Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 21 de agosto de 2001 Páx. 11.196

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2001 pola que se comunica a apertura do prazo de presentación de proxectos para acollerse á iniciativa comunitaria Leader.

O artigo 20, número 1º, letra c) do Regulamento (CE) nº 1260/1999, do Consello, do 21 de xuño de 1999, crea unha iniciativa relativa ó desenvolvemento rural (DO L 161 do 26-6-1999, p. 1). O 14 de abril de 2000 a Comisión das Comunidades Europeas adopta a comunicación dirixida ós estados membros pola que se fixan orientacións sobre a citada iniciativa comunitaria de desenvolvemento rural, denominada Leader (DO C 139 do 18-5-2000, p. 5).

Esta iniciativa pretende completa-los programas xerais, impulsando actividades integradas concibidas e aplicadas por grupos de cooperación que operen a escala local, de xeito semellante a como se concibiron as anteriores iniciativas comunitarias Leader I e Leader II.

Non obstante, o obxectivo do Leader é incitar e axuda-los axentes do mundo rural a reflexionar sobre o potencial do seu territorio nunha perspectiva a máis longo prazo. Así mesmo, a dita iniciativa intenta fomenta-la aplicación de estratexias orixinais

de desenvolvemento sustentable integradas, de calidade e destinadas á experimentación de novas formas de valoración do patrimonio natural e cultural, de mellora do contorno económico co fin de contribuír á creación de emprego e de mellora da capacidade de organización das respectivas comunidades.

De conformidade coas directrices contidas na comunicación da comisión ós estados membros antes citada, a Xunta de Galicia presentou para a súa aprobación un programa rexional co obxecto de articula-la aplicación da iniciativa na Comunidade Autónoma de Galicia.

Este programa establece como modalidade de aplicación a subvención global. Conta cunha dotación orzamentaria de 54,5 millóns de euros provenientes do fondo estructural FEOGA-O da Unión Europea para o período 2000-2006 e afecta a todo o territorio de Galicia exceptuando os núcleos urbanos das cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Ferrol, Pontevedra e Vigo. O resto de financiamentos públicos previstos son:

-Administración autonómica: 9,9 millóns de euros.

-Administración central: 9,8 millóns de euros.

-Administración local: 7,5 millóns de euros.

Por último, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ten atribuídas as funcións de xestión, control e seguimento da iniciativa Leader en relación ó desenvolvemento rural, de acordo coa disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, na que se crea a axencia, e co Decreto 79/2001, do 6 de abril, no que se aproba o Regulamento da axencia.

En virtude do anteriormente exposto, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Ábrese o prazo de presentación de solicitudes para acollerse á iniciativa comunitaria Leader no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que se iniciará o día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 17 de setembro de 2001. As solicitudes indicarán, polo menos, a denominación completa, CIF, enderezo e representante legal do solicitante, e presentaranse na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, sita na rúa da Fonte de Santo Antonio, nº 1, 15702 Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

-Descrición do grupo de acción local.

-Definición do territorio de aplicación.

-Proxecto de desenvolvemento rural:

-Análise do territorio.

-Diagnóstico.

-Elección e xustificación do/s tema/s aglutinador/es.

-Deseño da estratexia e obxectivos perseguidos.

-Fichas tipo de actuacións por eixes.

-Plan de financiamento por eixes e anos.

-Procedemento de xestión e aplicación:

-Compromiso de nomeamento do responsable económico-financeiro.

-Certificacións dos acordos das administracións locais implicadas nas que se recolla o compromiso de achega-lo financiamento que corresponda a esta administración segundo o plan financeiro do programa presentado.

3. A documentación presentarase por triplicado. Dada a participación da Unión Europea e do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación na iniciativa comunitaria é preciso que dous dos exemplares se presenten integramente en castelán.

4. Esta convocatoria sométese ás bases reguladoras contidas no programa rexional Leader aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coas orientacións contidas na comunicación da Comisión das Comunidades Europeas ós estados membros, do 14 de abril de 2000 (2000/C139/05).

Así mesmo, sométese á decisión da comisión nº C(2001)1245, do 18 de maio.

5. A selección dos programas e dos grupos de acción local participantes na convocatoria efectuarase mediante resolución da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, tralo acordo adoptado pola comisión de selección.

O prazo para dictar resolución expresa e notificala ós interesados será de 3 meses contados desde a publicación desta convocatoria. O vencemento dese prazo sen que se dicte a resolución expresa lexitima ó interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

6. Contra as resolucións dos expedientes tramitados ó abeiro desta convocatoria poderá interporse recurso de alzada, que resolverá o presidente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Poderá presentarse o recurso perante o dito órgano ou perante a directora xeral da axencia, nos seguintes prazos: 1 mes, contado desde o día seguinte ó da notificación da resolución, se esta é expresa, ou 3 meses, contados desde o día seguinte a aquel en que produza efectos o silencio administrativo, se non se dicta a resolución no prazo previsto.

7. Respecto do financiamento autonómico da iniciativa comunitaria Leader será aplicable o previsto sobre axudas públicas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

8. Para facilita-la elaboración dos proxectos a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pon á disposición dos interesados unha guía, que pode recollerse no enderezo citado no punto 1, sede da axencia, ou consultarse na web da Xunta de Galicia (www.xunta.es/conselle/) no epígrafe correspondente á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural dentro da Consellería de Economía e Facenda.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2001.

Belén Hernández Lafuente

Directora xeral da Axencia Galega

de Desenvolvemento Rural