeral do centro e individual do profesorado, que terá que aproba-la Inspección Educativa.

Artigo 15º

O horario de atención titorial individual e colectiva de cada profesor entregaráselle ó alumno ó realiza-la matrícula, co fin de facilitarlle a configuración do itinerario formativo.

Artigo 16º

A titoría individual poderá ser telefónica, telemática, por correspondencia e presencial. Para o apoio da titoría individual programaranse as actividades, que será necesario remitir ó titor de forma quincenal.

Artigo 17º

Para cada unha das materias haberá unha titoría colectiva ó inicio do curso e antes de cada avaliación parcial.

Artigo 18º

A participación na atención titorial individual de forma telemática, telefónica ou por correspondencia é obrigatoria.

Artigo 19º

Cada profesor responsable da súa materia, de acordo cos criterios pedagóxicos establecidos, planificará na programación anual os prazos de entrega de actividades formativas e atención titorial individualizada de forma quincenal.

Artigo 20º

Ó inicio do curso, na titoría colectiva e de acordo coa programación anual, faranse públicos a programación de actividades, os prazos de entrega, horarios de titorías tanto individuais como colectivas, o calendario de avaliacións e canta información poida ser de interese xeral para o alumno.

Artigo 21º

Os alumnos non estarán sometidos á limitación temporal establecida no artigo 10.4º do Real decreto 178/1992, de ensinanzas mínimas de bacharelato.

Artigo 22º

As persoas adultas poderán incorporarse desde o réxime de distancia establecido nesta orde para o bacharelato a calquera outro réxime destas ensinanzas. Así mesmo, poderán incorporarse procedentes de calquera outro réxime ó réxime de distancia establecido na presente orde, respectando, en todo caso, as condicións seguintes:

a) Ós alumnos que se incorporen ó bacharelato a distancia procedentes do sistema ordinario, o primeiro ano que se matriculen nestas ensinanzas para as persoas adultas, seranlles de aplicación o artigo 6 e o artigo 7 da Orde do 1 de marzo de 1995 (DOG do 9 de maio).

b) No caso de que non se imparta no centro algunha materia propia de modalidade ou optativa que o

alumno tivera avaliada negativamente no réxime de escolarización do que procede, deberá substituíla por outra equivalente das que aparecen no anexo desta orde.

c) Os alumnos que desde as ensinanzas de bacharelato a distancia se incorporen ó sistema ordinario farano nas condicións de promoción deste último, establecidas na Orde do 1 de marzo de 1995 (DOG do 9 de maio). En todo caso, no primeiro ano non será necesario volver a cursa-las materias aprobadas.

Artigo 23º

No expediente académico e no libro de cualificacións do alumno estenderase dilixencia, asinada polo secretario e visada polo director, facendo constar que o alumno efectuou o cambio de modalidade de ensino de acordo co previsto na presente orde.

Artigo 24º

A avaliación dos alumnos e a prelación entre materias será de acordo co disposto nas normas que as regulan con carácter xeral e nas específicas para os estudios de bacharelato, salvo nos aspectos relativos ás particularidades do réxime de distancia: a imposibilidade de levar a cabo a avaliación continua nas mesmas condicións que no réxime ordinario, a ausencia de límite temporal de permanencia e os efectos derivados da facultade do alumno de matricularse das materias que desexe.

Artigo 25º

O referente para avalia-las aprendizaxes do alumnado serán os obxectivos educativos de cada unha das materias, así como os criterios de avaliación que, para cada materia, estableza o proxecto curricular de centro. Este proxecto deberá axustarse ó establecido no Decreto 275/1994, do 29 de xullo.

Artigo 26º

Para cada materia haberá ó longo do curso tres probas trimestrais que serán presenciais e escritas, así como dúas probas finais, unha en xuño e outra en setembro, que abranguerán toda a materia estudiada.

Artigo 27º

De acordo co establecido no artigo 10.5º do Real decreto 1178/1992, no que respecta á promoción terase en conta o seguinte: os alumnos que opten polo bacharelato a distancia poderán matricularse do número de materias que desexen do primeiro e segundo cursos. Non obstante, e sen prexuízo do anterior, cando se trate de materias da mesma denominación ou materias vinculadas, será requisito indispensable ter obtido avaliación positiva na materia do nivel anterior para poder supera-la seguinte.

Artigo 28º

As materias en que o alumnado obteña cualificación positiva consideraranse definitivamente superadas. A este respecto, os alumnos e alumnas que se incorporen ós estudios de bacharelato a distancia procedentes doutras comunidades autónomas, para obteren o título de bacharel, deberán completa-lo número de materias comúns, propias de modalidade e optativas que correspondan á modalidade e opción elixidas.

Artigo 29º

Para as posibles reclamacións sobre as cualificacións das convocatorias de xuño e setembro será de aplicación o disposto no Regulamentado para as ensinanzas do bacharelato de réxime ordinario.

Artigo 30º

Os documentos básicos de avaliación son os establecidos pola Orde do 1 de marzo de 1995 (DOG do 9 de maio), pola que se regula a avaliación e a cualificación dos alumnos e das alumnas que cursan o bacharelato.

Artigo 31º

No que atinxe ó libro de cualificacións do bacharelato será de aplicación o disposto no artigo 14 da Orde do 1 de marzo de 1995 (DOG do 9 de maio), a excepción do punto 2, que queda redactado da forma seguinte: no libro de cualificacións recolleranse, se é o caso, a información referida ós cambios de centro, modalidade e materias superadas así como a renuncia á matrícula e/ou solicitude, por parte do alumno, de expedición do título correspondente, unha vez superadas tódalas materias.

Artigo 32º

A formalización dos documentos básicos de avaliación axustarase ás instruccións que a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional dea para o efecto.

Artigo 33º

De acordo co establecido no artigo 27 do Decreto 275/1994, do 29 de xullo, os alumnos e alumnas que acadaran avaliación positiva en tódalas materias dunha modalidade de bacharelato poderán recibi-lo título de bacharel.

Artigo 34º

O título de bacharel será único, e no seu texto deberá consta-la modalidade de bacharelato cursada e a cualificación media obtida.

Artigo 35º

En consecuencia co establecido no artigo anterior, para obte-lo título de bacharel, os alumnos que rea

lizaron a matrícula por materias deberán ter superado as materias comúns, seis materias propias dunha modalidade e tres materias optativas.

Artigo 36º

O centro educativo en que os alumnos ou alumnas finalicen os seus estudios de bacharelato a distancia para persoas adultas proporaos para a obtención do título de bacharel, de acordo co que se establece na norma que regula a obtención e expedición dos títulos non universitarios.

Artigo 37º

A coordinación, seguimento, control e avaliación da experimentación á que se refire esta orde corresponderá a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional quen, a través da Subdirección Xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos e a Inspección Central, constituirá os equipos de apoio, organizará cantas xornadas de estudio, preparación e seguimento coide oportunas.

Artigo 38º

Ó remate da experiencia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, despois de recibidos os informes da Inspección Central e da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, proporá a continuidade da oferta educativa coas modificacións que no seu momento se establezan.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas todas aquelas ordes e disposicións que se opoñan ó cumprimento desta orde.

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Directora xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional.

Director xeral de Centros e Inspección Educativa.

Director xeral de Persoal.