Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 05 de setembro de 2001 Páx. 11.866

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA HOSPITAL DA BARBANZA

ACORDO do 4 de agosto de 2001 polo que se anuncia a convocatoria de probas de selección de persoal.

En uso das atribucións recollidas no artigo 3 da Lei 10/1996, do 5 de novembro, os padroados das fundacións públicas hospitais Virxe da Xunqueira e Barbanza, autorizaron a convocatoria das correspondentes probas de selección de persoal, baixos os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, segundo determina o artigo 2 da citada lei. Na súa virtude as direccións das referidas fundacións fan pública a convocatoria de selección de persoal, de conformidade coas seguintes bases:

1. Obxectivo do proceso de selección.

O proceso selectivo ten por obxecto a cobertura con carácter indefinido de determinadas prazas vacantes existentes nas fundacións públicas hospitais Virxe da Xunqueira e Barbanza.

O número de prazas que se cubrirán neste proceso é o que se especifica no anexo I desta convocatoria, con especificación das categorías, áreas de traballo e requisitos básicos de cada unha delas.

2. Aspectos xerais.

2.1. Fases do proceso de selección. O proceso selectivo ten dúas fases. A primeira consistirá nun test psicotécnico e de coñecementos comprendidos nos temarios publicados no Diario Oficial de Galicia nº 52, do 14 de marzo de 2001. A segunda consistirá na valoración do currículo e unha entrevista e/ou proba práctica. A puntuación de cada unha das fases por categoría especifícase no anexo II e o baremo no anexo III.

2.2. Lugares de información e recollida de solicitudes. Durante todo o proceso de selección a información será facilitada nas seguintes oficinas de infor

mación: Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira. Paseo marítimo s/n 15270 Cee e Fundación Pública Hospital da Barbanza. Oleiros s/n 15993 Ribeira. Horario de 9 ás 15 horas e das 16 ás 18 horas (de luns a venres). Os teléfonos de información serán os seguintes 981 70 61 87 e 981 83 59 76. Os lugares onde se poderán recolle-las solicitudes e instruccións correspondentes a cada categoría profesional serán: oficinas de información das dúas fundacións, Secretaría Xeral do Sergas, delegacións proviciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde.

2.3. Comisións de selección. Con motivo da selección constituirase unha comisión de selección por cada unha das categorías e fundacións, que terá por obxecto garantir e supervisar-lo desenvolvemento axeitado do proceso en tódalas súas fases. As citadas comisións estarán constituídas por un presidente, un secretario e alomenos tres vocais, dos cales un deles serao en representación sindical.

En función da categoría profesional, a comisión de selección poderá contar coa colaboración dos asesores que considere oportunos.

Os membros das comisións deberán absterse de intervir, notificándoo á autoridade convocante, cando concorra neles algunha das circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou cando nos seis anos anteriores á convocatoria realizaran tarefas específicas de preparación de aspirantes.

En ningún caso a comisión poderá declarar que superaron o proceso de selección un número superior de aspirantes có dos postos convocados.

Á finalización do proceso selectivo, a comisión poderá confeccionar unha relación ordenada por puntuación na que figuren os aspirantes que non obtiveron posto, para a súa posible contratación temporal, sempre e cando as necesidades de persoal existentes na empresa o requiran.

2.4. Documentación e reclamacións. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fixeron constar na súa solicitude. O domicilio que figura na solicitude considerase o único válido para os efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do concursante, tanto os erros na consignación del como a non comunicación de cambios de domicilio.

Os erros de feito que se advertisen en calquera das fases poderán corrixirse en calquera momento de oficio ou por petición do interesado. Tódalas reclamacións que se realicen durante o proceso de selección deberán enviarse por correo certificado ás comisións de selección ou rexistrarse nas oficinas de información da fundación correspondente. Os prazos de presentación de reclamacións serán de 10 días naturais a partir da publicación das listaxes. As reclamacións que se presenten deberán reflecti-lo nome e apelidos do reclamante, enderezo, teléfono de contacto, código da categoría, área de traballo e motivo da reclamación. As alegacións serán resoltas pola comisión de selección e publicarase unha listaxe complementaria da primeira.

3. Etapas do proceso selectivo.

3.1. Requisitos de admisión: para poder presentarse ó proceso de selección, será obrigatorio o cumprimento dos seguintes requisitos no prazo de presentación de solicitudes:

* Ter cumpridos 18 anos de idade no momento de presentación da solicitude.

* Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea ou dalgún país que subscribise tratado internacional nos termos establecidos na disposición única da Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro).

* Ter aboados os dereitos de admisión ó proceso.

* Estar en posesión da titulación requerida para poder optar á categoría.

* Non estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas, nin separado mediante expediente disciplinario de calquera das administracións públicas.

* Ó se presentaren a este proceso, asúmese que os candidatos coñecen e aceptan as bases da convocatoria.

3.2. Presentación de solicitudes e pagamento dos dereitos de admisión. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais dende o seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Somentes se admitirán aquelas solicitudes entregadas no dito prazo, sendo excluídas todas aquelas que non cumpran este requisito. Na solicitude figurará o selo xustificativo do ingreso, pagado a nome do candidato.

3.3. Concorrencia de procesos. A presentación de instancias e a execución dos procesos, producirase de xeito completamente independente, aínda que sexa coincidente o prazo de presentación destas e a realización da primeira das probas.

Os dereitos de admisión aboaranse na fundación á que se presente o aspirante nunha das seguintes contas bancarias, a favor da Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira, no número de conta: 0182-5947-11-0010111124, ou a favor da Fundación Pública Hospital da Barbanza, no número de conta 0182-5947-14-0203333337. A falta de ingreso dos dereitos de admisión considerase unha causa excluínte. A contía dos dereitos de admisión por categoría é: diplomados sanitarios 4.500 pesetas (27,04 euros), restantes categorías 3.000 pesetas (18,03 euros). Se é o caso, deberase presentar unha solicitude por cada categoría ás que se opte e aboa-los dereitos de admisión para cada unha delas. Os dereitos de admisión non se devolverán en ningun caso.

A documentación entregarase nos lugares indicados no punto 2.2 ou por correo certificado ás oficinas de información das fundacións, nun sobre pechado, de tamaño axeitado (A4 ou similar), sen dobrar e deberá figurar na solicitude o selo coa data de envío posto na oficina de correos.

3.4. Listaxe de candidatos admitidos e excluídos ó proceso de selección. Publicarase a listaxe provisional de solicitantes admitidos e excluídos do proceso de selección, especificando a causa de exclusión para os afectados. As listaxes publicaranse nos lugares indicados no punto 2.2 da convocatoria.

3.5. Realización da primeira parte do proceso selectivo. Unha vez rematado o período de reclamacións e publicadas as listaxes definitivos, realizarase a proba teórica, que en ningún caso se celebrará antes do 15 de outubro de 2001.

Tódolos candidatos que acudan á realización da mesma deberán leva-lo orixinal do DNI, pasaporte ou permiso de conducir. No caso de non presentaren ningún destes documentos non poderá face-las probas. Tódolos candidatos convocados á realización das probas que non se presenten, quedarán inescusablemente rexeitados do proceso de selección.

Unha vez rematada a primeira fase do proceso selectivo, as comisións de selección farán público un acordo coa listaxe de persoas que superaron a dita fase. Cada comisión de selección establecerá o corte na súa lista nun número que como referencia será de cinco persoas por cada posto de traballo que se vai seleccionar, se ben se nalgunha das categorías, a xuízo da comisión fose necesario seleccionar un número maior de persoas por praza, adoptarán o número de corte mediante acordo previo da comisión, do que se dará axeitada publicidade nas oficinas de información.

Posteriormente abrirán un prazo de quince días naturais contados desde o seguinte ó da súa exposición, para que os aspirantes acheguen ás oficinas de información das fundacións, xunto coa folla de autobaremación que se lles facilitará nos lugares indicados no punto 2.2, a documentación acreditativa dos méritos que aleguen mediante orixinal ou fotocopia compulsada deles. Non é necesario enviar estes documentos no sobre coa solicitude. Previamente á entrevista e/ou proba practica, realizarase un proceso de validación do currículo autobaremado, no que se comprobará a documentación presentada.

Se algún aspirante non achegara calquera tipo de mérito, a comisión de oficio outorgaralle cero puntos na valoración do seu curriculo.

Sen embargo, tódolos aspirantes, sen excepción, que superaran a primeira fase, deberán achegar inescusablemente a fotocopia compulsada do título esixido para o ingreso na categoría correspondente.

Tanto a valoración dos servicios prestados como da formación que compoñen esta segunda fase enténdense referidas ó día de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.6. Realización da segunda fase do proceso selectivo. A entrevista persoal regrada e/ou proba practica é a segunda fase do proceso de selección de persoal. Nestas probas valorarase aquela información que non é achegada no currículo autobaremado e que é importante para o bo desempeño da actividade profesional. Se un candidato se presentase a dúas ou máis categorías, realizará unha entrevista por cada unha das categorías.

Os convocados a esta fase deberán presentarse nas oficinas de información, co orixinal do DNI, permiso de conducir ou, no seu defecto, pasaporte.

3.7. Publicación das listaxes finais. Unha vez comprobadas polas comisións as baremacións achegadas e realizadas as entrevistas persoais e/ou probas prác

ticas, expoñeranse ó público as listaxes que comprendan as puntacións dos aspirantes en tódalas fases do proceso selectivo, así como a puntuación total de cada unha deles. Contra a baremación os aspirantes que o consideren oportuno, poderán presentar reclamación perante a comisión no prazo de dez días naturais contados a partir do seguinte ó da súa exposición.

Á vista das reclamacións achegadas e realizadas, se é o caso, as oportunas correccións, á comisión publicará o acordo que conteña a relación de aspirantes definitivamente seleccionados, coa puntuación total acadada por cada un deles.

O sistema de desempate efectuarase a prol dos aspirantes que obtiveran maior puntuación na proba teórica, e de persisti-lo empate, dirimirase a prol do aspirante coa maior puntuación no epígrafe de experiencia profesional e de ser necesario a maior idade do aspirante.

3.8. Contratación das persoas seleccionadas. As fundacións públicas hospitais Virxe da Xunqueira e Barbanza procederán á contratación laboral indefinida cun período de proba dos candidatos seleccionados a través deste proceso. Os postos de traballo que permanezan vacantes pola renuncia das persoas seleccionadas cubriranse de xeito correlativo por aquelas que obteñan a seguinte puntuación na listaxe definitiva de seleccionados, poderanse declarar desertos aqueles postos de traballo nos que non se atope a persoa adecuada para ocupalos.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2001.

José Rey Aneiros

Director da Fundación Pública Hospital

Virxe da Xunqueira

Salustiano González Vinagre

Director da Fundación Pública Hospital do Barbanza

ANEXO I

Categorías profesionais, áreas de traballo e prazas ofertadas

Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira

CategoríaÁrea de traballoTitulaciónPrazas

Diplomado/a sanitarioATS/DUEATS/DUE17

Técnico/a especialistaTELFP de 2º na rama sanitaria, especialidade laboratorio1

Técnico/a especialistaTERFP de 2º na rama sanitaria, especialidade radiodiagnóstico2

Persoal de Servicios XeraisPSXGraduado escolar, FP de 1º grao ou equivalente6

Auxiliar de enfermeríaAuxiliar de enfermeríaFP1 rama sanitaria12

Fundación Pública Hospital da Barbanza

CategoríaÁrea de traballoTitulaciónPrazas

Diplomado/a sanitarioATS/DUEATS/DUE23

Técnico/a especialistaTERFP de 2º na rama sanitaria, especialidade radiodiagnóstico2

CategoríaÁrea de traballoTitulaciónPrazas

Persoal de Servicios SociaisPSXGraduado escolar, FP de 1º grao ou equivalente13

Diplomado sanitarioFisioterapeutaDiplomatura en fisioterapia1

Auxiliar de enfermeríaAuxiliar de enfermeríaFP1 rama sanitaria20

ANEXO II

Fases do proceso de selección e puntuación de cada unha delas

Puntos%

1ª faseTest psicotécnico
Proba teórica
Total 1ª fase20050
2ª faseCurrículo100
Entrevista/proba práctica100
Total 2ª fase20050
Total400100

ANEXO III

Baremación do currículo

1. Formación continuada:

* Cursos acreditados, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría á que se opta: por cada 10 horas: 0,05 puntos.

Será necesario achegar orixinal ou fotocopia compulsada dos títulos con expresión do número de horas acreditadas da acción formativa.

A puntuación máxima será de 20 puntos.

2. Experiencia profesional:

* Por cada mes completo de servicios prestados en igual ou similar categoría á que se opta nunha institución pública sanitaria: 0,4 puntos.

* Por cada mes completo de servicios prestados en igual ou similar categoría en centros residenciais prestadores de servicios sociais de titularidade e xestión pública: 0,25 puntos.

* Por cada mes completo de servicios prestados en igual ou similar categoría en instituciones sanitarias privadas: 0,2 puntos.

Será necesario achegar orixinal ou fotocopia compulsada da certificación de servicios prestados.

A puntuación máxima será de 77,5 puntos.

3. Lingua galega:

* Pola realización do curso de iniciación á lingua galega ou validación: 1 punto.

* Pola realización do curso de perfeccionamento da lingua galega ou validación: 2,5 puntos.

Será necesario achegar orixinal ou fotocopia compulsada do título ou da certificación de validación.

A puntuación máxima será de 2,5 puntos.