Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 21 de agosto de 2001 Páx. 11.194

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 21 de xuño de 2001, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación dos montes da parroquia de Santa Cristina de Lavadores, do concello de Vigo.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co diposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra dictou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente:

José Luis Díez Yáñez (delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

Vocais:

Luis Mª Muíños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta).

Teodoro Arribas Serrano (xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

Vocais representantes da parroquia de Santa Cristina de Lavadores do Concello de Vigo:

Abdón Escariz Vázquez.

José Antonio Domínguez Fernández.

Emilio Pazos González.

Manuel Rodríguez Costas.

Vocais representantes da parroquia de Cabral do Concello de Vigo:

Calixto Escariz Vázquez.

Secretaria:

Mª José León Gómez (xefa do Servicio Técnico-Xurídico da Delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día vinte de xuño de 2001, coa asistencia das persoas á marxe sinaladas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en

Man Común co obxecto de decidir sobre a clasificación dos montes da parroquia de Santa Cristina de Lavadores, do concello de Vigo.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Por Jerónimo Escariz Vázquez solicitou en data do 7-4-1992, a iniciación dos trámites para a clasificación como veciñais en man común de varios montes da parroquia de Santa Cristina de Lavadores do concello de Vigo.

Segundo.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes veciñais na súa reunión de data 23-7-1992 acordou iniciar os trámites para a clasificación do monte Meixoeiro, pertencente á parroquia de Lavadores, así como a remisión do expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais da entón Delegación Provincial de Agricultura, Gandería e Montes de Pontevedra para o seu estudio e informe.

Terceiro.-En sesión de data 22-7-1998, o Xurado adoptou o acordo de nomear a Serafín Quinteiro Blanco relator do expediente de clasificación.

Cuarta.-Cumprida e observada a tramitación legal e regulamentariamente esixida, no preceptivo trámite de audiencia presentouse unicamente a comunidade de montes veciñais en man común de Cabral por problemas de estremas entre parroquias, problema que quedou resolto pola acta de deslindamento antre ámbalas dúas parroquias presentada o 15 de setembro de 2000.

Quinto.-Por acordo do xurado na reunión celebrada en data 29-11-2000, e como consecuencia do cesamento a petición propia do relator nomeado, noméase novo relator a Teodoro Arribas Serrano.

Sexto.-Visto o informe preceptivo do Servicio de Montes e Industrias Forestais, e efectuada visita ó terreo, os montes con aproveitamento veciñal da parroquia de Santa Cristina de Lavadores redúcense ós seguintes:

Nome do monte: Lavadores Norte.

Cabida: 0,40 ha aproximadamente.

Estremas:

Norte: estrada local e camiño veciñal.

Sur: Centro de Formación Profesional Paz Andrade.

Leste: estrada vella de Madrid.

Oeste: camiño e Centro de Formación Profesional Paz Andrade.

Nome do monte: Lavadores Sur.

Cabida: 2,40 ha aproximadamente.

Estremas:

Norte: encrucillada das estradas vellas de Madrid e das Fontiñas.

Sur: campo de fútbol municipal.

Leste: estrada das Fontiñas, Desguaces Mingos e parroquia de Cabral.

Oeste: Centro de Formación Profesional Ricardo Mella e estrada vella de Madrid.

Fundamentos de dereito.

1. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. Trátase de dúas parcelas ben delimitadas, que os veciños declaran vir aproveitando desde tempo inmemorial, consuetudinariamente en réxime de comunidade.

3. De conformidade co establecido no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, así como no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa cualidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento veciñal de feito do dito monte por parte dos vecinos. No presente caso, toda vez que no informe preceptivo realizado polo técnico competente, maniféstase a realidade do dito aproveitamento veciñal; queda así efectivamente acreditado que ámbolos dous montes cumpren suficientemente o recollido no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, propoñéndose a súa clasificación con tal carácter.

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación ó caso examinado, o instructor propón, e de maneira unánime o xurado

ACORDA:

Clasificar como veciñais en man común a favor dos veciños da parroquia de Santa Cristina de Lavadores do concello de Vigo os montes Lavadores Norte e Lavadores Sur por terse demostrado, no curso do expediente, o aproveitamento veciñal de feito en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos veciños da parroquia e reuniren os requisitos establecidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outu

bro, de montes veciñais en man común, correspondéndose coa planimetría elaborada para o efecto polo Servicio de Montes e Industrias Forestais que forma parte inseparable da presente resolución, e de acordo coa descrición, cabida e estremas sinalada no antecedente de feito sexto.

Por parte dos representantes da parroquia de Lavadores maniféstase a súa desconformidade coa clasificación efectuada.

Contra a presente resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 21 de xuño de 2001.

José Luis Díez Yáñez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra