Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Martes, 28 de agosto de 2001 Páx. 11.503

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 199/2001, do 27 de agosto, polo que se fixan as gratificacións e indemnizacións que percibirán os membros da Administración electoral en Galicia e o persoal ó seu servicio así como os xuíces de primeira instancia ou de paz e os representantes da Administración da Comunidade Autónoma nas mesas electorais co gallo das eleccións ó Parlamento de Galicia de 2001.

De conformidade co disposto nos artigos 13.2º e 22.2º da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, o Consello da Xunta será quen deba fixa-las compensacións económicas que lles correspondan ós membros da Xunta Electoral de Galicia e das xuntas electorais provinciais e de zona para as eleccións ó Parlamento de Galicia 2001.

Por outro lado, e tal e como preceptúa o articulado anterior, é tamén obriga do Consello da Xunta facilitarlles ás xuntas electorais provinciais e de zona que poidan dispor dos medios persoais e materiais necesarios para o exercicio da súas funcións.

Neste senso, e co obxecto de acadar unha axeitada integración entre os principios regulados polo Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, e a vixente normativa electoral autonómica, á hora de fixa-las ditas compensacións, consideráronse as funcións que lle corresponden á Administración electoral no marco fixado pola vixente lexislación e valoráronse os precedentes dos procesos electorais que aconteceron desde as últimas eleccións autonómicas.

Polo tanto, para un mellor desenvolvemento do proceso electoral autonómico e co obxecto de dárlle-lo obrigado cumprimento ás prescricións legais contidas na Lei orgánica do réxime electoral xeral e evitar deste xeito as disfuncións que a dispersión da norma podería provocar, faise necesario regular, sen ningunha demora, as gratificacións e indemnizacións anteriormente citadas.

Na súa virtude, facendo uso da habilitación que lle confire a disposición adicional da Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia, que faculta a Xunta de Galicia para dicta-las disposicións precisas para o seu cumprimento e execución, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vintesete de agosto de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Xunta Electoral de Galicia.

1. Os membros da Xunta Electoral de Galicia terán dereito, polo desempeño da súas funcións nas eleccións ó Parlamento de Galicia de 2001, ás gratificacións fixas que a continuación se detallan:

Presidente: 630.000 pesetas.

Vicepresidente: 285.000 pesetas.

Secretario: 480.000 pesetas.

Vocais: 255.000 pesetas.

2. O resto das indemnizacións e a súa forma de pagamento serán acordados polo Parlamento de Galicia.

Artigo 2º.-Xuntas electorais provinciais e de zona.

1. Os membros das xuntas electorais provinciais teñen dereito, polo desempeño das súas funcións nas eleccións ó Parlamento de Galicia de 2001, ás gratificacións fixas que a continuación se detallan:

a) Xuntas electorais da Coruña e Pontevedra.

Presidente: 500.000 pesetas.

Secretario: 470.000 pesetas.

Vocais xudiciais: 220.000 pesetas.

Vocais non xudiciais: 125.000 pesetas.

Delegado da Oficina do Censo Electoral: 220.000 pesetas.

b) Xuntas electorais de Lugo e Ourense.

Presidente: 470.000 pesetas.

Secretario: 440.000 pesetas.

Vocais xudiciais: 200.000 pesetas.

Vocais non xudiciais: 113.000 pesetas.

Delegado da Oficina do Censo Electoral: 200.000 pesetas.

c) O dereito ás gratificacións sinaladas neste punto nacerá desde o momento no que se tome posesión do cargo correspondente, e enténdese referido á totalidade do tempo no que as xuntas electorais provinciais cumpran as súas funcións, desde a súa constitución ata que conclúan o seu mandato por expiración do prazo legal, de conformidade co disposto no artigo 15.2º da LOREX.

No suposto de que o período de desempeño do cargo dalgún dos seus membros sexa inferior ó mandato legal anteriormente mencionado, terán dereito exclusivamente a unha cantidade proporcional ó tempo efectivo do desempeño do cargo.

O aboamento destas gratificacións realizarase unha vez finalizado o mandato das xuntas electorais provinciais.

2. Os membros de tódalas xuntas electorais de zona percibirán como gratificación polo desempeño das súas funcións nas eleccións ó Parlamento de Galicia de 2001 as gratificacións fixas que a continuación se detallan:

Presidente: 380.000 pesetas.

Secretario: 345.000 pesetas.

Vocais xudiciais: 160.000 pesetas.

Vocais non xudiciais: 90.000 pesetas.

O dereito ás gratificacións sinaladas neste punto nacerá desde o momento no que se tome posesión do cargo correspondente, e enténdese referido á totalidade do tempo no que as xuntas electorais de zona cumpran a súas funcións, desde a súa constitución ata que conclúan o seu mandato por expiración do prazo legal, de conformidade co disposto no artigo

15.2º da LOREX.

No suposto de que o período de desempeño do cargo dalgún dos seus membros sexa inferior ó mandato legal anteriormente mencionado, terá dereito exclusivamente a unha cantidade proporcional ó tempo efectivo do desempeño do cargo.

O aboamento destas gratificacións realizarase unha vez finalizado o mandato das xuntas electorais de zona.

3. Para remunera-los servicios extraordinarios prestados polo persoal colaborador ás xuntas electorais provinciais e de zona, asignarase a cantidade de 7.500 pesetas por cada unha das mesas que efectivamente se constitúan na respectiva provincia; máis un achegamento adicional de 625.000 pesetas ás provincias de Lugo e Ourense.

Neste senso, para poder participar como persoal colaborador das xuntas electorais provinciais e de zona será precisa a súa pertenza como funcionario ou laboral a calquera das administracións públicas.

O importe resultante no ámbito provincial terá carácter limitativo, e será repartido pola xunta electoral provincial entre tódalas xuntas electorais existentes na provincia.

4. Cando os membros das xuntas electorais provinciais e de zona, para asistiren ás reunións regulamentariamente convocadas, teñan que desprazarse fóra do municipio da súa residencia habitual seranlles aboados integramente os gastos de transporte e, se utilizasen o seu vehículo particular, aboaráselles cada quilómetro percorrido a razón de 28 pesetas.

Se ó efectuaren o desprazamento se fixese todo ou parte do percorrido por autoestrada de peaxe, será indemnizado o gasto da peaxe, que se deberá acreditar coa presentación do xustificante que verifique a súa realización.

5. A Xunta de Galicia, co obxecto de dar obrigado cumprimento ó preceptuado na normativa electoral vixente, porá a disposición das xuntas electorais provinciais e de zona os medios materiais necesarios para o exercicio das súas funcións.

Neste senso e con cargo a este punto sufragaranse todos aqueles gastos de natureza material que resulte necesario efectuar para o correcto funcionamento das administracións electorais especificadas no parágrafo anterior.

Artigo 3º.-Delegados das xuntas electorais de zona.

1. Os secretarios dos concellos, pola súa condición de delegados das xuntas electorais de zona, percibirán unhas cantidades fixas, que virán determinadas polo número total de mesas electorais que efectivamente se constitúan no municipio ou municipios nos que actúen como tales, con independencia da natureza dos agrupados ou acumulados que teñan aqueles con relación ó titular da secretaría.

Os importes que se lles aboará ós delegados das xuntas electorais de zona serán os seguintes:

Número de mesas electorais:

Secretarios: número non superior a 10 mesas: 120.000.

Número comprendido entre 11 e 50 mesas: 130.000.

Número superior a 50 mesas: 140.000.

O dereito á percepción das gratificacións anteriores enténdese referido á totalidade do proceso electoral autonómico. No suposto de que se permaneza no cargo por un tempo inferior terase dereito a unha cantidade proporcional ó que permanecese nel.

No suposto de que o titular dunha secretaría sexa adscrito a un novo concello durante a celebración do proceso electoral autonómico, percibirá, se é o caso, ademais, a diferencia que lle corresponda co xa percibido, se o concello de destino está comprendido nun tramo distinto ó de orixe.

O aboamento destas gratificacións realizarase unha vez concluído o mandato das xuntas electorais de zona, de conformidade co disposto no artigo 15.2º da LOREX.

2. Para remunera-los servicios extraordinarios prestados polo persoal dos concellos, asignarase a cantidade de 6.300 pesetas por cada mesa electoral efectivamente constituída no respectivo municipio, tendo a cantidade resultante carácter limitativo.

3. Cando os secretarios dos concellos, como membros das xuntas electorais de zona, teñan que desprazarse fóra do municipio da súa residencia habitual para asistir ás reunións regulamentariamente convocadas por estas, seranlles aboados integramente os gastos de transporte e, se utilizasen o seu vehículo particular aboaráselles cada quilómetro percorrido a razón de 28 pesetas.

Se ó efectuaren o desprazamento se fixese todo ou parte do percorrido por autoestrada de peaxe, será indemnizado o gasto da peaxe, que se deberá acreditar coa presentación do xustificante que verifique a súa realización.

Artigo 4º.-Membros das mesas electorais.

1. De conformidade coa orde do Ministerio do Interior do 3 de abril de 1991 e a súa actualización por Resolución do 22 de marzo de 1993 (BOE do 26 de marzo), pola súa vez actualizada pola Resolución do 22 de xaneiro de 2001 (BOE do 24 de xaneiro) todas elas motivadas polo disposto no artigo 28.2º da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, e en relación co artigo 1 e a disposición adicional primeira do mesmo corpo legal, quen sexa nomeado para o cargo de presidente e vocal das mesas electorais percibirá 8.700 pesetas en concepto de indemnización.

Só terán dereito á indemnización arriba mencionada aqueles que teñan a condición de titulares e os suplentes unicamente cando adquiran tal condición. Así mesmo o dereito a ela serao no seu importe íntegro, con independencia do tempo da xornada electoral no que se estivese desempeñando o cargo.

2. Os presidentes, vocais e suplentes das mesas electorais que resulten nomeados de conformidade co establecido na Lei orgánica 5/1985, do 19 de

xuño, do réxime electoral xeral, quedarán protexidos polo sistema da Seguridade Social fronte ás continxencias e situacións que poidan derivarse da súa participación nas eleccións.

Para efectos do disposto no parágrafo anterior, os referidos membros das mesas electorais considéranse, durante o exercicio da súa función, como asimilados ós traballadores por conta allea do réxime xeral da Seguridade Social para a continxencia de accidentes de traballo.

Neste senso, a Xunta de Galicia, e de conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, farase cargo da cotización correspondente á cobertura de riscos fronte ás continxencias e situacións que poidan derivarse da participación dos presidentes, vocais e suplentes das mesas electorais nas eleccións ó Parlamento de Galicia de 2001.

Artigo 5º.-Xuíces de primeira instancia ou de paz.

1. Pola realización das actividades estipuladas polo artigo 101 da Lei orgánica do réxime electoral, os xuíces de primera instancia ou de paz, se é o caso, que fosen nomeados para a súa execución, percibirán a cantidade de 8.500 pesetas.

2. Por outro lado, e sen prexuízo do estipulado no parágrafo anterior, polo traslado da documentación electoral á que fai referencia o artigo 101.3. da LOREX, ós xuíces de primeira instancia ou de paz seránlles aboados integramente os gastos de transporte e, se utilizasen o seu vehículo particular aboaráselles cada quilómetro percorrido a razón de 28 pesetas.

Se ó efectuaren o desprazamento se fixese todo ou parte do percorrido por autoestrada de peaxe, será indemnizado o gasto da peaxe, que se deberá acreditar coa presentación do xustificante que verifique a súa realización.

Artigo 6º.-Representantes da Administración autonómica nas mesas electorais.

Os representantes da Administración autonómica nas mesas electorais percibirán unha indemnización individual de 15.000 pesetas en compensación polas funcións que deberán levar a cabo durante as eleccións ó Parlamento de Galicia de 2001.

Entenderanse incluídos dentro da dita indemnización, todos aqueles gastos de transporte nos que incorran os representantes da Administración durante os días nos que deban presta-los seus servicios nos vindeiros comicios autonómicos.

Disposición adicional

Única.-Para o aboamento das cantidades establecidas neste decreto, deberán observarse, en tódolos seus termos, as instruccións económico-administrativas que dicte a Consellería da Presidencia e Administración Pública para a execución dos orzamentos de gastos electorais co gallo das eleccións ó Parlamento de Galicia de 2001.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 219/1985, do 17 de outubro, polo que se fixan as indemnizacións e gratificacións que percibirán os membros das xuntas electorais e o persoal posto ó seu servicio así como os representantes da Administración da Comunidade Autónoma nas mesas electorais, e cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de agosto de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública