Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Venres, 31 de agosto de 2001 Páx. 11.647

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 23 de agosto de 2001 pola que se regulan as axudas e subvencións para a contratación de técnicos locais de emprego no ámbito da colaboración da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e as entidades locais a través dos programas de cooperación e se procede á súa convocatoria.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e os servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto

Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, polo Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúeselle a esta o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Así, correspóndelle, agora, a esta consellería a xestión e o control das subvencións e axudas públicas da política de emprego xestionadas anteriormente polo Inem, entre as que está o programa de fomento do emprego no ámbito da colaboración coas entidades locais. Estas medidas de fomento do emprego público dirixidas ás anteditas entidades agrúpanse, xa no ámbito competencial da Administración autonómica, baixo a rúbrica de «Programas de cooperación», respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais ou comunitarios dos que traen causa e, conceptual e orzamentariamente, os acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, rubricados pola Xunta de Galicia, polo sindicato nacional de Comisións Obreiras de Galicia, polo sindicato Unión Xeral de Traballadores de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia, o 13 de xullo de 1998.

As directrices europeas sobre o emprego recollen a importancia da creación de postos de traballo a nivel local e bosquexan unha estratexia de implicación de toda a sociedade nese empeño. Consecuentemente procede implantar un dispositivo que axude a promover iniciativas e articular mecanismos para que as administracións locais actúen como impulsoras da creación de emprego a nivel local desde a perspectiva de que existen novos filóns de emprego non explotados susceptibles de xerar novos postos de traballo, e é no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego. A constitución dun contorno local propicio á creación de emprego require o desenvolvemento dun conxunto de funcións esenciais como son a animación, o estímulo e a innovación. Para que estas funcións se poñan en práctica é necesaria e fundamental a presencia de técnicos locais de emprego coa formación e experiencia necesaria que lles permita utilizar unha metodoloxía

común e que poidan desempeñar diversas tarefas como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa. Desde esta perspectiva faise necesario potencia-lo papel das entidades locais como motoras da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, unha diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.

Estas bases reguladoras axústanse ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións, ó disposto na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orza

mentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

De conformidade co disposto no dito Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, o financiamento das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.460.0 por un importe total de 763.158.000 ptas.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou polas disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, todo iso no marco dos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001.

Consecuentemente con todo o anterior, realizadas as consultas e tramitados os informes pertinentes e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. Esta orde ten por obxecto establece-las bases que regulan a concesión e proceder á convocatoria das axudas e subvencións para a contratación ou prórroga da contratación de técnicos locais de emprego no ámbito da colaboración da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude coas entidades locais, a través dos programas de cooperación, como instrumento para promove-la configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local.

2. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta norma as entidades locais e as entidades dependentes ou vencelladas a unha Administración local.

Artigo 2º.-Definición e funcións dos técnicos locais de emprego.

1. Os técnicos locais de emprego configúranse como traballadores das entidades locais ou das entidades dependentes ou vencelladas a unha Administración local que teñen como misión principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.

2. A colaboración na implantación das políticas activas de emprego desenvolverase no marco da actuación conxunta entre a entidade contratante e a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, seguindo as directrices fixadas por esta, para o que os técnicos locais de emprego contratados:

a) Analizarán a evolución e repercusión das medidas activas de emprego na súa zona de actuación, facilitándolle información puntual á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

b) Colaborarán co resto dos integrantes da rede na procura da mellora da súa calidade, intercambiando coñecementos, experiencias, así como desenvolvendo actividades e proxectos conxuntos.

3. Os técnicos locais de emprego realizarán as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles emprendedores.

b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre os desempregados, promotores e emprendedores, así como institucións colaboradoras, levando a cabo accións de sensibilización cara ó fomento dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego.

c) Acompañamento técnico na iniciación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.

d) Apoio ós promotores das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

e) Calquera outra que axude á implantación das políticas activas de emprego na súa zona de influencia.

Artigo 3º.-Selección e contratación dos técnicos locais de emprego.

1. A selección dos técnicos locais de emprego, que deberá realizarse no prazo de 15 días desde a notificación da resolución de concesión, corresponderalle á entidade beneficiaria da subvención, logo da presentación de oferta xenérica ante o Servicio Público de Emprego.

2. En caso de non existiren candidatos idóneos entre os remitidos polo Servicio Público de Emprego, a entidade beneficiaria poderá acudir a outros procedementos de selección, de conformidade coa normativa vixente na materia, sempre que se garanta a idoneidade e o cumprimento dos requisitos dos candidatos mencionados no parágrafo seguinte.

3. Para seren contratados como técnico local de emprego, os candidatos deberán cumprir algún dos seguintes requisitos:

a) Ter superado con éxito o segundo ou o primeiro ciclo de estudios universitarios de economía, administración e dirección de empresas, socioloxía, dereito, ciencias políticas e da administración, enxeñería de montes ou agrónoma, empresariais, relacións laborais ou enxeñería técnica forestal ou agrícola.

b) Ter superado con éxito o segundo ou o primeiro ciclo de estudios universitarios doutras disciplinas distintas das previstas na letra anterior, sempre que se acrediten, ademais, dous anos de experiencia profesional ou coñecementos adquiridos en cursos universitarios de posgrao (másters ou de especialización), en ámbolos dous casos en materias relacionadas coas funcións propias dos técnicos locais de emprego sinaladas no artigo 2º 3.

4. Unha vez seleccionado o candidato e no prazo de 15 días sinalado no parágrafo primeiro e, en todo caso, antes de proceder á contratación do técnico local de emprego, as entidades beneficiarias deberán remitirlle á delegación provincial correspondente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, co obxecto de comproba-la súa idoneidade e o cumprimento dos requisitos previstos no parágrafo terceiro, a seguinte documentación:

a) Os datos relativos á titulación e experiencia profesional do candidato seleccionado, debidamente acreditados, así como os custos da contratación, indicando o salario bruto desagregado por conceptos e a cotización empresarial á Seguridade Social, no modelo que se publica como anexo II.

b) Certificación do secretario da entidade solicitante sobre os resultados da presentación de oferta xenérica ante o Servicio Público de Emprego.

5. En caso de que o candidato seleccionado non fose considerado idóneo pola delegación provincial correspondente ou non cumprise os requisitos esixidos, a entidade beneficiaria poderá presentar un novo candidato no prazo máximo de 15 días na forma prevista no parágrafo anterior.

6. Comprobada a idoneidade do candidato seleccionado e cumpridos os requisitos esixidos, a entidade beneficiaria terá un prazo máximo de 15 días para proceder á contratación do técnico local de emprego que, en todo caso, deberá realizarse e notificárselle á respectiva delegación provincial dentro do ano 2001.

Artigo 4º.-Adaptación inicial e actualización permanente da súa formación.

1. As entidades beneficiarias garantirán a adaptación dos técnicos locais de emprego ós seus postos de traballo facilitándolle-la metodoloxía, o material de apoio, así como o equipamento e recursos necesarios para o mellor desenvolvemento das súas funcións, así como o acceso á formación que se estableza.

2. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá comproba-la idoneidade dos mencionados procesos de adaptación e co obxecto de garanti-la actualización permanente dos técnicos locais de emprego, poderá organizar, con medios propios ou alleos, as actuacións necesarias para o seu cumprimento.

Artigo 5º.-Contía e duración da subvención.

1. A subvención consistirá no financiamento de ata a contía equivalente ó 80 por 100 dos custos laborais totais do técnico local de emprego, incluída

a cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos, cos seguintes límites máximos que se establecen en función da súa titulación e experiencia profesional:

a) No caso de que o seleccionado, ademais de ter superado o segundo ciclo de estudios universitarios dos previstos no artigo 3º 3.a), acredite tres anos de experiencia profesional ou teña feito algún curso universitario de posgrao (másters ou de especialización) en materias relacionadas coas funcións propias dos técnicos locais de emprego: ata 4.500.000 pesetas anuais por técnico.

b) Nos demais casos en que o seleccionado teña superado o segundo ciclo de estudios universitarios en calquera disciplina: ata 4.000.000 de pesetas anuais por técnico.

c) No caso de que o seleccionado teña superado o primeiro ciclo de estudios universitarios: ata 3.500.000 pesetas anuais por técnico.

Estes límites máximos establécense para cando a contratación se realice a xornada completa, en caso de contratos a tempo parcial realizarase a reducción proporcional correspondente.

2. A subvención por cada técnico local de emprego concederase por un período dun ano, podendo prorrogarse por iguais períodos ata un máximo de catro anos.

3. Transcorridos os catro anos poderá subvencionarse a súa contratación un quinto ano. Neste caso a subvención consistirá, como máximo, no financiamento de ata a contía equivalente ó 50 por 100 dos custos laborais totais, cos límites establecidos no parágrafo primeiro deste artigo.

Subvencionada durante cinco anos, a contratación do mesmo técnico non poderá ser novamente subvencionada pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4. Se a entidade solicitante percibise algunha outra subvención para o mesmo concepto, outorgada por outras administracións ou entes públicos ou privados, a cantidade resultante non poderá supera-lo 100 por 100 dos custos salariais totais do técnico local de emprego, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos.

Capítulo II

Procedemento de solicitude e concesión das subvencións

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As entidades sinaladas no artigo 1º 2 que pretendan beneficiarse das subvencións para a contratación ou prórroga da contratación de técnicos locais de emprego deberán formaliza-la correspondente solicitude, no modelo que se publica como anexo a esta orde, de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que estará ó seu dispor nas

oficinas de emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, subscrita polo titular ou representante legal da entidade local, debidamente acreditado, e deberá ir xunto coa documentación que se especifica no artigo seguinte.

2. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O último día hábil do prazo para presentación de solicitudes de novas contratacións e das prórrogas das subvencións concedidas en exercicios anteriores será o 25 de setembro de 2001.

Artigo 7º.-Documentación.

O modelo de solicitude e de prórroga das axudas e subvencións previstas no artigo anterior, que se publica como anexo I a esta orde, deberá ir xunto coa seguinte documentación que se presentará por triplicado exemplar:

1. Certificación do secretario da entidade solicitante na que conste:

-A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

-A disposición de financiamento para custea-la parte non subvencionada pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

-A aprobación, polo órgano competente, do proxecto para o que se solicita a subvención.

2. Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

3. Unha memoria do plan de acción para o emprego que desenvolverá cada técnico ou grupo de técnicos locais de emprego, que recollerá, alomenos, os seguintes aspectos:

a) Breve diagnóstico socioeconómico da zona de actuación:

-Delimitación da zona de actuación.

-Presentación das principais características socioeconómicas, moi especialmente, daquelas referidas á súa estructura da poboación, ó sistema productivo e ó mercado de traballo, entre outros. Reflectir para cada un destes parámetros, tanto a evolución histórica nos últimos anos e a situación actual, como as perspectivas de futuro.

-Nivel de implantación das políticas activas de emprego (evolución histórica nos últimos anos, situación actual e perspectivas de futuro).

-Oportunidades e ameazas que ofrece o territorio cara á estratexia que se establece para a creación

de emprego mediante o impulso da iniciativa empresarial.

b) Definición do plan de acción:

-Obxectivos.

-Descrición detallada do conxunto de actividades e servicios a promover polo/s técnico/s local/is de emprego.

-Organización de eventos, edición de material promocional e didáctico, atención de peticións de información e asesoramento, titoría e acompañamento de proxectos empresariais xeradores de emprego, realización de estudios, deseño e xestión de proxectos de dinamización local, implantación e seguimento dos programas de fomento do emprego, etc.

-Colaboracións previstas con axentes socioeconómicos e outras institucións cara ó desenvolvemento do plan de acción.

-Calendario previsto para a execución das actividades e servicios contidos no plan de acción, en especial daquelas que teñan un carácter puntual.

-Resultados previstos para cada unha das actuacións e servicios do plan de acción, expresados tanto en termos cualitativos como cuantitativos. Incluirase unha mención específica sobre os beneficiarios potenciais daquelas, caracterizando, na medida do posible, o seu público obxectivo.

c) Definición do plan de adaptación e operativo do/s técnico/s local/es de emprego:

-Número e perfil profesional do/s técnico/s local/is de emprego que se van contratar (incluí-la duración estimada do contrato).

-Funcións e tarefas que van desenvolve-los técnicos locais de emprego na posta en práctica do conxunto de actividades e servicios previstos no plan de acción (incluí-lo horario de atención ó público).

-Pautas e ferramentas metodolóxicas que van utiliza-los técnicos locais de emprego para desenvolve-las actividades e servicios previstos no plan de acción.

-Instrumentos, infraestructuras e recursos humanos que se porán a disposición do/s técnico/s para o desenvolvemento do plan de acción (descrición do local de traballo, do equipamento informático, do material de apoio, así como do servicio ó que se incorpora o/s técnico/s local/is de emprego e as relacións de colaboracións que se establecen cos demais departamentos da entidade beneficiaria).

-Plan de formación que se prevé desenvolver en favor do/s técnico/ local/is de emprego co obxectivo de complementar ou actualiza-los seus coñecementos actuais.

d) No caso de prórroga, ademais, un resumo estatístico das actuacións e servicios desenvolvidos polo/s técnico/s no ano anterior, así como dos beneficiarios daquelas.

4. Declaración na que se recolla o conxunto de tódalas axudas ou subvencións que teña solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes.

Artigo 8º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso esixidos ou a documentación achegada contivese erros ou fose insuficiente, a delegación provincial requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, ó abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Os expedientes, unha vez completos, remitiránselle á Comisión de Valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos nesta orde, a Comisión de Valoración estará composta polo secretario da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que a presidirá, e serán vocais o xefe do Servicio de Fomento do Emprego e un xefe de sección deste, actuando este último como secretario.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude, logo do informe da Comisión de Valoración e fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención Territorial, o delegado provincial, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dictará a resolución que proceda, que deberá serlles notificada ós interesados.

2. Transcorrido o prazo para resolve-lo procedemento sen que se dictase resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión de subvención, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso,

a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo ou, se é o caso, das correspondentes prórrogas, formalizados e debidamente rexistrados.

b) Orixinais ou copias compulsadas dos partes de alta na Seguridade Social dos traballadores contratados.

c) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional.

2. A documentación xustificativa deberá remitirse á respectiva delegación provincial no prazo dun mes desde o inicio da contratación, agás que a delegación provincial autorice expresamente a ampliación do prazo.

Artigo 11º.-Prórroga da subvención.

1. As entidades beneficiarias poderanlle solicitar á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a prórroga da subvención concedida por cada técnico local de emprego contratado con cargo á Orde do 20 de xullo de 2000, no prazo previsto no artigo 6º.3, xuntándolle á dita solicitude os seguintes documentos:

a) A documentación esixida con carácter xeral no artigo 7º.

b) O anexo II, previsto no artigo 3º.4.

2. Para que proceda a concesión da prórroga, o técnico local de emprego ten que cumpri-los requisitos establecidos no artigo 3º desta orde e achegar un resumo estatístico das actuacións desenvolvidas, os seus beneficiarios e os servicios que levou a cabo no ano anterior, co obxecto de facer consta-los resultados obtidos pola súa xestión. A concesión da prórroga estará en función destes resultados, que serán estudiados pola Comisión de Valoración (prevista no artigo 8º.3 desta orde) tendo en conta as peculiaridades da entidade local onde o técnico presta os seus servicios, valorando especialmente a xeración de iniciativas empresariais e o número de postos de traballo creados como consecuencia da súa actuación. A resolución que, se é o caso, aprobe a concesión da prórroga poderá ter efecto retroactivo, sempre que non se interrompese a contratación e a prestación dos servicios polo técnico local de emprego.

Artigo 12º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

1. As entidades beneficiarias das subvencións para a contratación de técnicos locais de emprego asumen as seguintes obrigas:

a) Poñer á disposición dos técnicos locais de emprego tódolos medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipos informáticos precisos (incluído lector de CD-Rom), así como acceso a Internet e correo electrónico.

b) Remitirlle á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a seguinte documentación:

-Unha memoria descritiva das actividades realizadas polo/s técnico/s local/is de emprego en cada semestre natural do ano, no modelo normalizado que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego. Esta memoria presentarase durante o mes de xullo e durante o mes de xaneiro do ano seguinte, agás que o técnico/s remate/n a súa prestación de servicios. Neste caso, a memoria deberá remitirse con anterioridade á finalización do contrato.

-No mes seguinte á finalización de cada período anual subvencionado, copias compulsadas das nóminas aboadas ó/s técnico/s e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (modelo TC-2).

c) Comunicarlle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional, no momento de presenta-la solicitude e con carácter previo ós pagamentos.

d) Cumpri-las demais obrigas que se deriven da normativa aplicable ás subvencións previstas nesta orde.

e) En todo caso, as entidades locais someteranse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións reguladas nesta orde e ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

f) A obriga de publicidade, de conformidade co establecido no artigo seguinte.

Artigo 13º.-Publicidade.

Para efectos de identificación e de difusión da rede de técnicos locais de emprego, no prazo dun mes desde a contratación, a entidade beneficiaria deberá colocar, de forma visible, nas dependencias

nas que presta os seus servicios o técnico local de emprego, unha placa identificativa, en modelo normalizado, que facilitará a Dirección Xeral de Fomento do Emprego.

Artigo 14º.-Incumprimento de obrigas.

O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde dará lugar ó reintegro total ou parcial, segundo proceda, da axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo do establecido na Lei 8/1988, do 7 de abril, sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global a cantidade de 763.158.000 prevista na aplicación 14.04.241A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

Segunda.-Para os efectos do disposto nesta orde, terán a consideración de técnicos locais de emprego os axentes de emprego e desenvolvemento local contratados en exercicios anteriores ó abeiro das subvencións concedidas a través das correspondentes ordes reguladoras da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Terceira.-Se, por calquera causa, no momento no que a Comisión de Valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o órgano competente.

Cuarta.-As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ó réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada polo artigo 7 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude