Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 05 de setembro de 2001 Páx. 11.827

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 10 de agosto de 2001 pola que se dictan normas para a concesión de subvencións a corporacións locais e universdidades para proxectos de accións de investigación-acción que teñan relación co esforzo global anti-VIH/sida.

A infección polo VIH (virus de inmunodeficiencia humana) e a sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida) continúa sendo un dos principais problemas de saúde pública que padece a nosa sociedade, polo que cómpre o incremento e mellora das actividades encamiñadas a enfrontalo.

Dentro do marco das actividades anti-VIH/sida en Galicia débeselle dar prioridade a atende-la demanda e financiamento de proxectos ou actividades de investigación/acción co obxectivo dobre de que ó mesmo tempo que se contribúe directamente á acción global anti-VIH tamén, mediante a avaliación e valoración desas experiencias, se poidan estender aquelas que acheguen resultados positivos e útiles no proceso de lograr unha maior esixencia das nosas

accións, aconsellado polas estratexias e directrices marcadas no contorno da infección por VIH/sida.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de acordo co establecido nos artigos 78.3º e 78.6º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias de función pública e actuación administrativa,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

O obxecto da presente orde é a convocatoria de axudas económicas para proxectos ou accións de investigación/acción, actividades de interese comunitario no campo da vixilancia epidemiolóxica, información, prevención e atención sociosanitaria do VIH/sida.

Estas axudas irán dirixidas a aquelas corporacións locais e universidades que desenvolvan as anteditas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Actividades subvencionables.

As actividades para desenvolver que poden ser obxecto das subvencións reguladas na presente orde estarán encadradas dentro das actividades anti-VIH/sida no campo da saúde pública.

Así, terán consideración preferente aquelas actividades que aborden os seguintes contidos:

a) Realización de accións preventivas sobre colectivos de especial interese para evita-la transmisión do VIH/sida e avaliación dos seus resultados. Entre os colectivos de especial interese dáselles prioridade ós de prostitución, homosexualidade, inmigrantes, usuarios de drogas por vía parenteral (UDVP), mozos, internos en institucións penitenciarias e colectivos marxinados.

b) Estudios de nivel de información, actitudes e comportamentos da poboación galega ou colectivos desta en relación con esta infección.

c) Recollida, realización e difusión continuada de información relacionada co VIH.

d) Investigación social para evita-la discriminación.

e) Atención e soporte psíquico do afectado e o seu contorno.

f) Actividades de grupos de autoapoio de portadores de VIH/sida.

g) Actividades de formación do persoal que realice a súa actividade no campo do VIH/sida.

h) Todas aquelas actividades que se encadren nas pautas establecidas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais en relación co VIH/sida.

Artigo 3º.-Destino das axudas.

As axudas concedidas irán destinadas a cubri-la totalidade ou parte dos gastos de financiamento do proxecto ou acción realizada no presente ano, de acordo cos seguintes conceptos:

a) Materiais e recursos necesarios para levalos a cabo.

b) Desprazamentos e actividades de organización relacionadas co seu desenvolvemento.

c) Actividades formativas dos propios membros do grupo de intervención.

d) Deseño e dirección.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

O importe total das axudas reguladas pola presente orde ascende a 7.365.000 pesetas, que se farán efectivas con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias: 1102.313.A.740.0 por un importe de 1.550.000 pesetas e 1102.313.A.760.0 por un importe de 5.815.000, nas que existen créditos orzamentarios suficientes.

O importe das subvencións concedidas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se establece.

Artigo 5º.-Requisitos da solicitude.

As solicitudes formularanse de acordo co modelo que figura no anexo I desta convocatoria e acompañaranse dunha memoria explicativa do proxecto ou acción que se está ou pretende realizar, memoria que se elaborará seguindo o modelo que figura no anexo II cunha extensión máxima de 15 páxinas.

Os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Saúde Pública, e maila documentación complementaria deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou polos procede

mentos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes das corporacións locais e universidades xa presentadas anteriormente para a Orde do 26 de marzo de 2001 (DOG nº 67, do 4 de abril), pola que dictaban normas para a concesión de subvencións a proxectos de investigación-acción que teñan relación co esforzo global anti VIH/sida, enténdense como xa admitidas para esta convocatoria actual.

Artigo 7º.-Criterios de selección.

Para a selección das solicitudes formuladas valoraranse as seguintes características:

a) Adecuación dos contidos ós recollidos no artigo 2º.

b) Actividades preventivas que recollan os enfoques relacionados a continuación:

1. Prostitución.

1.1. Educación para a saúde dos e das profesionais do sexo.

-Accións preventivas.

-Proxectos realizados con participación dos/das interesados/as.

-Fomento do uso do preservativo.

-Facilitación do preservativo.

1.2. Protección dos/das clientes da prostitución.

-Información e educación sanitaria.

2. Prevención da transmisión do VIH entre homes con prácticas homosexuais ou bisexuais.

-Programas de información e educación para a saúde coa participación e colaboración de asociacións/organizacións de homosexuais.

-Medidas para aumenta-la accesibilidade ós preservativos.

-Programas específicos para mozos homo/bisexuais.

-Programas tipo outreach que faciliten o acceso a información acerca das medidas de prevención e ós medios necesarios para levalas a cabo.

3. Reducción de riscos en usuarios de drogas por vía parenteral.

3.1. Programa de intercambio de xiringas.

-Posta en marcha de novos puntos ou ampliación do número ou da oferta de servicios dos existentes,

de acordo cos criterios establecidos no funcionamento deste subprograma.

-Programa piloto que inclúa máquinas intercambiadoras de xiringas.

3.2. Prevención da transmisión sexual do VIH desde os centros de atención a drogodependentes, tanto libres de drogas como de reducción de danos.

-Formación de profesionais, obradoiros de sexo seguro e distribución de preservativos.

3.3. Programas de rúa ou de achegamento con participación de usuarios ou ex-usuarios.

4. Mocidade.

4.1. Promoción de hábitos sexuais saudables.

-Educación para a prevención do VIH no contexto de programas de educación afectivo-sexual.

-Campañas de información/sensibilización dirixidas especificamente á mocidade.

4.2. Programas dirixidos a mozos e mozas non escolarizados (adolescentes en situación de risco e fóra do ambiente familiar).

-Programas de prevención do VIH en centros tutelares de menores.

-Obradoiros e actividades en centros de encontro de mozos e mozas.

-Obradoiros extraescolares.

c) Proxectos coordinados entre distintos servicios e/ou institucións dunha mesma zona que teñan incidencia positiva no esforzo global anti-VIH/sida entre a súa poboación.

d) Acción que continúa as actividades subvencionadas en anos anteriores.

e) Previsión dunha acción continuada en anos posteriores.

f) Solidez e coherencia na concepción dos proxectos ou accións, expresadas polo rigor e concreción dos obxectivos, poboación diana, consistencia metodolóxica, tipo e temporalización das actividades, recursos que se mobilizarán e sistema de avaliación deseñados.

g) Axuste entre o custo e o orzamento presentados.

h) A distribución de subvencións poderá ser total ou parcial. No caso de ser parcial garantirase a realización do proxecto axustando o seu deseño á subvención concedida.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

Para a selección e aprobación definitiva das axudas constituirase unha comisión integrada por:

-A directora xeral de Saúde Pública ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

-A subdirectora xeral de Programas de Saúde Pública ou persoa en quen delegue.

-O xefe do Servicio de Prevención e Control da Infección por VIH/sida e Outras Enfermidades Transmisibles.

-Un técnico do devandito servicio.

-Un funcionario da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que actuará como secretario.

Artigo 9º.-Resolución.

Examinadas pola Comisión de Valoración as solicitudes presentadas, procederase á súa resolución mediante orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que será publicada no DOG, facéndose consta-la contía das axudas concedidas.

Se as solicitudes non se resolvesen no prazo de tres meses desde que tiveran entrada no rexistro do órgano administrativo competente para resolver, entenderanse desestimadas.

Os beneficiarios estarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.

O pagamento das axudas ós proxectos ou accións seleccionadas, cando non exceda de 5.000.000 de pesetas, poderase realizar mediante pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique os gastos realizados sen que estes pagamentos poidan supera-lo 80% da subvención concedida.

O resto do importe librarase no momento da completa xustificación, por parte do beneficiario, do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida.

Cando o importe das subvencións supere a cifra de 5.000.000 de pesetas, poderanse efectuar pagamentos parciais á conta da liquidación sempre que concorran os requisitos e as circunstancias previstas no artigo 41 da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001.

Os xustificantes de gasto deberán presentarse ante a Dirección Xeral de Saúde Pública, en todo caso, antes do 15 de decembro do ano 2001.

No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria de conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proyecto,

das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

En todo caso, segundo o disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e de acordo co establecido no artigo 18 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o beneficiario da subvención acreditará, antes de proceder ó seu cobramento, que se atopa ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Non estarán suxeitos a esta obriga os beneficiarios das subvencións cando a súa contía sexa igual o inferior a 250.000 pesetas, de acordo co sinalado no artigo 41 da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos

xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001.

Unha vez realizado o proxecto ou acción, que en ningún caso poderá supera-lo 15 de decembro do ano 2001, deberá remitirse á Dirección Xeral de Saúde Pública a memoria xustificativa, que conterá as distintas fases de realización así como os resultados e conclusións.

Artigo 11º.-Modificación e reintegro das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

De acordo co artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e segundo o artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, procederase ó reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida e dos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da subvención ou axuda pública.

Igualmente, procederase ó reintegro do exceso percibido nos supostos de que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, de se-lo caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Artigo 12º.-Recursos.

Contra a orde de resolución das axudas, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir da referida publicación.

De presentarse recurso potestativo de reposición, non poderá acudirse á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

Artigo 13º.-Infraccións e sancións.

En materia de infraccións e sancións haberá que aterse ó disposto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias, de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación e difusión dos proxectos ou accións seleccionadas.

Segunda.-Autorízase a Dirección Xeral de Saúde Pública para dicta-las instruccións necesarias que permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2001.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO II

Aspectos que deben considerarse na memoria ó proxecto ou acción para o cal se solicita a subvención:

1. Datos de indentificación:

-Título do proxecto ou acción.

-Nome da entidade ou colectivo que o solicita xunto co CIF.

-Coordinador/a ou representante.

-Lugar de realización.

-Datos bancarios xuntando certificación.

-Datos persoais, profesionais e funcións dos compoñentes do grupo (se é o caso).

-Outros profesionais, entidades ou colectivos cos que se interactúa.

2. Deseño:

-Xustificación do proxecto.

-Obxectivos que se pretenden.

-Actividades que se realizan para cada obxectivo e temporalización delas.

3. Recursos necesarios:

-Materiais.

-Materiais útiles dos que xa se dispón para o proxecto.

-Materiais que é necesario adquirir.

-Orzamento:

-Deseño e dirección.

-Gastos de desprazamento e organización.

-Outros gastos.

-Outras axudas solicitadas ou dispoñibles.

4. Criterios e modelos deseñados para avalia-los resultados.