Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 07 de setembro de 2001 Páx. 11.977

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2001, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Servimgal, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico da empresa Servimgal, S.L., (código de convenio nº 8200632), que se suscribiu coa data do 25 de maio de 2001, entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2001.

José Vázquez Portomeñe

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio Servimgal, S.L. 2001

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Partes contratantes.

O presente convenio colectivo foi negociado e subscrito pola empresa Servimgal, S.L. e os seus delegado s de persoal co ámbito territorial e persoal que máis abaixo se indica.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial do convenio é o dos centros de traballo da empresa Servimgal, S.L., existentes na actualidade e os que se poidan crear.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O convenio afecta á totalidade do persoal de lavandería pertencente ó cadro de persoal da empresa, coas excepcións que a normativa vixente prevé.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

O convenio entrará en vigor o día da súa sinatura sen prexuízo do cal as condicións económicas serán aplicadas a partir do 1 de xaneiro de 2001.

Terá unha vixencia dun ano e expirará o 31 de decembro de 2001.

Artigo 5º.-Prórroga e denuncia.

Este convenio quedará automaticamente denunciado dous meses antes do seu vencemento. Non obstante, subsistirán os seus preceptos ata a entrada en vigor do que o substitúa.

Artigo 6º.-Condicións e compensación de melloras.

As condicións contidas neste convenio colectivo establécense con carácter de mínimas.

Tódalas melloras que se implanten por normas legais ou outras, serán compensables e absorbibles ata onde alcancen, cos aumentos e melloras existentes ou que poidan establecerse no futuro, sempre que en cómputo anual a suma das condicións do convenio sexan máis beneficiosas.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

De acordo coa lexislación vixente, crearase unha comisión paritaria para a interpretación do convido, composta por tres membros en representación dos traballadores e tres da empresa.

A propia comisión establecerá as normas de funcionamento.

Persoal.

Artigo 8º.-Cadros de persoal.

A empresa dará a coñecer no transcurso do mes de febreiro de cada ano un rexistro do persoal ó seu servicio ordenado polo seu número e facendo consta-los seguintes datos: nome e número do traballador, categoría laboral e a sua antigüidade nela, profesión ou oficio e servicio no que traballa.

Estes datos referiranse á situación laboral e profesional dos traballadores o 1 de xaneiro de cada ano de publicación no rexistro.

Artigo 9º.-Categorías.

Encargado xeral.

Técnico grao medio.

Responsable de equipo.

Oficial administrativo.

Auxiliar administrativo.

Oficial 1ª lavandería.

Oficial 2ª lavandería.

Especialista, conductor, lavandeiro.

Axudante lavandería.

Sereno.

Artigo 10º.-Mobilidade funcional.

A empresa, en caso de necesidade xustificada, pode encomendar tarefas correspondentes a categoría inferior a aquela pola que está contratado o traballador, limitándoa temporalmente; neste caso o traballador recibirá a retribución correspondente á categoría pola que está contratado. En todo caso, a empresa non poderá encomenda-la realización das tarefas descritas por un prazo superior a tres meses con excepción de causas xustificadas.

Se se lle encomendase ó traballador o desempeño de funcións correspondentes a categorías superiores, percibirá o salario correspondente á categoría na cal realice as súas funcións. Transcorridos seis meses desde que comezou o desempeño de tales funcións consolidarase o ascenso para tódolos efectos a excepción daqueles que estiveran realizando substitucións.

Artigo 11º.-Formación.

Constituirase unha comisión de formación, composta por un delegado do persoal e un membro da dirección.

Facer un estudio de necesidades. Os delegados deberán realizar un informe anual do estudio de necesidades da empresa, co fin de detectar qué for

mación se necesita e qué tipo de curso se debe realizar.

Unha vez detectadas as necesidades e definidos os cursos que se deberán impartir, elaborarase un informe determinando o nivel de prioridades deles e por grupo de necesidades, que se presentará á empresa quen decidirá sobre a súa viabilidade.

Artigo 12º.-Ascensos.

Tódalas vacantes que se produzan na empresa cubriranse en primeiro lugar mediante o sistema de ascensos, cos criterios que se marquen.

Os delegados de persoal deberán participar no concurso para cubri-las vacantes por ascensos, tanto no proceso de valoración dos méritos e probas como na cualificación destas. Un dos méritos será respecta-la antigüidade dos traballadores que se presenten.

Artigo 13º.-Persoal de novo ingreso (período de proba).

Ó persoal de novo ingreso faráselle un contrato de traballo por escrito, debendo quedar no seu poder unha copia del.

Os períodos de proba para o persoal de novo ingreso serán os seguintes:

-Persoal técnico: 2 meses.

-Persoal administrativo e de recibo e entrega: 15 días.

-Persoal subalterno: 15 días.

-Persoal restante: 15 días.

Artigo 14º.-Contratación de novo persoal e medidas de fomento de emprego.

A empresa comunicará ós representantes dos traballadores, con suficiente antelación, a súa intención de contratar novo persoal, sexa eventual ou fixo, para efectos de que, en igualdade de condicións se lles poida dar preferencia ós familiares dos traballadores.

Co fin de fomenta-la contratación e debido ós límites a esta impostos a causa das últimas modificacións lexislativas, as partes acordan que a duración máxima do contrato eventual por circunstancias da producción será de doce meses nun período de quince meses.

Réxime de traballo.

Artigo 15º.-Xornada.

Establécese que a xornada será a mesma en días laborables e horas efectivas de traballo para todo o persoal.

O número de horas será de 40 semanais, coas horas de descanso que establece a lei.

Sempre que se poida realizarase a xornada continua, mediando entre xornada e xornada 12 horas ininterrompidas de descanso.

En caso de xornada continua terase dereito a un descanso para bocadillo de 30 minutos, que serán contabilizados como xornada efectiva.

A xornada de traballo estará abranguida entre luns e domingos e con dúas quendas rotativas e un día e medio de descanso semanal ininterrompido. O cadro horario confeccionarase nos primeiros días de xaneiro, coa conformidade dos delegados dos traballadores.

Artigo 16º.-Traballo nocturno.

As horas traballadas durante o período abranguido entre as dez da noite e as seis da mañá terán unha retribución específica incrementada nun 30 por 100 sobre o salario base de cada traballador, que se percibirá sobre as horas efectivas traballadas.

Para cubri-las necesidades da quenda de noite recorrerase preferentemente a persoal voluntario.

Artigo 17º.-Vacacións.

O período de vacacións será do mes natural no que se desfrute.

O calendario onde consten as vacacións do persoal laboral fixarase antes do 31 de marzo, elaborándose de mutuo acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores, sendo estas obligatoriamente rotativas.

Se ó inicio das vacacións un traballador estivese de baixa por accidente de traballo, enfermidade grave ou enfermidade con hospitalización, entendendo esta dentro do período de baixa, terá dereito ó desfrute delas ó mes seguinte da sua incorporación ó traballo.

As vacacións desfrutaranse no período abranguido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, ambos inclusive.

Os traballadores que desfruten as súas vacacións por necesidade da empresa nun mes distinto ós abranguidos no período descrito terán dereito a unha bolsa de vacacións, cun importe mínimo que se fixa en 15.000 pesetas.

Artigo 18º.-Licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración polo tempo e os motivos seguintes:

Casamento: 16 días naturais.

Nacemento fillo ou adopción legal: 3 días laborables que se poderán desfrutar dentro dos sete días seguintes ó parto No caso de necesidade de desprazamento a distancia superior á da provincia serán: 4 días laborais.

Falecemento:

-De pais, fillos o cónxuxe do traballador: 4 días naturais.

-De avós, netos e irmáns do traballador: 3 días naturais.

-De país, avós, netos e irmáns do cónxuxe: 2 días naturais.

-De país, avós, netos e irmáns do conxuxe con convivencia: 3 días naturais.

-Tíos naturais ou políticos con convivencia: 1 día natural.

Se existe necesidade de desprazamento a distancia superior á da provincia, corresponderán 2 días naturais máis.

Para efectos de cómputo dos días de permiso por falecemento, considerarase que:

-Computarase como de permiso o día do falecemento se este se producise antes de transcorrida a metade da xornada laborable do traballador.

-Se o falecemento se produce en día non laborable para o traballador, computarase como día de permiso no caso de que o falecemento tivese lugar antes das 12 horas.

Enfermidade grave, hospitalización ou operación cirúrxica con anestesia total:

-De pais, fillos e cónxuxe do traballador, ou políticos: 3 días naturais. En caso de necesidade de desprazamento a distancia superior á da provincia, corresponderá: 2 días máis.

-De avós, netos e irmáns do traballador, ou políticos: 2 días naturais.

-Operación cirúrxica leve ou sen anestesia total con convivencia: o tempo desta, sexa cal sexa a operación.

Nestes últimos casos, se existe necesidade de desprazamento a distancia superior á da provincia corresponderán: 2 días naturais máis.

A referencia a cónxuxe nos permisos antes citados, faise extensiva á persoa que conviva maritalmente co traballador, que acredite a súa situación de convivencia mediante certificado do concello, libro de familia ou documento substitutorio.

Casamento:

-De pais, fillos, irmáns e netos tanto naturais como políticos: 1 día natural.

En caso de que houbera desprazamento: 2 días naturais.

Traslado de domicilio: 2 días naturais.

Cumprimento de deber público: polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable

de carácter público e persoal, con posterior xustificación.

Exames:

-Os traballadores matriculados en centros oficiais ou recoñecidos polo MEC, que cursen con regularidade estudios para a obtención dun título académico ou profesional, a teor da Lei xeral de educación, terán dereito ós permisos necesarios para concorrer ós exames correspondentes.

Asuntos propios: 3 días naturais.

Artigo 19º.-Excedencias.

1. O traballador con polo menos unha antigüidade na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia coa conservación do posto de traballo por prazo non menor dun ano e non maior de tres. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

2. Para cursar estudios por tempo superior a 1 ano e inferior a 5 anos. Este período só poderá ser desfrutado outra vez polo traballador, se transcorreron 4 anos desde o final doutra excedencia, xa sexa voluntaria ou especial.

3. Cando concorran circunstancias de enfermidade grave de longa duración ou defunción do cónxuxe ou familiares abranguidos no 1º grao de consanguinidade e se acredite a necesidade de atender persoalmente as consecuencias derivadas daquelas situacións. Esta excedencia non será inferior a 3 meses nin superior a 1 ano.

4. Cando o cónxuxe sexa trasladado por razóns laborais a un centro de traballo fora da provincia onde o traballador preste os seus servicios. Esta excedencia non poderá ser inferior a 6 meses nin superior a 2 anos.

5. Cando opten por seguir un tratamento baixo vixilancia médica por razóns de alcoholemia ou toxicomanía, esta excedencia non poderá ser superior a 1 año e só poderá solicitarse unha vez. Para reintegrarse deberá acreditarse ó rigoroso seguimento do tratamento.

As excedencias citadas non computarán ningunha antigüidade.

A comunicación para reintegrarse á empresa deberá formularse por escrito e cun mes de antelación á data do remate da excedencia.

Artigo 20º.-Excedencia para o coidado dos fillos.

Os traballadores fixos con polo menos un ano de antigüidade, terán dereito a solicitar unha excedencia especial, con reserva do posto de traballo, para o coidado persoal e directo dos fillos menores de 4 anos, tanto cando o sexa por natureza como por adopción.

Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito. A dita situación de excedencia non poderá exceder de tres anos.

Réxime de retribucións.

Artigo 21º.-Retribucións.

As retribucións entenderanse sobre xornada completa, realizándose o aboamento por meses dentro dos 3 primeiros días do mes seguinte como máximo.

As retribucións para o ano 2001 fíxanse na táboa anexa.

O traballador terá dereito a percibir anticipos á conta do traballo realizado e ata o 90% da retribución devengada.

Dentro do salario, para efectos de definición, distinguiranse os seguintes conceptos remunerativos:

a) Soldo base: cantidade mínima diaria garantida ó traballador que efectúe o seu traballo co rendemento normal segundo queda definido no presente convenio.

b) Soldo: cantidade mínima mensual garantida ó traballador que preste o seu traballo polo rendemento normal, segundo queda definido no presente convenio.

c) Xornal: importe total das retribucións que por calquera concepto perciba o traballador.

d) Pluses: entenderanse por tales as cantidades de diñeiro que estableza a empresa para cubri-los postos de traballo que se realizan e que marca este convenio.

Artigo 22º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores percibirán dúas gratificacións extraordinarias, que se aboarán nos meses de xuño e decembro, con anterioridade ó día 30 de xuño e 15 de decembro. O importe de cada unha das pagas será dunha mensualidade de salario base convenio e complemento de antigüidade, aplicando o que corresponda a cada un dos niveis. Estas pagas percibiranse íntegras independentemente que o traballador estivera en situación de IT en calquera das súas modalidades durante o seu período de devengo.

Artigo 23º.-Complementos.

Antigüidade: todo o persoal afectado por este convenio percibirá en concepto de antigüidade un importe do 4% do seu salario base por cada trienio cumprido.

Transporte: fíxase un complemento de transporte na contía de 12.000 pesetas, que será igual para tódalas categorías e aboarase nas doce mensualidades.

Festividade: fíxase un complemento de festividade na contía de 1.500 pesetas por cada día traballado dos 14 festivos do ano.

Artigo 24º.-Horas extraordinarias.

O pagamento da hora extraordinaria normal será de 700 pesetas/hora, nocturnas 950 pesetas/hora, festivos 1.150 pesetas/hora.

As horas nocturnas consideraranse a partir das 23 h ata as 7 h.

Os representantes dos traballadores recibirán periodicamente información do número de horas realizadas por traballador e por departamento.

Artigo 25º.-Adaptación do persoal con capacidade diminuída.

O persoal que por deficiencia das súas condicións físicas ou por outras circunstancias non estea en situación de dar rendemento normal na súa categoría, pasará a outro traballo e respectaráselle o salario que tivese acreditado antes de pasar a esta situación.

Artigo 26º.-Incapacidade transitoria.

1. Nos períodos de baixa por accidente de traballo, hospitalización e convalecencia, o traballador terá dereito a que a empresa complete ó seu cargo exclusivo as prestacións da Seguridade Social, de forma que o traballador perciba durante os días de baixa o 100% do salario máis a antigüidade, complemento transporte, complemento de penosidade, especial, de responsabilidade e nocturnidade.

2. Nos supostos de IT por enfermidade común ou accidente non laboral a empresa completará o 100% do salario máis a antigüidade a partir do día 20 da baixa.

Estas compensacións salariais serán efectivas tanto se o traballador é substituído como se non o é.

Melloras sociais.

Artígo 27º.-Seguros.

Contratarase un seguro colectivo de vida con cargo á empresa, e que abrangue a todo o persoal dela. O capital asegurado será:

a) Morte por accidente incluído en itínere: 2.500.000 pesetas.

b) Invalidez permanete absoluta derivada de enfermidade profesional: 3.000.000 de pesetas.

g) Grande invalidez: aboamento do capital asegurado derivado de enfermidade profesional: 3.000.000 de pesetas.

Artigo 28º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitaralle ó persoal a correspondente roupa de traballo. Serán entregados dous equipos completos ó ano, con calzado incluído.

Artigo 29º.-Recoñecementos médicos.

Todo o persoal someterase a unha revisión médica e xinecolóxica anual obrigatoria, que será por conta da empresa.

O resultado do dito recoñecemento será entregado a cada traballador.

Artigo 30º.-Saúde laboral.

Nomearase un comité de saúde laboral con tódalas demais normas contidas segundo a Lei 31/1995, de riscos laborais.

Artigo 31º.-Acción sindical.

Os delegados de persoal terán dereito a:

1. Ser informados pola dirección da empresa periodicamente sobre a evolución xeral, situación da producción, programa de producción e evolución probable do emprego.

2. Anualmente coñece-lo balance, a conta de resultados e a memoria.

3. A empresa informará previamente sobre sancións por faltas graves e en especial en supostos de despedimento.

4. A empresa facilitaralles ós delegados de persoal o modelo ou modelos de contrato de traballo que habitualmente utilice, igualmente facilitaralles unha copia básica de tódolos contratos que se realicen.

5. Existirá un taboleiro de anuncios, que porá a empresa, para que os delegados de persoal poidan publicar, inserir, etc.

6. Os representantes dos traballadores deberán emitir informe previo e participar nas seguintes cuestións:

a) Os delegados de persoal non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional por causas ou en razón do desempeño da súa función.

b) Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa representación, podendo publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social, e exercerán tales tarefas de acordo coa normativa legal vixente para o efecto.

Artigo 32º.-Asemblea de traballadores.

Os traballadores terán dereito a reunirse en asemblea unha vez ó mes e por un tempo máximo dunha hora durante a xornada, debendo comunicar á empresa a súa realización cunha antelación de 48 horas, salvo situación de excepción, sempre de mutuo acordo coa empresa.

Artigo 33º.-Vestiarios.

A empresa está obrigada a facilitar unha zona de vestiarios independentemente para homes e mulleres, con duchas e armarios e o que establece a Lei de saúde laboral.

Igualmente, habilitarase unha zona para o descanso do bocadillo e que sirva para realiza-las asembleas.

ANEXO

CATEGORÍAANO 2001

SALARIO

BASE

COMPL.

ESPECIAL.

COMPL.

RESPONS.

COMPL.

PENO./PER.

ENCARGADO/A XERAL112.50016.062

TÉCNICO/A GRAO MEDIO112.500

RESPONSABLE DE EQUIPO91.77215.45010.200

OFICIAL ADMINISTRATIVO/A 94.970

AUXILIAR ADMINISTRATIVO/A80.310

OFICIAL 1ª LAVANDERÍA80.31016.062

OFICIAL 2ª LAVANDERÍA79.310

ESPECIALISTA, CONDUCTOR, LAVANDEIRO/A79.31015.45015.862

AXUDANTE LAVANDERÍA78.000

SERENO/A77.250

En tódalas categorías.

Complemento transporte: 12.000 pesetas.

Complemento festividade: 1.500 pesetas/día festivo.