Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Mércores, 29 de agosto de 2001 Páx. 11.538

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 28 de agosto de 2001 pola que se fixan as cantidades actualizadas das subvencións por gastos electorais para as eleccións ó Parlamento de Galicia do día 21 de outubro de 2001.

O Decreto 197/2001, do 27 de agosto, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións, establece no seu artigo 2, a convocatoria dos devanditos comicios para o vindeiro día 21 de outubro.

Por outra parte, a Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia, modificada pola Lei 15/1992, do 30 de decembro, refírese no seu artigo 44 ás subvencións da Comunidade Autónoma para gastos electorais, determinando no punto número 4: «As cantidades mencionadas nos números anteriores refírense a pesetas constantes. A Consellería de Economía e Facenda fixará as cantidades actualizadas nos cinco días seguintes ó da convocatoria de eleccións».

Para o cálculo das cantidades previstas para o 2001 aplícase, ás contías fixadas na Orde do 29 de agosto de 1997, o IPC acumulado desde novembro de 1997-outubro 2001, que se estima será do 12,07%.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.-As cantidades ás que se refire o artigo 44 da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia, modificada pola Lei 15/1992, do 30 de decembro, unha vez actualizadas, serán as seguintes:

1. Subvención de dous millóns cincocentas oitenta e dúas mil noventa e tres (2.582.093) pesetas (15.518,69 euros) por cada escano obtido.

2. Subvención de noventa e seis (96) pesetas (0,58 euros) por cada un dos votos acadados por cada candidatura, se un, polo menos, dos membros dela obtivo escano de deputado.

3. Ademais das anteriores subvencións ás que se refiren os números anteriores, a Comunidade Autónoma subvencionará os partidos, federacións, coalicións e agrupacións de electores, polos gastos ocasionados polo envío directo e persoal ós electores de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral, a razón de vinteseis (26) pesetas (0,16 euros) por elector, sempre que a candidatura de referencia obteña representación.

4. O límite dos gastos electorais nas eleccións ó Parlamento de Galicia será o que resulte de multiplicar por setenta e sete (77) pesetas (0,46 euros)

o número de habitantes correspondente á poboación de dereito da circunscrición onde presente as súas candidaturas cada partido, federación, coalición ou agrupación de electores.

Non se incluirán dentro dos límites dos gastos electorais as cantidades subvencionadas de acordo co disposto no número 3 anterior.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2001.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda