Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 07 de setembro de 2001 Páx. 11.996

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 1 agosto de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza a instalación da planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Bioetanol Galicia, S.A., no municipio de Curtis (A Coruña) e se inclúe esta no réxime especial de producción de enerxía eléctrica. (Expediente IN617A 00/844-1).

Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa Bioetanol Galicia, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en Paseo da Gándara, nave 8, Coruxo, Vigo (Pontevedra), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data 28 de novembro de 1997, a Dirección Xeral de Industria resolveu incluír no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, a unha instalación de coxeración que a empresa Bioetanol Galicia, S.A. tiña previsto instalar no municipio do Porriño (Pontevedra).

Segundo.-Con data 22 de outubro de 1999, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental dictou a declaración de impacto ambiental do proxecto denominado Planta de Bioetanol Galicia en Teixeiro, situada no concello de Curtis (A Coruña), promovido por Bioetanol Galicia, S.A.

Terceiro.-Con data 27 de decembro de 2000, a citada empresa solicitou a autorización administrativa dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica, nas instalacións de Bioetanol Galicia, S.A., no polígono de Teixeiro, Curtis (A Coruña), e o recoñecemento do réxime especial de producción eléctrica para esta nova localización. Coa dita solicitude vai o preceptivo anteproxecto das instalacións e o resto da documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía.

Cuarto.-As características básicas da planta de coxeración serán as seguintes:

-Un grupo turboxerador alimentado a gas natural cun alternador síncrono de 24.800 kVA, tensión de xeración 11 kV.

-Transformador de 25.000 kVA e de relación de transformación 11/66 kV.

-Liña eléctrica subterránea de 66 kV desde a subestación de Bioetanol ata a subestación de Teixeiro de Unión Fenosa Distribución, S.A.

-Instalacións de aproveitamento térmico con caldeira de recuperación de calor do tipo de circulación natural.

-Instalacións de distribución eléctrica en baixa tensión, regulación, control e interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora.

Quinto.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña dictou Resolución de 21 de marzo de 2001 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no BOP da Coruña do 14 de abril de 2001 e no DOG de 30 de abril de 2001, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso alegación ningunha.

Sexto.-O proxecto conta con informe favorable da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña.

Sétimo.-No expediente consta documentación xustificativa do cambio de localización, na que se indica que as características técnicas da instalación son idénticas ás do proxecto inicial, cumpríndose os requisitos necesarios para a súa inclusión no réxime especial regulado polo Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e no Decreto 99/1998, do 26 de marzo, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-O proxecto, visado polo Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI, foi redactado conforme o esixido polos artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e coas demais disposicións que lle son de aplicación.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Autoriza-la instalación da planta de coxeración á empresa Bioetanol Galicia, S.A., que se situará nas súas instalacións de Teixeiro, Curtis, na provincia da Coruña.

-Recoñecerlle á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2818/1998 e incluíla no grupo a.1 do artigo 2 do dito real decreto.

Calquera modificación das instalacións autorizadas requirirá unha nova solicitude de autorización administrativa, de acordo co indicado no artigo 17.4º do Real decreto 1775/1967, do 22 de xullo, que fixa o réxime de instalación, ampliación e traslado das industrias en xeral.

O promotor presentará ante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, o cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria