Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Luns, 10 de setembro de 2001 Páx. 12.048

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 agosto de 2001 pola que se fai pública a lista dos opositores seleccionados no proceso selectivo convocado pola Orde do 8 de marzo de 2001 (Diario Oficial de Galicia do 12), para ingreso no corpo de mestres en expectativa de ingreso na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a adquisición de novas especialidades.

De conformidade co disposto no punto 50 da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 8 de marzo de 2001 (DOG do 12) os órganos de selección remitiron á Dirección Xeral de Persoal a relación de aspirantes seleccionados, por orde de

puntuación, e á vista da dita relación, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Facer pública, no anexo I que se xunta, por especialidades e número de orde nesa especialidade, a relación dos aspirantes seleccionados no proceso selectivo para ingreso no corpo de mestres.

Segundo.- Facer pública, no anexo II que se xunta, por especilidades, a relación de aspirantes que acadaron unha nova especialidade.

Terceiro.-Os destinos que obteñan os opositores que se relacionan no anexo I desta orde terán carácter provisorio, e estarán obrigados a participar, no seu momento, nos seguintes concursos de traslados que se convoquen ata obteren destino definitivo dentro do ámbito de xestión directa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Cuarto.-Os que, por estaren cumprindo o servicio militar ou por outra causa e que, a xuízo da Dirección Xeral de Persoal, necesiten aprazamento da súa incorporación á fase de prácticas, unha vez que sexan chamados, deberán solicitalo por escrito perante a Dirección Xeral de Persoal xuntando os documentos xustificativos.

Quinto.-Os opositores seleccionados, relacionados no anexo I, deberán presentar ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a documentación que se relaciona no punto 55 da Orde do 8 de marzo de 2001 (DOG do 12), no prazo de 20 días naturais contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde.

Sexto.-Entenderase que renuncian ó procedemento selectivo os opositores relacionados que non se incorporen ó destino obtido no prazo de 5 días, unha vez coñecido.

Sétimo.-Os participantes neste procedemento selectivo poderán retira-la documentación presentada, eles mesmos ou por medio de persoa autorizada, no Servicio do Profesorado de Educación Infantil e Primaria desta consellería (San Caetano-Santiago de Compostela), no prazo dun mes contado a partir de transcorridos dous meses desde a publicación da presente orde.

Oitavo.-A Dirección Xeral de Persoal adoptará tódalas medidas que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria