Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Xoves, 06 de setembro de 2001 Páx. 11.883

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Ángel López Soto, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Ángel López Soto, S.L. (código convenio 1503402) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 19-6-2001, subscrito en representación da parte eco

nómica pola empresa e, da parte social, polo comité de empresa, o día 19-4-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 22 de xuño de 2001.

María Silva Costoya

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa

Ángel López Soto, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O convenio colectivo será de aplicación a tódolos traballadores e traballadoras que presten servicios no centro de traballo, sito en Couso-Aguiño, da empresa Ángel López Soto,S.L.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2001, con independencia da data de publicación no BOP.

De conformidade coa lexislación vixente, este convenio darase por denunciado tres meses antes da data de finalización, comprometéndose ámbalas dúas partes a comeza-los trámites de negociación dun novo convenio a partir da dita data.

A súa duración será de tres anos, rematando a súa vixencia o 31 de decembro de 2003. Entenderase prorrogado tacitamente por anualidades naturais de non mediar denuncia expresa das partes.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións persoais que sexan máis beneficiosas cás establecidas neste convenio colectivo e que de forma individual puidesen goza-los traballadores e traballadoras desta empresa.

Artigo 4º.-Retribucións salariais.

Os soldos e salarios correspondentes para o primeiro ano de vixencia do convenio son os que figuran na táboa salarial anexa e supoñen un incremento respecto dos vixentes o 31-12-2000 do 6%. Os incrementos de salarios pactados serán igualmente de aplicación a todos aqueles traballadores que gocen de condicións retributivas que superen as establecidas na táboa salarial anexa, non podendo ser, por tanto, absorbida polo dito incremento.

Artigo 5º.-Revisións salariais.

Para o segundo ano de vixencia, incrementarase a táboa vixente o 31-12-2001, no IPC rexistrado o 31-12-2001 respecto ó 31-12-2000, máis dous puntos.

Para o terceiro ano de vixencia do convenio, incrementarase a táboa vixente o 31-12-2002, no IPC rexistrado o 31-12-2002 respecto ó 31-12-2001, máis dous puntos.

No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro do ano 2003, un incremento respecto ó 31 de decembro do ano 2002, superior ó % pactado para o terceiro ano de vixencia, o dito exceso servirá de base para a elaboración da táboa salarial do ano 2004 (1-1-2004 ó 31-12-2004). Para iso, no momento da negociación do convenio colectivo do ano 2004, procederase a cuantifica-lo dito exceso, calculado sobre os salarios utilizados para realiza-los aumentos pactados para o 2003. Á cuantificación do dito exceso, adicionaranse os salarios vixentes o 31 de decembro de 2003 e sobre a cantidade resultante, calcularanse os incrementos salariais para o 2004.

Artigo 6º.-Antigüidade.

Os traballadores/ras percibiran polo concepto de antigüidade un 5% sobre o salario base que corresponda a cada categoría profesional por cada trienio de permanencia ó servicio da empresa.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores e traballadoras teñen dereito a percibir dúas gratificacións extraordinarias ó ano, chamadas extra de verán e extra do Nadal. O importe de cada unha delas será igual a 30 días de salario base máis a antigüidade que corresponda.

Artigo 8º.-Vacacións anuais.

As vacacións anuais para tódolos empregados e empregadas da empresa Ángel López Soto, S.L. serán igual a 30 días naturais e aplicarase o seguinte réxime para o seu gozo:

a) Establecerase un calendario anual dentro do primeiro trimestre do ano entre a dirección da empresa e o comité de empresa.

b) Desfrutaranse 15 días nos meses de xullo, agosto e setembro e outros 15 días en decembro.

c) Os 15 días que se gocen nos meses de xullo a setembro estableceranse por quendas a pedimento dos traballadores e traballadoras, e tendo como límite que non poderán coincidir por quincena máis dunha sexta parte do cadro de persoal.

d) Os 15 días no mes de decembro e posiblemente os primeiros de xaneiro do ano seguinte, gozaraos conxuntamente todo o persoal. Exceptúase desta norma o persoal de mantemento que gozaran das vacacións por acordo coa empresa.

e) De coincidiren máis solicitantes, nalgunha quincena, das que poden realiza-las vacacións conxuntamente, nos meses de xullo a setembro, concederanse en primeiro lugar por orde de antigüidade, despois, por orde alfabética e rotando en anos sucesivos.

f) Calquera excepción ós criterios establecidos anteriormente será atendida na medida das posibilidades pola dirección da empresa, coa comunicación preceptiva ó comité de empresa.

g) As vacacións serán retribuídas a razón de 30 días de salario base que corresponda pola categoría profesional e maila antigüidade correspondente.

Artigo 9º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 8 horas diarias para as traballadoras/res con xornada intensiva, que se realizará de luns a venres; dentro da devandita xornada, terase dereito a 30 minutos para o bocadillo.

Mentres subsista a xornada partida, a xornada laboral será de 8 horas diarias; dentro da dita xornada terán dereito a un descanso de 30 minutos.

Por solicitude dos representantes dos traballadores, a empresa acepta o establecemento dun sistema de traballo continuado (ininterrompido), fixando como data límite para a implantación do dito sistema de traballo o 1 de abril do ano 2002.

Créase unha comisión de dirección e comité de empresa, para o estudio da implantación do dito sistema de traballo.

Establécese a creación dunha cuarta quenda chamada week end, da cal a prestación de traballo só se desenvolve os sábados, domingos, festivos, vacacións e algúns días laborables intersemanais. A implantación da dita quenda levarase a cabo con persoal de nova contratación, ou con persoal que preste servicio actualmente na empresa, adscrito de forma voluntaria á dita quenda. Negociaranse entre o comité de empresa e a dirección as condicións sociolaborais que lles sexan de aplicación.

Artigo 10º.-Horas extraordinarias.

As que sexan imprescindibles aboaranse a razón de 1.100 pesetas/hora para tódalas categorías. As efectuadas en quenda de noite e festivos aboaranse a razón de 1.375 pesetas/hora.

Artigo 11º.-Licencias.

As traballadoras e traballadores terán dereito ó uso de licencias retribuídas, tralo aviso previo e a posterior xustificación, nas seguintes situacións:

a) Matrimonio do traballador ou traballadora: quince días.

b) Tres días naturais no caso de enfermidade grave, ademais dos casos que precisen hospitalización e intervención cirúrxica de pais, pais políticos, cónxuxe ou fillos. Esta licencia de 3 días e nos mesmos casos será aplicable a irmáns ou irmás que convivan no mesmo domicilio có productor.

c) Tres días naturais por nacemento de fillos/as.

d) Cinco días naturais por falecemento do cónxuxe ou fillos/as.

e) Tres días naturais no caso de falecemento de irmáns/ás, netos/as, avós/as, fillos/as políticos e irmáns/ás políticos.

f) Cumprimento dun deber público inescusable establecido polas leis e disposicións en vigor: polo tempo indispensable. Cando conste en norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á compensación económica.

g) Cambio de domicilio: un día.

h) Matrimonio dun fillo ou filla: un día.

i) As traballadoras e traballadores, por lactación dun fillo/a menor de nove meses, terán dereito a unha hora diaria de ausencia ó traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller poderá substituír este dereito pola reducción da xornada nunha hora diaria ó comezo ou ó final desta.

j) Para acudir á consulta médica, 8 horas anuais ampliables a 12 horas no suposto de necesita-la consulta dun médico especialista.

Artigo 12º.-Excedencias.

1. A excedencía poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e ó cómputo da antigüidade durante a súa vixencia, considerarase pola elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reintegro á empresa deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

2. A traballadora ou traballador con, polo menos, unha antigüidade dun ano, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria polo período non inferior a un ano e non superior a cinco. Non se poderá volver exercer este dereito ata despois de catro anos de finaliza-la anterior excedencia.

3. Igualmente poderá goza-la excedencia forzosa os traballadores e traballadoras que exerzan funcións sindicais durante o período que duren estas ou cando así o decida o sindicato ó que pertenza.

4. A traballadora ou traballador excedente voluntario conserva só un dereito preferente para o seu reingreso ó seu posto de traballo, quedando ás expensas de que se produza unha vacante na súa categoría ou similar.

5. As solicitudes deberán ser contestadas nun prazo improrrogable de 15 días, entendéndose que son aceptadas de non recibir contestación.

6. De non se solicita-lo reingreso no prazo establecido, o traballador ou traballadora perderá tódolos dereitos.

Artigo 13º.-Dereitos sindicais.

* Do comité de empresa.

A empresa e a comisión negociadora valoran como necesario reforza-la comunicación entre a dirección da empresa e o comité de empresa. Para tal fin, e ademais dos dereitos recoñecidos na lexislación laboral vixente, articularanse mecanismos de comunicación e relación en tódolos asuntos de interese para as traballadoras e traballadores, tales como:

a) Información previa da decisión de contratar novo persoal, así como o tipo de contratos que pretende realizar e a súa duración estimada.

b) Cambios na organización do traballo que impliquen modificación das condicións de traballo.

c) Valoración mensual das propostas ou opinións que puideran te-los traballadores e traballadoras sobre calquera procedemento productivo ou doutro tipo.

d) Condicionado da póliza de accidentes de traballo e enfermidades profesionais e a mutua coa que ten concertada a dita cobertura.

e) Compromiso de solicita-lo informe preceptivo do comité de empresa en relación co cambio de mutua de accidentes laborais e enfermidades profesionais previo a concertar con esta a cobertura por incapacidade temporal derivada de enfermidade común.

* Dos dereitos á afiliación sindical.

A empresa recoñece o dereito de tódalas traballadoras e tódolos traballadores a afiliarse ó sindicato da súa preferencia, e non se exercerá acción ningunha que directa ou indirectamente puidese menoscaba-la afiliación sindical.

A empresa recoñece o dereito de tódalas traballadoras e traballadores a que lles sexa descontada da nómina mensual de salarios o importe da súa afiliación sindical, trala orde previa comunicada por escrito por parte do traballador ou traballadora.

Artigo 14º.-Incapacidade temporal.

As prestacións por incapacidade temporal derivada de accidente laboral, ocorrido no centro de traballo ou en desprazamentos a outros centros ou lugares de traballo ou deses centros alleos ós respectivos domicilios, será igual ó cen por cento do salario que lle corresponda traballando normalmente. Estas retribucións percibiranse desde o primeiro día de baixa.

Artigo 15º.-Complemento de nocturnidade.

As traballadoras e traballadores que realicen a súa xornada laboral das 10 da noite ás 6 da mañá percibirán, en concepto de complemento de nocturnidade, o 25% sobre o salario base que corresponda á súa categoría profesional. O dito comple

mento percibirase en proporción ás horas ou días traballados.

Artigo 16º.-Complemento de penosidade.

As traballadoras e traballadores que desempeñen o seu traballo en cámaras frigoríficas e de conxelación de forma habitual, continua ou discontinua, soportando temperaturas entre -18º C ou inferiores, percibirán un complemento igual ó 25% sobre o seu salario base e categoría, polo tempo traballado nesas condicións.

Artigo 17º.-Complemento de distancia.

As traballadoras e traballadores manterán e consolidarán os importes a que tiveran dereito o 30 de setembro de 1998.

Os importes manteranse invariables polo tempo indefinido como un complemento retributivo ad personam, non sufrirán modificacións en ningún sentido, extinguíndose xuntamente coa finalización do contrato do traballador ou traballadora afectado coa empresa.

Artigo 18º.-Complemento de actividade.

Todo o persoal que faga tarefas de pelado ou serra de corte percibirá un complemento mensual que se denominará complemento de perigosidade (antigo complemento de actividade) por un importe de 4.000 pesetas para o primeiro ano de vixencia do convenio. Sendo o seu importe de 4.500 y 5.000 pesetas mensuais, para o segundo e terceiro ano de vixencia, respectivamente.

Artigo 19º.-Seguridade e hixiene no traballo.

Dentro da vontade manifestada por ámbalas partes de mellora-las condicións de traballo para evitar enfermidades ou accidentes evitables, así como de aumenta-la eficiencia productiva e reduci-lo absentismo laboral, acórdase:

a) Aplica-la Lei de prevención de riscos laborais e, en particular, a elaboración dun mapa de riscos laborais na empresa.

b) Fomenta-la formación neste campo para que as actitudes de risco se reduzan ó máximo.

c) Realiza-los cambios precisos nas instalacións, etc., que se constaten como elementos de risco.

d) Activa-lo comité de prevención de riscos laborais.

e) Realizar xuntanzas mensuais de forma ordinaria e de forma extraordinaria por requirimento de calquera das partes.

f) A empresa entregará un informe anual sobre sinistrabilidade así como da súa casuística.

Artigo 20º.-Réxime contractual de aplicación.

As partes asinantes deste convenio colectivo manifestan a vontade de establece-la maior estabilidade no emprego en beneficio da maior eficacia productiva e seguridade do persoal traballador, con este fin acordan:

1. A empresa asume que a composición do cadro de persoal ó final da vixencia deste convenio colec

tivo quede establecida nunha relación, como mínimo, dun 70% de traballadoras e traballadores fixos e un máximo dun 30% de persoas sometidas a contratación temporal.

2. Os contratos temporais motivados pola fluctuación da carteira de pedidos e tamén para cubrir ausencias por vacacións, así como para a realización de liñas de producción estacionais terán unha duración máxima de 6 meses dentro dun período de 12 meses; de acordo co establecido no artigo 15.1º b) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e mailas disposicións de desenvolvemento.

No caso de se concertar por período inferior a 6 meses, poderá ser prorrogado por acordo entre as partes, sen que a duración total do contrato poida ser superior ó máximo establecido.

Artigo 21º.-Réxime disciplinario.

1. Concepto de infracción e facultade disciplinaria. Son infraccións, as accións ou omisións do persoal que supoñan un incumprimento dos deberes laborais nos termos establecidos neste artigo.

A empresa poderá sanciona-las accións ou omisións das traballadoras ou traballadores que supoñan incumprimentos laborais, de acordo coa gradación das faltas e sancións establecidas nos puntos seguintes:

2. Gradación das faltas. Toda falta cometida pola traballadora ou traballador clasificarase segundo a súa importancia, trascendencia e intención en leve, grave e moi grave.

3. Faltas leves. Considéranse faltas leves as seguintes:

a) Dunha a tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo sen a debida xustificación, no período dun mes.

b) Non comunicar previamente ou, de se-lo caso, dentro das 24 horas seguintes á falta, agás no caso de forza maior, a razón da non asistencia ó traballo, non sendo que se aprobe a imposibilidade de facelo.

c) O abandono do servicio ou posto de traballo sen causa xustificada, mesmo por un tempo breve, se como consecuencia desta ausencia se producise un prexuízo de certa consideración para a empresa ou para os compañeiros ou compañeiras de traballo.

d) Os pequenos descoidos na conservación ou mantemento dos equipos e do material de traballo.

e) A non atención ós clientes e provedores coa corrección e a dilixencia debidas.

f) Non lle comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio, sempre que se ocasione algún tipo de conflicto ou prexuízo a terceiros ou á propia empresa.

g) O faltar ó traballo un día ó mes sen causa xustificada.

h) A non comunicación coa puntualidade debida dos datos experimentados na familia que poidan afecta-la Seguridade Social e que teñan efectos tributarios.

i) As que supoñan incumprimentos de mandatos, ordes dun superior no exercicio regulamentario das súas funcións.

j) A falta de asistencia non xustificada a cursos de formación teórica ou práctica, dentro da xornada ordinaria de traballo.

k) Discutir coas compañeiras ou compañeiros, cos clientes ou provedores dentro da xornada de traballo.

4. Faltas graves. Considéranse faltas graves as seguintes:

a) Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo cometidas no período dun mes.

b) A falta de dous ou tres días ó traballo durante un período de 30 días sen causa xustificada. Abondará unha soa falta se for para relevar un compañeiro ou compañeira, ou cando, como consecuencia da ausencia se causase un dano de consideración á empresa.

c) A falsidade na comunicación de datos familiares que puidesen afecta-la Seguridade Social ou á Administración tributaria.

d) Entregarse a xogos durante a xornada de traballo de forma reiterada e causando, con isto, un prexuízo no desenvolvemento laboral.

e) A desobediencia ás ordes ou mandatos dos superiores no exercicio regular das súas funcións, sempre que teñan transcendencia grave para a empresa.

f) A continuada e habitual falta de aseo e limpeza, se for de tal xeito que provoque queixas xustificadas de compañeiras ou compañeiros de traballo.

g) Simular ou suplanta-la presencia doutra persoa no traballo, asinando ou fichando por ela.

h) A neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha deste, tamén terá tal consideración se, froito desta neglixencia, se causase un accidente grave.

i) O realizar, sen o oportuno permiso, traballos particulares dentro da xornada, así como o emprego para usos propios de ferramentas, maquinaria, aparellos ou vehículos da empresa.

j) A reincidencia en falta leve (excluída a puntualidade) aínda que sexa de distinta natureza, dentro do trimestre no que mediou unha sanción escrita.

k) Calquera atentado contra a liberdade sexual das traballadoras ou traballadores por medio de manifestacións de tipo verbal ou física, falta de respecto contra a intimidade ou dignidade da persoa.

5. Faltas moi graves. Considéranse faltas moi graves as seguintes:

a) Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, cometidas no período de seis meses, ou 20 nun ano.

b) As faltas inxustificadas ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos no período dun mes.

c) A fraude, a deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o roubo, tanto a calquera compañeira ou compañeiro de traballo como a calquera persoa dentro das dependencias da empresa ou fóra dela dentro da xornada laboral.

d) A simulación de enfermidade ou accidente. Considerarase que existe falta cando un traballador ou traballadora de baixa realice calquera traballo por conta allea. Tamén será falta calquera traballo por conta propia que se manifesten incompatibles a criterio médico. Terá igualmente tal consideración, toda manipulación tendente a prolonga-la baixa por enfermidade.

e) O abandono do servicio ou do posto de traballo sen causa xustificada, mesmo que sexa por un tempo breve, se como consecuencia desta ausencia se ocasiona un prexuízo á empresa ou as compañeiras e compañeiros de traballo, se puxese en perigo a seguridade ou fora causa de accidente.

f) A embriaguez ou estado derivado do consumo de drogas, sempre que supoña algunha alteración nas facultades físicas ou psicolóxicas no desempeño das súas funcións.

g) A violación da correspondencia e a difusión de datos confidenciais da empresa.

h) A realización de actividades que impliquen competencia desleal coa empresa.

i) Os malos tratos de palabra ou de obra, o abuso de autoridade ou a falta grave de respecto e de consideración ós xefes e ás súas familias, así como a compañeiros e compañeiras subordinados, ós provedores e ós clientes da empresa.

j) A diminución voluntaria non xustificada e avaliable no rendemento no traballo.

k) A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa no período de dous meses e xa fora obxecto de sanción.

l) A desobediencia ás ordes e mandatos dos superiores en calquera materia de traballo, se implicase quebrantamento manifesto da disciplina e disto derivara prexuízo evidente para a empresa ou para os compañeiros e compañeiras de traballo. Terán a consideración de abuso de autoridade os actos arbitrarios realizados con infracción manifesta e deliberada dos preceptos legais e con prexuízo para as traballadoras e traballadores realizados por directivos, xefes e mandos intermedios.

m) Os atentados contra a liberdade sexual das traballadoras e traballadores que se produzan valéndose da superioridade laboral ou se exerzan sobre persoas especialmente vulnerables pola súa situación persoal ou laboral.

6. Réxime de sancións. Correspóndelle á empresa e mais ós seus representantes, no exercicio das facultades de dirección, impoñeren sancións nos termos recollidos no presente artigo.

As sancións das faltas requirirán a comunicación escrita ó traballador ou traballadora, onde constarán a data e mailos feitos que a motivan.

A empresa informará á representación legal dos traballadores e traballadoras de toda sanción por falta grave ou moi grave que se impoña.

Unha vez imposta a sanción, o cumprimento desta poderase dilatar ata un máximo de 60 días despois da data da súa imposición ou firmeza.

7. Sancións. As sancións máximas que se poderán impoñer a quen incorra en faltas leves, graves ou moi graves serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación por escrito.

b) Por faltas graves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo de dous a vinte días.

c) Por faltas moi graves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo de vinte a sesenta días.

-Despedimento.

8. Prescrición. Dependendo da súa gradación, as faltas prescriben ós seguintes días:

a) Faltas leves: 10 días.

b) Faltas graves: 20 días.

c) Faltas moi graves: 60 días.

A prescrición das faltas sinaladas empezará a contar a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de se ter cometido.

As traballadoras e traballadores que se consideren inxustamente sancionados, poderán interpoñe-las reclamacións legais ante o Servicio de Mediación, Conciliación e Arbitraxe, así como ante o Xulgado do Social.

Previamente á interposición de reclamacións legais tentarase un acordo.

Artigo 22º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión paritaria encargada de resolve-los problemas de interpretación deste convenio colectivo.

Igualmente, a comisión paritaria encargarase de negociar un cadro de categorías profesionais.

A comisión paritaria estará composta pola comisión negociadora do convenio.

Disposición transitoria

Primeira.-En todo o non regulado no presente convenio colectivo aplicarase a lexislación laboral en vigor, especialmente o Estatuto dos traballadores.

Disposición derradeira

Acórdase remiti-lo texto orixinal do convenio colectivo á Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para o seu rexistro e publicación no BOP e mais no Diario Oficial de Galicia.

Táboas salariais 2001.

CategoríasPesetas

* Persoal de acabado, envasado e empaquetamento

Oficial de primeira100.869

Oficial de segunda93.762

Auxiliar87.877

Aprendiz80.927

* Peonaxe

Peón87.877

Persoal de limpeza87.877

* Subalternos

Almaceneiro96.983

Conserxe94.873

Cobrador94.873

Basculeiro-pesador94.873

Garda xuramentado94.873

Garda vixiante94.873

Ordenanza94.873

Porteiro94.873

Mozo de almacén94.873

* Técnicos titulados

Titulado grao superior138.621

Titulado grao medio127.518

* Técnicos non titulados

Encargado xeral138.621

Xefe de taller138.621

Encargado de sección127.518

Auxiliar de laboratorio96.983

* Oficina técnica de organización

Xefes de organización138.621

Técnico de organización de primeira107.532

Técnico de organización de segunda105.310

Auxiliar de organización96.983

* Técnicos de proceso de datos

Xefe de proceso de datos138.621

Operador de ordenador102.312

* Administrativos

Xefe de administración138.621

Oficial de primeira107.532

Oficial de segunda102.312

Auxiliar96.538

Aspirante80.926

Telefonista87.877

* Mantemento e servicios

Oficial de primeira107.532

Oficial de segunda102.312

Axudante87.877