Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Xoves, 06 de setembro de 2001 Páx. 11.875

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para as empresas do sector do comercio da pel da provincia da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo para as empresas do sector do comercio da pel da provincia da Coruña (código convenio nº 1500315), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 23-5-2001, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios do Comercio de Calzado da Coruña, e, da parte social, por UGT, CIG e CC.OO. o día 26-4-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 20 de xuño de 2001.

María Silva Costoya

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo para as empresas do sector

do comercio da pel da provincia da Coruña

ano 2001

Artigo 1º.-Ámbito funcional e persoal.

O convenio será de aplicación ás empresas dedicadas ó comercio de artigos de pel que se rexan pola ordenanza de traballo para o comercio e a tódolos traballadores a elas afectos.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Será de aplicación obrigatoria en todo o territorio da provincia da Coruña. Aplicarase, así mesmo, ós centros de traballo situados na citada provincia, aín-

da cando as empresas tivesen domicilio social noutras non afectadas, así como ás empresas de nova instalación que estean incluídas no seu ámbito territorial e funcional.

Artigo 3º.-Vixencia.

O convenio páctase por un ano, desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro do ano 2001.

Artigo 4º.-Comisión paritaria.

Constituirase unha comisión integrada por representantes dos empresarios e dos traballadores para a interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do convenio, entre as centrais CC.OO., UGT, CIG e a Asociación de Empresas de Comercio de Calzado.

Parte empresarial:

Vicente Villar Pispieiro.

Francisco Mosteiro Ponce.

Francisco Javier González Outumuro.

Parte social:

José Ramón Grela Castro (CC.OO.).

Nieves Montes Patiño (UGT).

Lois Soto Sabio (CIG).

Artigo 5º.-Revisión salarial e garantía.

No suposto de que o IPC real superase o 2,5%, revisaranse as táboas na contía de tal exceso, para os únicos efectos da negociación do seguinte convenio.

Artigo 6º.-Normas supletorias.

En todo o non previsto neste convenio aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores e no acordo para a substitución da ordenanza de comercio, publicado no BOE do 9 de abril de 1996 por resolución da Dirección Xeral de Traballo do 21 de marzo de 1996, quedando a citada ordenanza como norma supletoria.

Artigo 7º.-Salarios.

Despois de proceder á revisión salarial prevista no anterior convenio, acórdase un incremento salarial para o 2001 dun 3%, sendo a táboa resultante a que figura como anexo a este convenio, a cal se reputará como salarios mínimos legais.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécese para tódolos traballadores afectados por este convenio o dereito a percibir tres pagas extraordinarias completas durante o ano. Unha no mes de marzo, que corresponde á que como participación de beneficios sinalaba a ordenanza laboral de comercio, outra no mes de xullo e outra en Nadal. Todas elas se aboarán sobre os salarios deste convenio, incrementadas, se é o caso, pola antigüidade.

Artigo 9º.-Premios de antigüidade.

Os cuadrienios que sinala a ordenanza laboral para o comercio, serán do cinco por cento sobre os salarios deste convenio.

As retribucións por este concepto non poderán supera-lo 60% do salario base.

Artigo 10º.-Complemento de transporte.

Establécese un complemento de transporte equivalente a 6.500 pesetas/mes.

Este complemento non se incluirá nas pagas extraordinarias.

Artigo 11º.-Horas extraordinarias.

Son de carácter voluntario, retribuiranse cun incremento do 75% do salario que corresponda a cada hora ordinaria, respectando os límites, en canto a número, establecidos no artigo 35 número 2º do Estatuto dos traballadores e demais disposicións dese artigo.

Para efectos da recarga de cotización establecida polo Real decreto 1858, do 29 de agosto, consideraranse neste sector como horas extras estructurais e, polo tanto, non suxeitas a recarga, as realizadas durante o período que media entre o 21 de decembro e o 6 de xaneiro. Suprimiranse as horas extraordinarias habituais.

Para efectos de remuneración das horas traballadas durante este período, as empresas, de acordo cos traballadores, poderán substituí-lo pagamento das horas pola concesión de horas de asueto, sempre que se manteña a proporción de 1 hora e 45 minutos de asueto por cada hora traballada.

Artigo 12º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e tempos seguintes:

a) Dezaseis días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional por un período determinado aplicarase o que esta dispoña, en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica. Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do vinte por ciento das horas laborables nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador á situación de excedencia, regulada no punto 1º do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador, por incumprimento do deber ou desempeño deste, perciba unha indemnización, descontarase o seu importe do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Dous días ó ano por asuntos propios, retribuídos, logo de solicitude e aceptación por parte da empresa.

Os traballadores, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia de traballo, que poderán dividir en dúas funcións. A muller pola súa vontade poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada laboral en media hora coa mesma finalidade.

Quen, por razóns de garda legal, teña ó seu cuidado directo, algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario, entre polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Artigo 13º.-Premio de xubilación anticipada.

As empresas aboarán un complemento de xubilación a aqueles traballadores que, con dez anos de antigüidade como mínimo nela, se xubilen de mutuo acordo coa empresa. A súa contía irá en función da seguinte escala:

-Por xubilación voluntaria ós 60 anos: 14 mensualidades (salario e antigüidade).

-Por xubilación voluntaria ós 61 anos: 11 mensualidades (salario e antigüidade).

-Por xubilación voluntaria ós 62 anos: 8 mensualidades (salario e antigüidade).

-Por xubilación voluntaria ós 63 anos: 5 mensualidades (salario e antigüidade).

-Por xubilación voluntaria ós 64 anos: 3 mensualidades (salario e antigüidade).

Unha vez fixada a contía do premio, a empresa poderá fracciona-lo pagamento durante un máximo de 12 meses. Para a súa recepción, deberá solicitarse no prazo de tres meses desde o cumprimento da idade e seis meses máis. O traballador que non solicitase a xubilación perderá o dereito a ese complemento.

Ós 64 anos poderán facer uso os traballadores da xubilación especial co 100% dos dereitos pasivos, debendo as empresas contratar en forma simultánea a traballadores desempregados rexistrados pola oficina de emprego, para calquera modalidade de contrato vixente na actualidade, excepto as contratacións a tempo parcial, polo período mínimo de duración en todo caso superior ó ano.

Artigo 14º.-Premio de xubilación.

As empresas satisfaranlle ó persoal que se xubile, unha gratificación dunha mensualidade do seu salario, sempre que superen os quince anos ininterrompidos de antigüidade na empresa. Este premio elevarase a dúas mensualidades se supera os vinte anos nas mesmas condicións.

Artigo 15º.-Subsidio por matrimonio.

O persoal de ambos sexos con máis de tres anos en activo na empresa, terá dereito a percibir en caso de matrimonio quince mil pesetas.

Artigo 16º

Ó persoal que se encontre incorporado ó servicio militar aboaráselle o vintecinco por cento do salario anual que lle corresponda por este convenio, rateándose o pagamento polos meses efectivos de servicio, a non ser que de mutuo acordo empresa e traballador pacten outra forma de pagamento.

Artigo 17º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo en cómputo anual para o ano 2001 será de 1.818 horas, equivalente a corenta horas semanais desde o luns, ás catorce horas do sábado. Se durante a vixencia deste convenio se modificase a xornada máxima legal, a xornada pactada neste convenio se adaptará ás novas normas, logo de reunión da comisión paritaria.

No caso de que algún establecemento de tipo grandes almacéns ou similares estivese autorizado para abrir ó público os sábados pola tarde e o levase a efecto, as empresas reservaranse o dereito a prolonga-la xornada durante a tarde do sábado, respectando en todo caso a xornada anual establecida neste convenio.

As cidades de Ferrol e Santiago de Compostela manterán a xornada de traballo que habitualmente veñen desenvolvendo.

Artigo 18º.-Vacacións.

Mantéñense os períodos de trinta días naturais de vacacións establecidos na ordenanza de comercio.

Para a elección do período de desfrute de vacacións, establécese unha quenda rotatoria, deixando a salvo o establecido ó respecto polo articulo 38.2º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 19º

Os delegados de persoal terán dereito a quince horas mensuais para o exercicio das súas funcións.

Nas empresas con tres ou máis afiliados a unha central sindical que represente polo menos o 10% do cadro de persoal, recoñeceráselle a esta central a facultade de poder designar entre eles un representante como interlocutor ante a empresa, con facultade para recadar cotas.

Artigo 20º.-Seguro de accidente.

As empresas subscribirán un seguro de accidentes que cubra os seguintes riscos durante as 24 horas do día.

a) Morte por accidente.

b) Invalidez absoluta e total por accidente.

O capital asegurado será de 1.000.000 de pesetas en ambos casos.

As empresas que contratasen o seguro correspondente cunha compañía aseguradora non responderán subsidiariamente, en ningún caso, do pagamento da indemnización correspondente ós accidentes aquí incluídos.

Artigo 21º.-Cláusula de desvinculación.

As empresas que tivesen perdas durante os exercicios de 1999 e 2000 e as previsións para o 2001 e 2002 fosen similares, poderán prescindir da aplicación dos salarios pactados neste convenio. Poderán acollerse tamén a este beneficio aquelas empresas que durante o exercicio económico estean suxeitas a regulacións de emprego por causas económicas.

No prazo de dous meses desde a publicación deste convenio as empresas que pretendan acollerse a esta cláusula deberán presenta-la solicitude á comisión mixta do convenio, ante a que deberán acreditar, no caso de sociedades e empresas obrigadas pola normativa fiscal a leva-la contabilidade, as contas anuais presentadas no Rexistro Mercantil e as declaracións correspondentes presentadas ante a Axencia Tributaria. As demais empresas deberán acreditalo mediante a documentación que acredite suficientemente a súa situación a xuízo da comisión.

Poderase solicita-la presencia dos representantes dos traballadores, así como de documentación aclaratoria que se estime necesaria.

De non existir acordo no seo da comisión mixta, as partes acordan o sometimento á arbitraxe do AGA.

As empresas acollidas a esta cláusula, de acordo cos traballadores poderán aplicar incrementos salariais menores ós aquí pactados ou mesmo non incrementa-los salarios durante a vixencia do convenio.

Tódolos membros da comisión así como os seus asesores se obrigan a manter na maior reserva a información recibida, observando o maior sixilo profesional.

Artigo 22º.-Contratación temporal.

Son traballadores eventuais aqueles admitidos para atende-las esixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou pedidos, mesmo tratándose da actividade normal da empresa, sempre que así conste por escrito.

Os traballadores así contratados terán os mesmos dereitos e igualdade de trato cos demais traballadores do cadro de persoal, salvo as limitacións que se deriven da natureza e duración do seu contrato.

O contrato previsto no artigo 15.1º b) do ET poderá ter unha duración máxima de doce meses dentro dun período de dezaoito meses.

Artigo 23º.-Contratación indefinida.

As empresas obríganse a ter unha porcentaxe de emprego fixo, respecto ó cadro de persoal total, de polo menos un 50%.

Por petición da representación legal dos traballadores, as empresas entregarán por escrito a esta

representación, semestralmente, a relación de traballadores coa modalidade de contrato que ten cada un deles. A comisión paritaria poderá requirir ás empresas a mesma información.

Así mesmo, de acordo co establecido na letra b) do punto 2º da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, ambas partes coinciden en que, durante toda a vixencia deste convenio, será posible a conversión de tódolos contratos temporais subscritos durante a vixencia deste convenio, no contrato para o fomento da contratación indefinida, regulado pola dita disposición.

Artigo 24º

En caso de que non se cumpra o establecido no artigo 23º, as empresas observarán o disposto no Estatuto dos traballadores.

Disposición transitoria

As partes acordan a partir do 1 de xaneiro de 2002, incorporarse ó convenio colectivo de materiais de construcción e decoración e comercio do metal da Coruña; para tal efecto as partes integraranse na comisión negociadora deste convenio colectivo.

Para facer efectiva tal incorporación, as partes acordan que se fará conforme as seguintes estipulacións:

1ª Incorporación plena, o 1 de xaneiro de 2002, ó texto articulado do convenio colectivo de materiais de construcción e decoración e comercio do metal da Coruña.

2ª Dado que a xornada anual do convenio de comercio da pel é superior á do convenio ó cal se incorpora, esta diferencia reducirase a razón de minora-la do comercio da pel 4 horas cada ano, aplicando esta reducción a partir do 1 de xaneiro de cada ano.

O 1 de xaneiro de 2007 a xornada será a do convenio ó que se incorpora.

3ª Haberá no convenio ó que se incorpora un anexo onde figurará a táboa do comercio da pel. Esta táboa igualarase coa táboa salarial do convenio ó que se incorpora en 6 tramos, conforme o seguinte procedemento:

Despois de lle aplicar á táboa do comercio da pel o incremento salarial pactado no convenio ó que se incorpora, sumaránselle ás categorías da táboa do comercio da pel que sexan inferiores á do convenio ó que se incorporan, o resultado da seguinte formula:

1

xcontía da diferencia que hai que igualar

número de tramos que

restan para o achegamento

A fórmula anterior aplicarase o 1 de xaneiro de cada ano a partir de 2002. O último tramo aplicarase o 31 de decembro de 2006.

En caso de que o resultado de aplica-la fórmula anterior fose inferior a 1.000 pesetas, tomarase esta

como cantidade de achegamento, excepto no último tramo, que será a cantidade que corresponda.

O 1 de xaneiro de 2007 desaparecerá a táboa do comercio da pel e aplicarase a táboa xeral do convenio ó que se incorpora.

Con respecto ás categorías da táboa do comercio da pel cun salario base superior ás do convenio ó que se incorpora, e co obxecto de proceder á súa equiparación, o seu incremento salarial será equivalente ó IPC real de cada ano, ata que se igualen coas da táboa xeral do convenio ó que se incorporan. Polo tanto, ás categorías mencionadas neste parágrafo non lles será de aplicación o procedemento establecido anteriormente nesta estipulación 3ª.

4ª A contía do complemento transporte do comercio da pel incrementarase 500 pesetas cada ano. Esta revisión farase o 1 de xaneiro de cada ano.

O 1 de xaneiro de 2007 a contía do complemento transporte que se aplicará será a xeral do convenio ó que se incorpora.

Táboas salariais 2001

Categoría

Salarios

ano 2001

Cómputo

anual

Axudante92.6031.463.949
Dependente de 22 a 24 anos95.0281.500.324
Dependente maior de 25 anos102.6091.614.039
Xefe de sección108.3851.700.679
Xefe de almacén126.3441.970.064
Xefe de sucursal126.3441.970.064
Encargado xeral144.2152.238.129
Encargado de compras e vendas115.0091.800.039
Mozo de almacén92.6031.463.949
Corredor de praza107.8911.693.269
Auxiliar de caixa de 18 a 20 anos92.6031.463.949
Auxiliar de caixa de 20 a 22 anos93.6681.479.924
Auxiliar de caixa de 22 a 25 anos95.9361.513.944
Auxiliar de caixa de máis de 25 anos96.8481.527.624
Contable caixeiro108.1921.697.784
Xefe administrativo132.8592.067.789
Oficial administrativo102.6131.614.099
Auxiliar administrativo92.6031.463.949
Escaparatista103.8131.632.099

Complemento de transporte6.500