Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 03 de setembro de 2001 Páx. 11.699

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 24 de agosto de 2001 pola que se establecen as medidas necesarias para a aplicación do programa de abandono voluntario e definitivo da producción leiteira, para o período 2001/2002.

O sector leiteiro segue a estar sometido a fortes tensións, producidas polo crecente incremento da competitividade debido, por unha banda, á paulatina liberalización do mercado mundial, como consecuencia dos acordos da Organización Mundial de Comercio (OMC) e, por outra, ás perspectivas, cada vez máis próximas, dunha Unión Europea ampliada á Europa do leste.

Por iso, cómpre efectuar un esforzo de acomodación deste sector productivo, eliminando as súas deficiencias estructurais e favorecendo a incorporación dos productores novos ás explotacións leiteiras.

Nesta perspectiva e no marco da normativa comunitaria que resulta de aplicación, basicamente os regulamentos 3950/1992, do consello, que establece unha taxa suplementaria no sector do leite e os productos lácteos, así como o 536/1993, da comisión, no que se recollen as disposicións de aplicación do anterior, o Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, configura unha serie de medidas tendentes á mordernización e mellora da competitividade no sector lácteo, en uso das atribucións que, con base no principio de subsidiariedade, os estados membros poden adoptar en relación coas medidas estructurais na agricultura. Neste real decreto, establécense, entre outras medidas, no seu capítulo 3º, artigos 4 a 11, programas de abandono indemnizado, voluntario e definitivo da producción leiteira, facultando, na súa disposición final primeira, ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a aprobación dos programas nacionais de abandono.

Neste senso, a orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), do 8 de xuño de 2001, establece as características básicas do novo programa nacional de abandono para o presente exercicio, para unha cantidade máxima de 55.000 toneladas, en relación coa dotación financeira e importe da indemnización, entre outras.

A metade das cantidades de referencia liberadas como consecuencia deste plano de abandono destinaranse ó fondo nacional coordinado de cotas lácteas e, o resto, á reserva nacional, asignándose, posteriormente, ós gandeiros nas condicións establecidas no capítulo IV do devandito real decreto.

O mesmo real decreto dispón tamén que a tramitación e resolución das solicitudes presentadas polos gandeiros, así como o pagamento das correspondentes indemnizacións, serán efectuadas polos órganos competentes da Administración autonómica respectiva, en función do lugar onde estean situadas as explotacións, polo que, a través da presente orde, cómpre determina-los órganos competentes e o procedemento de tramitación, con base no establecido na normativa interna de distribución de competencias.

Tendo en conta a boa acollida que o programa nacional de abandono establecido no período 2000/2001 tivo na Comunidade Autónoma de Galicia e considerando que persiste a necesidade de continuar con estas accións, cómpre pór en marcha para o actual período 2001/2002, un novo plan de abandono voluntario, definitivo e indemnizado de producción leiteira.

Ó abeiro do disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, correspóndelle a este organismo autónomo a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, no que atinxe á aplicación das medidas de ordenación, fomento, reestructuración e mellora do sector lácteo e gandeiro, para o que se lle atribúen unha serie de funcións, como pode se-la da execución das medidas de fomento.

De acordo con todo o anterior, na presente orde desenvólvese o precitado real decreto, en canto á instrumentación do sistema de xestión do programa de abandono indemnizado, voluntario e definitivo da producción leiteira na campaña 2001/2002.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.3º do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultaces que me confire a Lei 1/1983, do 22 de xaneiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria así como a do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito.

1. Pola presente orde establécese o procedemento para a solicitude, tramitación, concesión e pagamento, na Comunidade Autónoma de Galicia, das indemnizacións recollidas no plan nacional de fomento do abandono voluntario e definitivo da producción leiteira, para o período 2001/2002, segundo o disposto no Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, e na orde do MAPA do 8 de xuño de 2001.

2. O abandono afectará á totalidade da producción leiteira de cada gandeiro productor e a indemnización a cada un deles concederáselle pola cantidade de referencia individual, tanto de entregas a compradores como de venda directa, que tivesen asignado o 1 de abril de 2001.

Artigo 2º.-Solicitantes.

1. De acordo co establecido no artigo 6.1º do precitado real decreto, poderán acollerse a esta indemnización os productores que desexen abandona-la producción de leite, pola totalidade da cantidade de referencia que tiveran asignada o 1 de abril de 2001.

2. Os gandeiros que recibisen cantidades de referencia suplementaria, procedentes da reserva nacional, poderán solicita-lo abandono da súa producción, anque as devanditas cantidades de referencia non serán indemnizadas e reincorporaranse á devandita reserva.

3. Os gandeiros que non entregasen leite ou productos lácteos a compradores, ou que non os vendesen directamente, no período comprendido entre o 1 de abril de 2000 e o 31 de marzo de 2001, non poderán acollerse ó presente plan, agás que tive

sen cedidas, temporalmente, as súas cantidades de referencia individuais.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. Os gandeiros interesados que teñan a explotación leiteira situada na Comunidade Autónoma de Galicia, poderán presenta-las solicitudes para se acolleren ós beneficios establecidos na presente orde, nos servicios provincias do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) ou, preferentemente, na oficina agraria comarcal que corresponda a súa explotación. Así mesmo, poderan presentarse as devanditas solicitudes en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As ditas solicitudes, formalizadas no modelo de impreso que se xunta como anexo I á presente orde, dirixiranse ó director do Ilgga, debendo presentarse antes do 30 de setembro de 2001.

Artigo 4º.-Documentación.

Para acredita-lo cumprimento dos requisitos esixidos, xunto coa solicitude deberase presenta-la seguinte documentación:

a) En todo caso:

-Fotocopia cotexada do DNI ou CIF do titular da cota.

-Certificación de entidade financeira na que desexa domicilia-lo aboamento de indemnización, con indicación do código-conta-cliente.

b) No caso de persoas xurídicas, fotocopia do poder acreditativo da representación.

c) Cando se alegue a existencia de razóns ambientais que poidan obrigar ó peche da explotación, deberase achegar xustificante da Administración competente.

Artigo 5º.-Tramitación, concesión e recursos.

1. A tramitación dos expedientes corresponderá ós servicios provinciais do Ilgga, para o que comprobarán a documentación e emitirán un informe, conforme o cal os delegados provinciais deste organismo efectuarán a oportuna proposta, que elevarán á dirección do instituto.

2. Con base na devandita proposta, segundo o disposto no artigo 9.2º desta orde, o director do Ilgga dictará a correspondente resolución, antes do 1 de marzo do ano 2002.

3. A devandita resolución de concesión notificarase ó solicitante, debéndose, así mesmo, comunicar á Dirección Xeral de Ganadería do MAPA unha relación dos solicitantes ós que se lles concedeu a indemnización.

En caso de que o solicitante non recibira a oportuna notificación no prazo establecido no punto 5.2, poderá entender desestimada, por silencio, a súa solicitude.

Artigo 6º.-Importe.

De acordo co establecido no artigo 3 da orde do MAPA do 8 de xuño de 2001, o importe da indemnización que se vai pagar, en función da cantidade de referencia individual do solicitante o 1 de abril de 2001, será o seguinte:

-55 pesetas por quilo de leite ou equivalente, cando esta sexa superior a 40.000 quilos.

-66 pesetas por quilo para os restantes productores de leite.

Artigo 7º.-Criterios de prioridade.

1. De acordo co establecido no artigo 8 do precitado Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, se a suma dos importes das indemnizacións correspondentes ás solicitudes resoltas favorablemente nesta Comunidade Autónoma fose superior á asignación orzamentaria para o presente plan, na concesión das axudas aplicaranse os criterios de prioridade que a seguir se indican:

1º Os titulares de explotacións con dificultades específicas para continuar na actividade e, dentro destes:

a) Os que teñan dificultades de adaptación ó cumprimento das esixencias establecidas no Real decreto 1679/1994, do 22 de xullo.

Neste caso, o Ilgga poderá solicitar informe da respectiva oficina agraria comarcal ou dos servicios veterinarios oficiais.

b) Cando existan razóns ambientais que obriguen ó peche da explotación.

2º Os gandeiros productores de maior idade, a partir dos 55 anos.

3º O resto dos productores

Dentro de cada grupo as solicitudes ordenaranse de menor a maior cantidade de referencia asignada. En caso de empate daráselle prioridade ó productor de maior idade.

Artigo 8º.-Pagamento da indemnización.

1. Antes do 31 de marzo do ano 2002 os beneficiarios deberán acreditar debidamente o cumprimento do seguinte:

a) Que deixaron de comercializar leite e/ou productos lácteos e a data efectiva da última entrega ou venda directa, de acordo cos modelos que se xuntan como anexos II e III da presente orde.

b) O destino das vacas productoras de leite afectadas polo abandono, de acordo co modelo que se xunta como anexo IV a esta orde.

2. Ademais do anterior, os beneficiarios da indemnización deberán acreditar, no mesmo prazo, que se encontran ó corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pago débedas, por ningún concepto, coa Administración pública autonómica.

3. Os documentos xustificativos a que se refiren os dous puntos anteriores, presentaranse nas oficinas indicadas no artigo 3º.1 da presente orde.

Os servicios provinciais do Ilgga elevarán, a través da respectiva delegación provincial do instituto, un informe á dirección deste, sobre os solicitantes das axudas que presentaron a dita documentación xustificativa.

4. Unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 1 e 2 deste artigo, no prazo máximo de seis meses, contados desde a notificación da resolución de concesión, a dirección do instituto procederá ó aboamento da indemnización ó productor nun único pagamento.

Artigo 9º.-Financiamento.

1. O financiamento da indemnización por abandono da producción leiteira realizarase a través da aplicación do orzamento de gastos do Ilgga para o presente exercicio, 09.60.712A.770.0, na que existe crédito adecuado por importe de 733.395.454 pesetas.

2. A dita cantidade incrementarase coa que lle corresponda a esta Comunidade Autónoma, unha vez determinada a súa porcentaxe de participación na cantidade máxima establecida para todo o Estado no programa de abandono segundo o disposto na orde do MAPA do 8 de xuño de 2001.

Artigo 10º.-Deber de información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos correspondentes do Ilgga, o gandeiro ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da indemnización prevista nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12º.-Reintegro da indemnización.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda e mailos xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Recursos.

As resolucións que, na aplicación desta orde, dicte o director do Ilgga, non esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso de alzada ante o presidente do dito instituto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dictar cantas instruccións considere necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria